martes, 20 de enero de 2026

TERCEIRA CONVOCATORIA DE SUBVENCIÓNS PARA ACCIÓNS FORMATIVAS DO SISTEMA DE FORMACIÓN PROFESIONAL DOS GRAOS A, B, C E COMPETENCIAS CLAVE, PARA PERSOAS TRABALLADORAS OCUPADAS 2026

 Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

ORDE do 23 de decembro de 2025 pola se procede á terceira convocatoria de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva para o financiamento de accións formativas do Sistema de formación profesional dos graos A, B e C, e competencias clave, para persoas traballadoras ocupadas, para o exercicio 2026 (código de procedemento TR301X).

Obxecto, finalidade e ámbito de aplicación
1. Esta orde ten por obxecto proceder, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, á terceira convocatoria de subvencións para a realización de accións formativas do Sistema de formación profesional dos graos A, B e C, e competencias clave, para persoas traballadoras ocupadas (código de procedemento TR301X).
2. As subvencións que se concedan ao abeiro do disposto nesta orde de convocatoria terán como finalidade o financiamento das especialidades formativas relacionadas no anexo III, e estarán dirixidas á adquisición e mellora de competencias profesionais con impacto no mercado laboral conducentes a unha formación formal total ou parcial incluída nun certificado profesional, ou a adquisición de competencias clave.
3. As bases reguladoras desta convocatoria están recollidas na Orde do 13 de agosto de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para o período 2024-2026 e se efectúa a primeira convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, co fin de financiar accións formativas do Sistema de formación profesional dos graos A, B e C, e competencias clave, destinadas a persoas traballadoras ocupadas, para o exercicio 2024.

Entidades beneficiarias
1. Poderán solicitar e obter a condición de beneficiarias das subvencións reguladas nesta orde as empresas e as entidades sen ánimo de lucro que, con anterioridade á data de presentación da solicitude de subvención, estean acreditadas ou, de ser o caso, inscritas para impartiren no ámbito da Comunidade Autónoma as ofertas formativas do Sistema de formación profesional dos graos A, B e C e/ou as competencias clave para as cales soliciten subvención, xa sexa na modalidade presencial ou virtual, entendida esta última como modalidade de teleformación.
2. As entidades deberán dispor, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, das instalacións debidamente homologadas que permitan a impartición das actividades presenciais das accións formativas solicitadas.
As entidades que soliciten impartir a formación na modalidade virtual deberán contar con autorización previa para a impartición das mesmas ofertas na modalidade presencial.
Caso de contar coa autorización para impartir a oferta presencial, deberá garantirse que se dispón dos requisitos de espazos e recursos necesarios para a súa realización ou, de ser o caso, formalizar un convenio ou acordo público cun centro de formación profesional localizado na Comunidade Autónoma de Galicia que, estando acreditado con anterioridade á data de presentación da solicitude de subvención para impartir as referidas ofertas na modalidade presencial, garanta a presencialidade nos casos necesarios, incluídas, de ser o caso, as probas finais de cada módulo profesional. Estes centros non se poderán modificar durante o desenvolvemento da acción formativa.
3. Para poder seren beneficiarias da subvención, as entidades deberán contar co compromiso de participación do número mínimo de persoas traballadoras ocupadas que se determine na convocatoria para poder iniciar a acción formativa, así como do persoal docente encargado da súa impartición.

Persoas destinatarias da formación
As accións formativas obxecto de financiamento dirixiranse ás persoas traballadoras ocupadas.

Entrada en vigor e prazo de presentación de solicitudes
A orde desta terceira convocatoria entrará en vigor aos 5 días hábiles seguintes aos da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
O prazo de presentación estará aberto desde o día da entrada en vigor da orde ata o 30 de setembro de 2026, ou, de ser o caso, até que se esgote o crédito orzamentario dispoñible.

Forma e lugar de presentación das solicitudes
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado dispoñible na aplicación SIFO, accesible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal ou no enderezo directo https://emprego.xunta.es/sifo-solicitudes.

Prazo de execución das accións formativas
A data límite para o remate das accións formativas desta convocatoria será o 29 de novembro de 2026.