lunes, 27 de enero de 2014

CONVOCATORIA DA PROBA ESPECÍFICA DE VALIDACIÓN DE PROFESIONAIS SEN FORMACIÓN PREVENTIVA ESPECIALIZADA PARA INSCRICIÓN NO REXISTRO DE COORDINADORES/AS EN MATERIA DE SEGURIDADE E SAÚDE NAS OBRAS DE CONSTRUCIÓN.

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR



1. Convocatoria.
Convócase a proba específica de validación para profesionais sen formación preventiva especializada que desexen inscribirse no Rexistro de coordinadores e coordinadoras en materia de seguridade e saúde nas obras de construción.
2. Solicitudes e prazo de presentación.
a) Aqueles profesionais que desexen realizar a proba de validación deberán solicitalo á Dirección Xeral de Traballo e Economía Social da Consellería de Traballo e Benestar, achegando a documentación establecida no anexo do Decreto 153/2008, indicando no recadro correspondente ao punto «OUTRAS» do punto 5 do anexo («Documentación adxunta») que se solicita a realización da proba.
b) O prazo de solicitude será de 20 días contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución.
3. Requisitos.
a) Para os efectos do establecido no artigo 12.2 do Decreto 153/2008, considerarase como experiencia continuada polo menos dous anos de exercicio como coordinador.
b) A xustificación do cumprimento dos requisitos realizarase mediante a presentación do documento de designación de acordo co establecido no artigo 3.1 do Real decreto 1627/1997, ou certificación emitida polo/a promotor/a, en que se relacionen as obras en que foi designado/a o/a coordinador/a. O/a solicitante deberá xuntar unha declaración responsable da duración do seu nomeamento de coordinador/a en cada unha das obras.

viernes, 24 de enero de 2014

SUBVENCIÓN PARA INVESTIMENTOS INNOVADORES PARA O CRECEMENTO EMPRESARIAL (PROGRAMA i2C INN)

AXENCIA GALEGA DE INNOVACIÓN


Obxecto e réxime das subvencións
1. As subvencións recollidas nestas bases teñen por obxecto incentivar o desenvolvemento de actuacións que incidan na capacidade competitiva das empresas e que incrementen a súa capacidade tecnolóxica e innovadora mediante a dotación de recursos materiais específicos para desenvolver os seus proxectos de innovación, así como a dotación específica de unidades de I+D como vía de mellora da súa competitividade mediante a posta no mercado de novos ou mellorados produtos ou servizos, e a transferencia de tecnoloxía entre organizacións densas en coñecemento e orientadas á innovación.
2. Segundo o establecido no artigo 12 do Regulamento (CE) núm. 800/2008, subvencionaranse os investimentos dirixidos a:
a) Investimentos innovadores.
a.1) Creación dun novo centro produtivo; a ampliación dun establecemento da empresa solicitante coa finalidade de permitir o desenvolvemento de novos produtos e procesos.
a.2) Diversificación da produción dun establecemento para atender mercados de produtos novos e adicionais.
a.3) Unha transformación fundamental de carácter innovador no proceso global de produción dun establecemento existente.
b) Dotación de unidades de I+D. Creación e ampliación da capacidade tecnolóxica estable dentro das empresas mediante estruturas de investigación e innovación de dimensión apropiada para a xeración de desenvolvemento tecnolóxico e non asociadas á actividade produtiva.
c) Transferencia de tecnoloxía mediante a adquisición de licenzas relativas a invencións.
Beneficiarios
Poderán ser beneficiarias destas subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos na convocatoria e nestas bases, as empresas de carácter privado con personalidade xurídica que estean validamente constituídas no momento de presentación das solicitudes e que teñan o seu domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia.
De acordo co artigo 1.6.a) do Regulamento (CE) núm. 800/2008, exclúense como posibles beneficiarios da presente convocatoria os solicitantes que estean suxeitos a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que tivese declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
Igualmente, e tendo en conta o establecido no artigo 1.6.c) do Regulamento (CE) núm. 800/2008, exclúense como posibles beneficiarias da presente convocatoria as empresas en crise.
Prazo de solicitude: ata o 24 de febreiro de 2014.

SUBVENCIÓN PARA O FOMENTO DA PROPIEDADE INDUSTRIAL(PROGRAMA i2C PI)

AXENCIA GALEGA DE INNOVACIÓN


Obxecto:
1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión das axudas da Axencia Galega de Innovación para o fomento da propiedade industrial (código de procedemento: IN525A), que se inclúen como anexo I.
2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as devanditas subvencións para o ano 2014.
3.a. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido na Lei 9/2007 que no seu artigo 19.2º establece que as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán excepcionar do requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e a finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario coas garantías previstas no artigo 31.4º desta lei.
b. A concesión destas axudas estará en todo caso condicionada á existencia de crédito orzamentario e, no caso de esgotamento do crédito, a Administración publicará a indicada circunstancia, o que implicará a non admisión das solicitudes posteriores, sen prexuízo de que a Administración poida optar por incrementar o crédito orzamentario nos seguintes supostos:
a) Unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.
b) A existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo
 Beneficiarios
1. Poderán ser beneficiarios destas subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos na convocatoria e nestas bases, e segundo os conceptos e gastos subvencionables descritos no artigo 1.2º destas bases, as empresas de carácter privado con personalidade xurídica que estean validamente constituídas no momento de presentación das solicitudes, que teñan o seu domicilio social ou algún centro produtivo na Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que os conceptos para os cales solicitan a subvención teñan aplicación directa nestes centros produtivos.
2. Non se poderán conceder as axudas recollidas nesta convocatoria ás empresas en crise, ao sector do carbón e aos demais sectores recollidos no artigo 1.1 do Regulamento (CE) 1998/2006 da Comisión. As empresas pertencentes ao sector pesqueiro, recollidas no Regulamento (CE) 875/2007 da Comisión, e as empresas do sector da produción de produtos agrícolas, recollidas no Regulamento (CE) 1535/2007 da Comisión, si poderán ser beneficiarias da presente convocatoria.
As entidades beneficiarias non poderán ter a consideración de empresa en crise conforme o disposto no artigo 1.7 do Regulamento (CE) 800/2008, do 6 de agosto, da Comisión en relación coas pemes e conforme o disposto no número 2.1 das Directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas en crise (2004/C 244/02) en relación coas grandes empresas.
Prazo de solicitude: ata o 31 de maio de 2014.

AXUDAS PARA O FOMENTO DA UTILIZACIÓN DE MAQUINARIA EN RÉXIME ASOCIATIVO

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL E DO MAR


Obxecto e finalidade
1. Esta orde ten por obxecto convocar para o ano 2014 a liña de axuda en réxime de concorrencia competitiva para o fomento da utilización de maquinaria en réxime asociativo en Galicia (procedemento MR351A).
2. Esta liña de axuda está establecida na Orde do 19 de abril de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da utilización de maquinaria en réxime asociativo en Galicia cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013 (DOG nº 82, do 29.4.2013).
3. Esta axuda ten como finalidade:
a) Promover a utilización de maquinaria e equipamentos de carácter agropecuario en réxime asociativo.
b) Fomentar a introdución de novas tecnoloxías no emprego de maquinaria e equipamentos.
c) Racionalizar os custos de mecanización, incrementar os mecanismos de seguranza no traballo, reducir as emisións contaminantes e fomentar o aforro enerxético, na procura dunha mellora da calidade de vida no medio rural.
4. As solicitudes desta axuda tramitaranse de acordo coa presente orde e coas bases reguladoras da Orde do 19 de abril de 2013.
 Beneficiarios:
1. Poderán ser beneficiarios da axuda regulada nesta orde:
a) As cooperativas agrarias que teñan como obxecto social prioritario a adquisición e a utilización de maquinaria de carácter agropecuario en común, denominadas convencionalmente cooperativas de utilización de maquinaria agrícola, en diante CUMA, sociedades agrarias de transformación, en diante SAT, que teñen como obxecto social prioritario a utilización de maquinaria de carácter agropecuario en común, e as cooperativas agrarias con sección específica de maquinaria agrícola segundo o artigo 9 da Lei 5/1998, do 18 de decembro (DOG nº 251, do 30 de decembro) de cooperativas de Galicia, así como outras agrupacións con personalidade xurídica propia, e soamente para investimentos directamente relacionados coa súa actividade as comunidades de regantes, asociacións de viticultores en terreos con pendentes superiores ao 15 % e asociacións de faba e castaña.
b) O resto das cooperativas agrarias que adquiran maquinaria e equipamentos de carácter agropecuario para prestaren servizos aos seus socios.
c) As cooperativas de explotación comunitaria da terra e as SAT procedentes da fusión de, polo menos, dúas explotacións, nos 5 anos posteriores á súa constitución.
Prazo de solicitude: ata o 24 de febreiro de 2014.

SUBVENCIÓN PARA A PREVENCIÓN E DEFENSA CONTRA OS INCENDIOS FORESTAIS EN MONTES VECIÑAIS EN MAN COMÚN.

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL E DO MAR


Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras da concesión de subvencións que os titulares de montes veciñais en man común e as súas agrupacións poderán percibir para a posta en marcha de actuacións preventivas previstas na lexislación galega sobre incendios forestais e a súa convocatoria para o ano 2014 en réxime de concorrencia competitiva.
Esta incentivación na colaboración dos titulares de montes veciñais en man común na realización de traballos de silvicultura preventiva contribuirá a minorar as consecuencias e os impactos negativos que os incendios forestais poidan provocar sobre a capacidade potencial de desenvolvemento e produción destes montes, de grande importancia na nosa comunidade, onde supoñen aproximadamente un terzo da superficie forestal existente, e, en conxunto, sobre a fauna, a flora e a paisaxe de Galicia.
2. De acordo co devandito obxecto establécense dúas liñas de subvencións:
a) Liña I: subvencións para o control selectivo de combustible.
b) Liña II: subvencións para a construción de puntos de auga.
Beneficiarios
1. Poderán ser beneficiarios destas subvencións os titulares de montes veciñais en man común, así como as súas agrupacións e mancomunidades, sempre que non incorran en ningunha das circunstancias mencionadas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. As actuacións localizaranse en zonas de alto ou medio risco de incendios, o sexa, que poderá abranguer todo o territorio de Galicia, conforme o disposto na Orde do 18 de abril do 2007 pola que se zonifica o territorio con base no risco espacial de incendio forestal.
2. No caso de agrupacións, deberán facerse constar os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación. Cando se trate de agrupacións sen personalidade, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como a porcentaxe de subvención que percibirá cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, corresponden á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición dos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007.
No caso da liña II a porcentaxe de subvención deberá ser proporcional á superficie de cada CMVMC con respecto á superficie total da agrupación.
Prazo de solicitude: ata o 24 de febreiro de 2014.

jueves, 23 de enero de 2014

CORRECION DE ERROS AXUDAS CONSELLERIA DO MEDIO RURAL E DO MAR

SUBVENCIÓNS ÁS ASOCIACIÓNS DE COMERCIANTES

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA


Obxecto e réxime da subvención:
1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a dinamización e revitalización dos centros comercias abertos e prazas de abastos de Galicia.
2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, e quedará suxeito ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos (200.000 euros nun período de tres anos) establecidos no Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión da Unión Europea, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis (DOUE nº L379/5, do 28 de decembro de 2006).
3. En concreto, considéranse actuacións subvencionables dentro desta liña de axudas, as recollidas no punto 3.1, sempre que estas sexan realizadas e efectivamente pagadas entre o 1 de xaneiro de 2014 ata a data límite de xustificación establecida no artigo 17.
En función da súa especial natureza e, por ter unha continuidade ininterrompida, tamén se considerarán actuacións subvencionables aquelas actuacións realizadas a partir do 1 de novembro de 2013 ata o 31 de decembro de 2013.
 Beneficiarios:
1. Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases:
1.1. As asociacións de vendedores das prazas de abastos, sen fins de lucro, que estean legalmente constituídas, e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia.
1.2. As agrupacións de persoas físicas e xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica, constituídas só para os efectos de compartiren a unidade xerencial prevista nos puntos 3.1.1 e) e 3.1.2 e) do artigo 1, e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia.
Cando se trate de agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas sen personalidade, deberanse facer constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención aplicable por cada un delas, que terán igualmente a consideración de beneficiarias. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, corresponden á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
1.3. As asociacións de comerciantes de carácter territorial, sen fins de lucro, que estean legalmente constituídas e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia que leven a cabo proxectos de interese e transcendencia en centros comerciais abertos.
Prazo de solicitude: ata o 24 de febreiro de 2014.

miércoles, 22 de enero de 2014

AXUDAS PARA CONSTITUIR E INICIAR A ACTIVIDADE DE SOFOR PARA 2014

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL E DO MAR


 Obxecto:  Esta orde ten por obxecto convocar para o ano 2014 as axudas para constituír e iniciar a actividade de sociedades de fomento forestal (Sofor) mediante convocatoria aberta en réxime de concorrencia competitiva
Liñas de axuda: Mediante esta orde convócanse dúas liñas de axuda:
a) Liña 1 de axudas para constituír sociedades de fomento forestal (Sofor).
b) Liña 2 de axudas para iniciar a actividade das sociedades de fomento forestal con inscrición definitiva no Rexistro de Sofor (RSofor).
Solicitantes e beneficiarios: 1. Solicitantes das liñas de axudas:
a) Liña 1 de axudas para constituír sociedades de fomento forestal (Sofor).
Poderán solicitar as axudas para constituír Sofor que se regula no artigo 5 desta orde:
a-1) As agrupacións de persoas propietarias forestais constituídas formalmente e inscritas no Rexistro de Asociacións da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza de Galicia.
a-2) Outras entidades xurídicas de dereito privado que agrupen persoas propietarias forestais cunha finalidade de xestionar e comercializar en común os recursos forestais dos terreos que xestionen, inscritas segundo a lexislación sectorial que lle sexa de aplicación.
a-3) As Sofor con inscrición previa no rexistro (RSofor) para conseguir a súa inscrición definitiva, sempre e cando non obtivesen subvención para a súa inscrición previa.
b) Liña 2 de axudas para iniciar a actividade das sociedades con inscrición definitiva no Rexistro de Sofor (RSofor).
Poderán solicitar as axudas para iniciar a actividade de Sofor que se regulan no artigo 6 desta orde as Sofor con inscrición definitiva no Rexistro de Sociedades de Fomento Forestal (RSofor).
Os mesmos terreos non poderán presentarse en máis dunha solicitude, o que será motivo de inadmisión de todas as solicitudes que se presenten sobre terreos coincidentes.
No caso de que se solicite e conceda axuda para inscrición previa, non poderá solicitarse a axuda para a súa inscrición definitiva.
Os terreos cun proceso iniciado de expropiación forzosa non poderán beneficiarse das presentes axudas.
Non se poderá conceder axuda sobre terreos que conteñan hábitats prioritarios.
No caso de montes xestionados pola Xunta de Galicia con base en consorcios ou convenios, a aprobación de subvención está condicionada á rescisión previa do consorcio ou convenio ou ben á sinatura dun novo contrato temporal de xestión pública, de acordo co establecido no artigo 123 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.
2. Independentemente do solicitante, o beneficiario final das axudas, tanto para liña 1 como para a liña 2 desta orde, será a sociedade de fomento forestal (Sofor) inscrita no RSofor. Para obter a condición de beneficiario, deberanse cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Prazo de solicitude: ata o 31 de xullo de 2014.

AXUDAS PARA A MODERNIZACIÓN DAS EXPLOTACIÓNS AGRARIAS, A INCORPORACIÓN DE MOZOS Á ACTIVIDADE AGRARIA E PARA O FOMENTO DE INSTALACIÓNS E EQUIPAMENTOS AGRARIOS EN REXIME ASOCIATIVO.

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL E DO MAR


Obxecto e finalidade: Esta orde ten por obxecto convocar para o ano 2014 as seguintes liñas de axuda en réxime de concorrencia competitiva:
a) Plans de mellora nas explotacións agrarias (procedementos MR405A e MR409A).
b) Primeira instalación de agricultores/as mozos ou mozas (procedemento MR404A).
c) Fomento da utilización de instalacións e equipamentos en común para a mellora dos procesos produtivos en réxime asociativo (procedemento MR323C).
Estas axudas teñen como finalidade:
a) Incrementar a competitividade e o rendemento global das explotacións mediante a súa modernización (procedementos MR405A e MR409A).
b) Asegurar a competitividade e a continuidade do tecido agrario (procedemento MR404A).
c) A mellora dos procesos produtivos das entidades asociativas agrarias (procedemento MR323C).
 As solicitudes destas axudas tramitaranse de acordo coa presente orde e coas bases reguladoras da Orde do 13 de xuño de 2013.
Beneficiarios e investimentos elixibles:  Poderán ser beneficiarias as persoas titulares de explotacións agrarias ou que pretendan selo para as axudas establecidas no artigo 1, parágrafo 1.a) e 1.b), e as cooperativas agrarias, as súas unións e as cooperativas de explotación comunitaria da terra, para as axudas establecidas no artigo 1, parágrafo 1.c), que en todos os casos teñan por obxecto prioritario levar a cabo actuacións na produción primaria.
Os investimentos elixibles nesta convocatoria figuran no anexo XI da orde de bases, excluíndose os correspondentes ao aforro enerxético e a instalacións de muxidura que non estean incluídas nun proxecto de obra civil dunha explotación leiteira.
Prazo de solicitude: ata o 22 de febreiro de 2014.

CONVOCATORIA PROCESO DE ACREDITACIÓN DE COMPETENCIAS PROFESIONAIS ADQUIRIDAS A TRAVÉS DA EXPERIENCIA LABORAL

CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA


Obxecto e ámbito de aplicación: O obxecto desta orde é realizar a convocatoria, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e establecer o procedemento para a avaliación e a acreditación das competencias profesionais adquiridas polas persoas a través da experiencia laboral ou de vías non formais de formación, ao abeiro do Real decreto 1224/2009, do 17 de xullo, de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas pola experiencia laboral, mediante a acreditación de unidades de competencia do Catálogo nacional de cualificacións profesionais.
Lugar de realización (sedes): O desenvolvemento do proceso terá lugar nos centros integrados de formación profesional (CIFP) recollidos no anexo II desta orde.
Convocatoria do procedemento:1. As unidades de competencia e o número de prazas obxecto desta convocatoria, así como a súa relación cos títulos de formación profesional e os certificados de profesionalidade, son as recollidas no anexo I desta orde.
Requisitos de participación no procedemento: Para acceder a este procedemento, os candidatos e as candidatas deberán cumprir os requisitos seguintes:
a) Posuír a nacionalidade española, dispor do certificado de rexistro de cidadanía comunitaria ou da tarxeta de familiar de cidadán da Unión Europea, ou ser titular dunha autorización de residencia ou de residencia e traballo en España en vigor, nos termos establecidos na normativa española de estranxeiría e inmigración.
b) Ter cumpridos no momento de realizar a inscrición 18 anos para as unidades de competencia correspondentes a cualificacións de nivel I e 20 anos para as unidades de competencia de nivel II e III.
c) Ter experiencia laboral e/ou formación relacionada coas competencias profesionais que se queiran acreditar.
c.1) No caso de experiencia laboral, xustificar polo menos tres (3) anos, cun mínimo de 2.000 horas traballadas en total, nos últimos dez anos transcorridos antes de realizarse a convocatoria, para unidades de competencia de niveis II e III, e para unidades de competencia de nivel I, xustificarán cando menos 2 anos cun mínimo de 1.200 horas traballadas en total.
c.2) No caso de formación, xustificar polo menos 200 horas para unidades de competencia de nivel I ou 300 horas para as unidades de competencia dos niveis II e III, nos últimos dez anos transcorridos antes de realizarse a convocatoria. Nos casos en que os módulos formativos asociados á unidade de competencia que se pretenda acreditar prevexan unha duración inferior, deberanse acreditar as horas establecidas nestes módulos.
d) As persoas candidatas non poderán estar matriculadas nun curso de formación profesional inicial (ordinario ou modular) ou realizando formación profesional para o emprego, conducente á acreditación das unidades de competencia nas cales solicita a súa inscrición. Tampouco poderán estar en posesión dun título de formación profesional ou dun certificado de profesionalidade que conteña a/s unidade/s de competencia que solicita, nin as súas equivalentes ou a acreditación parcial da/s unidade/s de competencia que solicita. Asemade non poderán estar inscritas noutro procedemento de recoñecemento da experiencia profesional, ou nas probas libres para a obtención do título de formación profesional, levado a cabo por calquera Administración ou organismo público, conducente á acreditación das mesmas unidades de competencia. Para todo isto, presentarán declaración responsable, segundo o modelo que figura como anexo IV desta orde de convocatoria.
2. As persoas maiores de 25 anos que cumpran os requisitos de experiencia laboral ou formativa indicados na alínea anterior e que non poidan xustificalos mediante os documentos sinalados, poderán solicitar a súa inscrición provisional no procedemento, sempre e cando presentasen a xustificación mediante algunha proba admitida en dereito da súa experiencia laboral ou das aprendizaxes non formais de formación. A comisión de coordinación recollida no artigo 5 da presente orde será a encargada de estudar estes casos e emitirá un informe sobre a procedencia ou non da participación da persoa candidata no procedemento. Se o informe é positivo, procederase á súa inscrición definitiva como solicitante na correspondente sede.
Prazo de solicitude: O prazo de presentación de solicitudes será de 30 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

lunes, 20 de enero de 2014

AXUDAS ÁS PEMES Á PREVENCIÓN, PROTECCIÓN, MELLORA E COÑECECEMENTO AMBIENTAL

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS 


Obxecto e finalidade: Esta orde ten por obxecto regular a concesión, polo procedemento de concorrencia competitiva, e facer pública para o ano 2014, a convocatoria de subvencións para o financiamento de actuacións destinadas á prevención, protección, mellora e coñecemento ambiental.
Beneficiarias: Con carácter xeral, poderán ser beneficiarias das subvencións que se regulan na presente orde as pequenas e medianas empresas (pemes) que, cumprindo o establecido neste artigo, teñan o seu domicilio social ou algún dos seus centros no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e sexa neste mesmo ámbito territorial onde desenvolvan ou materialicen o proxecto ou actuación obxecto da subvención.
En particular, para a realización de estudos de análise de riscos ambientais consideraranse beneficiarias unicamente as pemes que, ademais de cumpriren o establecido no punto anterior, estean incluídas no ámbito de aplicación da Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrado da contaminación (BOE núm. 157, do 2 de xullo).
Prazo de solicitude: Ata o 20 de febreiro de 2014.

martes, 14 de enero de 2014

BOLSAS DE FORMACIÓN EN MATERIA DE PATRIMONIO MOBLE GALEGO

CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA


Obxecto e finalidade:
1. Por medio da presente orde establécense as bases reguladoras e procédese á convocatoria do programa 2014 de bolsas de formación en materia de patrimonio moble en museos do Sistema galego de museos e museos propios e xestionados pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
2. Os/as bolseiros/as realizarán a súa actividade en diversos museos, tanto do Sistema galego de museos como museos propios e xestionados pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Serán tutelados, dirixidos e coordinados polos servizos técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
3. As bolsas reguladas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, concorrencia, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.
4. A formación comprende unha parte teórica e unha parte práctica que será impartida por persoal técnico da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
Beneficiarios:
Poderán ser beneficiarios destas bolsas os solicitantes que cumpran os seguintes requisitos:
1. a) Solicitantes de bolsas de documentación de fondos de patrimonio moble:
– Licenciatura universitaria ou equivalente, segundo o espazo europeo de educación superior, con formación académica nalgunha das materias que se relacionan a continuación:
– Historia.
– Historia da Arte.
– Arqueoloxía.
b) Solicitantes de bolsas de restauración de fondos de museos e coleccións visitables de Galicia:
– Diplomatura universitaria en Conservación e Restauración de Bens Culturais ou equivalente, nas especialidades de:
– Arqueoloxía.
– Pintura ou Escultura.
2. Acreditar dominio da lingua galega a nivel iniciación mediante título oficial.
3. Non desfrutar con anterioridade á publicación da respectiva convocatoria de bolsas dun período de tempo igual ou superior a vinte e catro meses (24) en bolsas das convocadas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para inventario, catalogación e restauración de fondos de patrimonio moble.
4. Non ter emprego remunerado nin gozar doutra bolsa ou axuda.
5. Non ter sido sancionado por infracción cometida por razón de bolsas concedidas para a formación en materia de patrimonio moble galego.
6. Cada solicitante só poderá presentar unha solicitude para unha bolsa como máximo.
Prazo de solicitude: ata o 14 de febreiro de 2014.

lunes, 13 de enero de 2014

PROGRAMA CONECTA PEME

AXENCIA GALEGA DE INNOVACIÓN



Obxecto: Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas cales se rexerá a concesión das axudas da Axencia Galega de Innovación do programa Conecta peme para fomentar a agrupación empresarial a través de proxectos de investigación e desenvolvemento (I+D) de pemes en áreas estratéxicas para a Comunidade Autónoma de Galicia.
Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as devanditas axudas para o ano 2014 en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IN852A), e axustaranse as axudas concedidas no marco da presente resolución ao establecido no Regulamento (CE) nº 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto de 2008 polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado (regulamento xeral de exención por categorías), publicado no Diario Oficial de la Unión Europea L214, do 9 de agosto de 2008.
Prazo de solicitude: ata o 13 de febreiro de 2014.

viernes, 10 de enero de 2014

SUBVENCION PARA O FINANCIAMENTO DE FORMACIÓN ASOCIADA AOS CONTRATOS DE FORMACIÓN E APRENDIZAXE

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR


Obxecto: establecemento das bases reguladoras e as condicións polas cales se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria pública das subvencións para o financiamento da formación asociada aos contratos de formación e aprendizaxe regulados polo Real decreto 1529/2012, do 8 de novembro, polo que se desenvolve o contrato para a formación e a aprendizaxe e se establecen as bases da formación profesional dual, que exceda o 25 % da xornada laboral.
Entidades beneficiarias:
1. Poderán ser entidades beneficiarias as empresas que contratasen traballadores baixo a modalidade do contrato para a formación e a aprendizaxe no ano 2013, e no ano 2014 con anterioridade ao 15 de xuño, cunha dedicación ao tempo de formación que exceda o 25 % da xornada laboral efectiva do traballador, sempre que reúnan os requisitos exixidos polo Real decreto 1529/2012, do 8 de novembro, polo que se desenvolve o contrato para a formación e a aprendizaxe e se establecen as bases da formación profesional dual.
Non poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas en crise.

SUBVENCIÓN PARA PROGRAMAS INTEGRADOS DE EMPREGO EN GALICIA

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR


Obxecto:Financiamento de programas de emprego dirixidos á mellora da ocupabilidade e á inserción laboral das persoas traballadora en situación de desemprego mediante a posta en marcha de plans integrais que convinen accións de diversa natureza, tales como información, orientación e asesoramento, formación, práctica laboral , prospección e intermediación laboral, e mobilidade xeográfica no ámbito da comunidade autónoma de Galicia.
Nestes programas incluiranse necesariamente accións de carácter formativo e de intermediación laboral e estableceranse obxectivos cuantitativos previstos de inserción laboral das persoas traballadoras en situación de desemprego participantes neles.
Prazo solicitude: ata o 10 de xaneiro de 2014.

jueves, 9 de enero de 2014

4 BOLSAS DE FORMACIÓN NA DIRECCIÓN XERAL DE COMERCIO

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA


Obxecto: Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión de catro bolsas de formación na Consellería de Economía e Industria da Comunidade Autónoma de Galicia, na Dirección Xeral de Comercio, para as persoas tituladas que se especifican no anexo I, e proceder á súa convocatoria.
Beneficiarios: Poderán optar á concesión destas bolsas as persoas que reúnan os seguintes requisitos que deberá posuír no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes:
a) Ter nacionalidade española ou ser nacionais de calquera Estado membro da Unión Europea, así como estar domiciliado/a na Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Acreditar un coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento ou Celga 4.
c) Estar en posesión dalgún título universitario de licenciado/a, arquitecto/a, enxeñeiro/a ou de grao.A persoa solicitante deberá estar en posesión do título ou acreditar o pagamento dos dereitos para a súa expedición, ao remate do prazo de presentación de solicitudes e ter rematado os estudos conducentes a el no ano 2005 ou posterior.
d) Non ter desfrutado anteriormente doutra bolsa de formación na Dirección Xeral de Comercio.
e) Non ter emprego remunerado nin gozar doutra bolsa ou axuda.
f) Non padecer ningunha enfermidade nin limitación física ou psíquica que imposibilite o cumprimento das súas obrigas como bolseiro/a.
g) Non estar incursa en ningunha das prohibicións para obter a condición de beneficiario/a sinaladas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 xuño).
Prazo de solicitude: ata o 10 de febreiro de 2014.

martes, 7 de enero de 2014

AXUDAS PARA A MELLORA DA COMPETITIVIDADE DAS EXPLOTACIÓNS LEITEIRAS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL E DO MAR


Obxecto: establecer as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2014 da axuda en réxime de concorrencia competitiva á mellora da competitividade das explotación leiteiras , a través da reducción de custes de producción.
Beneficiarias: Poderán ser beneficiarias as persoas titulares de explotacións de vacún de leite que cumpran os requisitos recollidos nesta orde.
Prazo de solicitude: ata o 7 de febreiro de 2014.