Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático
Obxecto e período subvencionable
1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria pública, para o ano 2026, da concesión de axudas para fomentar a sustentabilidade dos establecementos expendedores de comidas e bebidas vinculados ao servizo do uso e desfrute do dominio público marítimo terrestre, debidamente autorizados no litoral de Galicia (código de procedemento MT975Z).
A súa finalidade é colaborar para que os ditos establecementos evolucionen cara a instalacións sustentables e adaptadas ás contornas naturais en que desenvolven a súa actividade.
2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva e axustarase ao disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. O período subvencionable será, con carácter xeral, o comprendido entre o día de publicación desta convocatoria no DOG e o 31 de outubro de 2026, ambos incluídos.
Entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas:
a) As persoas traballadoras autónomas de alta no RETA, en calquera outro réxime especial por conta propia de Seguridade Social ou nunha mutualidade de colexio profesional.
b) As sociedades de calquera clase, incluídas as unipersoais e as comunidades de bens.
Proxectos subvencionables
1. Serán subvencionables os proxectos que se inclúan nas seguintes actuacións:
Liña 1. Axudas para fomentar a sustentabilidade dos establecementos expendedores de comidas e bebidas («chiringuitos»).
Serán subvencionables as seguintes actuacións:
a) Instalación de cerramentos compatibles coa lexislación sectorial de costas, solos, paneis e estruturas realizadas con materiais de baixo impacto ambiental, reutilizables ou con certificación ecolóxica.
b) Adquisición de mobiliario sustentable: adquisición de mesas, cadeiras, barras e demais elementos fabricados con materiais reciclados, reciclables, biodegradables ou procedentes de madeira certificada de xestión forestal sustentable.
c) Instalación de elementos de sombreado e protección solar compatibles coa lexislación sectorial de costas: toldos, pérgolas, antucas ou outros sistemas de sombreado que utilicen tecidos reciclados, naturais ou con tratamentos de eficiencia enerxética que reduzan a radiación e o consumo eléctrico asociado á climatización.
d) Instalación de Iluminación eficiente: incorporación de sistemas de iluminación LED ou de baixo consumo, así como dispositivos de control automático que optimicen o uso enerxético.
e) Xestión de residuos: adquisición de contedores diferenciados para a recollida selectiva de residuos, sistemas de compostaxe ou dispositivos que faciliten a redución de plásticos dun só uso.
f) Equipamento de aforro de auga e enerxía: instalación de billas con temporizador, sistemas de reutilización de augas grises, placas solares ou outros dispositivos que contribúan á eficiencia hídrica e enerxética do establecemento.
g) Accesibilidade e adaptación sustentable: actuacións que melloren a accesibilidade universal mediante solucións respectuosas coa contorna e que favorezan a integración paisaxística do establecemento.
Liña 2. Proxecto de investimento integral para a adaptación do prototipo dalgún dos tres «chiringuitos» biosustentables premiados no concurso de ideas da Xunta de Galicia.
Para esta actuación será necesario presentar un proxecto de obra que adapte o establecemento ás características dalgún dos tres proxectos premiados no concurso de ideas, coa intervención dun xurado, no nivel de anteproxecto, para o deseño dun prototipo de «chiringuito» biosustentable situado na contorna das praias da Comunidade Autónoma de Galicia (referencia IET-2025-0007), que se pode descargar nas seguintes ligazóns:
https://www.contratosdegalicia.gal/licitacion?N=826227&OR=225&ID=801&S=C&lang=gl#consulta-resolucion
Financiamento e contía das axudas
1. As axudas convocadas ao abeiro desta orde financiaranse cun crédito total de 1.000.000 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 06.02.541E.770.0, código de proxecto 2025 174, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026.
2. O importe máximo da subvención será o seguinte, ata o esgotamento do correspondente crédito consignado:
a) Para os proxectos da liña 1: o 50 % do investimento subvencionable aceptado para cada proxecto, co límite máximo de 10.000 euros por proxecto,
b) Para os proxectos da liña 2: o 70 % do investimento subvencionable aceptado para cada proxecto, co límite máximo de 20.000 euros por proxecto.
En ambos os dous casos o investimento subvencionable de acordo co disposto nesta orde deberá ser superior a 1.500 euros.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir das 12.00 horas do 7º día hábil seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Outros datos
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal (código de procedemento MT975Z).