miércoles, 27 de agosto de 2014

CONVOCATORIA CURSOS DE LINGUAXE ADMINISTRATIVA GALEGA E CURSOS PREPARATORIOS PARA CELGAS

CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA


Obxecto
Esta orde ten por obxecto convocar, con carácter gratuíto, cursos de linguaxe administrativa galega de nivel medio e superior, presenciais e en liña, e cursos preparatorios para a consecución dos certificados de lingua galega (Celga), para o curso 2014/15, nas escolas oficiais de idiomas de Galicia que se indican nos anexos II e IV, respectivamente.
Os cursos impartiranse entre setembro de 2014 e maio de 2015, en horario de mañá ou de tarde.
Beneficiarios/as dos cursos
a) Os cursos de linguaxe administrativa galega de nivel medio e superior van dirixidos ao persoal das diferentes administracións públicas de Galicia, exceptuando o persoal docente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o persoal sanitario.
Toda persoa solicitante deberá encontrarse en situación de servizo activo ou ben en excedencia polo coidado dun/dunha fillo/a ou dun/dunha familiar; e aquela que ao inicio do curso se atope en situación de baixa laboral por incapacidade temporal quedará automaticamente excluída da listaxe do persoal seleccionado.
Poderán tamén solicitar a realización destes cursos as persoas maiores de dezaseis anos que non sexan empregados/as públicos/as e posúan os certificados ou acreditacións equivalentes recollidos na letra a) do artigo 3 desta orde. Neste suposto só se poderá optar ás prazas no caso de que non sexan cubertas por empregados/as públicos/as as prazas ofertadas para cada curso.
b) Os cursos preparatorios para os certificados de lingua galega, Celga, poderán ser solicitados por todas as persoas maiores de dezaseis anos, ou aquelas que os fagan no ano natural da convocatoria, que desexen preparar as probas convocadas pola Secretaría Xeral de Política Lingüística para certificar a súa competencia en lingua galega.
Prazo de solicitude: O prazo para a presentación das solicitudes abranguerá desde o día seguinte á data de publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia ata o 12 de setembro de 2014, para os cursos do primeiro cuadrimestre; e desde o 15 de decembro de 2014 ata o 16 de xaneiro de 2015, para os cursos do segundo cuadrimestre.

lunes, 25 de agosto de 2014

CONVOCATORIA PARA A INSCRICIÓN, ADMISIÓN E SELECCIÓN DOS ARTESÁNS PARTICIPANTES NA 18ª EDICIÓN "ARTESANFROILÁN 2014"

EXCMA. DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE LUGO 
ÁREA DE DESEÑO E ARTESANÍA 



OBXECTO DA CONVOCATORIA 
As presentes bases teñen como obxecto regular as normas e condicións de participación dos artesáns na XVIII edición da feira “ARTESANFROILÁN 2014”, entre os asistentes á citada feira organizada pola Área de Deseño e Artesanía da Deputación de Lugo.
PARTICIPANTES 
Dende a Área de Deseño e Artesanía da Deputación de Lugo, invitarase a todos os artesáns* da provincia a participar nesta nova edición, para o cal todos os interesados deberán presentar a documentación esixida na cláusula quinta. 
*Enténdese por artesán calquera actividade recollida no Anexo IV do Decreto 218/2007, de 7 de setembro
polo que se refunde a normativa vixente en materia de artesanía. 
Do número total de stands dispoñibles reservarase unha porcentaxe do 80% para os artesáns da provincia e o 20% restante poñerase á disposición doutros artesáns que cumpran as condicións requiridas e que presenten a solicitude de participación no prazo fixado para tal fin. 
No caso de que esta porcentaxe do 20% dos espazos dispoñibles non se cubra con artesáns de fóra da provincia,estas vacantes quedarán á disposición dos artesáns da provincia de Lugo que cumpran os requisitos sinalados nestas bases e que, ao igual có resto das solicitudes, supere a fase de selección á que deberán someterse todos os interesados. 
PRAZO DE SOLICITUDE: ata o 2 de setembro de 2014.

miércoles, 20 de agosto de 2014

AXUDAS PARA A REALIZACIÓN DE ESTUDOS NO CENTRO SUPERIOR DE HOSTALARÍA DE GALICIA

AXENCIA TURISMO DE GALICIA



Obxecto da convocatoria
O obxecto desta resolución é a convocatoria de bolsas de matrícula, excelencia e rendemento, en réxime de concorrencia competitiva, para os/as alumnos/as que cursen as titulacións que imparte o Centro Superior de Hostalaría de Galicia (CSHG), para o curso 2014/15.
Solicitantes
Poderán solicitar esta axuda os/as alumnos/as que reúnan os requisitos académicos e económicos que establece esta resolución e teñan feito, se procede, a reserva de praza nalgunha das titulacións do CSHG para o curso 2014/15. 
Requisitos xerais específicos
Para poder optar á concesión dunha bolsa deberán cumprirse as seguintes condicións:
1. Ser español, ou posuír a nacionalidade dun Estado membro da Unión Europea. Neste último caso requirirase que o propio estudante ou os seus sustentadores se encontren traballando en España. De conformidade co disposto na Lei 4/2000, do 11 de xaneiro, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social, na redacción dada pola Lei orgánica 8/2000, do 22 de decembro, os estudantes estranxeiros non comunitarios deberán acreditar a súa condición de residentes, quedando excluído de concorrer a estas bolsas quen se encontre en situación de estancia.
2. Non estar en posesión dunha titulación universitaria do mesmo nivel ou superior.
3. Matricularse por primeira vez no curso para o que se pide a axuda.
4. Non ter en vigor unha axuda ou exención do CSHG.
5. Optar só por un tipo de bolsa (matrícula, excelencia ou alto rendemento).
Para ter dereito ás axudas de matrícula desta resolución serán necesarios os seguintes requisitos:
a) Para as bolsas de 1º curso de Diploma Superior en Xestión Hoteleira, acreditar unha cualificación na proba de acceso á universidade (PAAU) ou noutras ensinanzas que lle permitan o acceso, con exclusión da cualificación da fase específica, igual ou superior a 5 puntos antes de que remate o prazo de solicitude destas axudas.
b) Para as bolsas de Certificado de Elaboración e Xestión en Cociña, acreditar ter superado o bacharelato (ou equivalente), ciclo formativo superior ou outras ensinanzas superiores, antes de que remate o prazo de solicitude destas axudas.
c) Para as bolsas de 4º curso de Diploma Superior e necesario estar matriculado/a en 3º de Diploma Superior en Xestión Hoteleira e superar o curso (a excepción do STAGE), na 1ª convocatoria.
d) Que a renda familiar non supere os límites de renda establecido nesta resolución.
Para ter dereito ás axudas de excelencia desta resolución serán necesarios os seguintes requisitos:
a) Acreditar unha cualificación na proba de acceso á universidade (PAAU) ou noutras ensinanzas que lle permitan o acceso, con exclusión da cualificación da fase específica, igual ou superior a 8 puntos antes de que remate o prazo de solicitude destas axudas.
Para ter dereito ás axudas de alto rendemento desta resolución serán necesarios os seguintes requisitos:
a) Estar matriculado/a en 1º ou 2º curso de Diploma Superior en Xestión Hoteleira e superar o curso (a excepción do STAGE), cunha nota media en 1ª convocatoria de curso, igual ou superior nun 20 % á nota media da 1ª convocatoria do seu curso.
Prazo de solicitude: ata o 20 de setembro de 2014.

MODIFICACIÓN.- SUBVECIONS AOS PROXECTOS DINAMIZADORES DAS AREAS RURAIS DE GALICIA

CONVOCATORIA E BASES SELECCIÓN DINAMIZADOR/A XESTIÓN CULTURAL



1º.- Nº DE EMPREGOS QUE SE CONVOCAN:
2º.- DENOMINACIÓN DO EMPREGO: DINAMIZADOR/A DE XESTIÓN CULTURAL. 
3º.-ADSCRIPCIÓN: SERVIZO DE CULTURA, TURISMO, ENSINO, NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA E PATRIMONIO HISTÓRICO. 
4º.- RELACIÓN XURÍDICA COA ENTIDADE: Funcionario Interino (Art. 10.1 apartado c) do EBEP), “a execución de programas de carácter temporal”. 
5º.- TITULACIÓN ACADÉMICA ESIXIDA PARA TOMAR PARTE NO PROCESO SELECTIVO: Título de bacharelato ou técnico. 
6º.- NIVEL DE GALEGO ESIXIDO PARA NON REALIZAR A PROBA SINALADA NA BASE 7.1.3.: Celga 4 ou equivalente.
7º.- CONTIDO FUNCIONAL DO POSTO DE TRABALLO. 
Baixo a supervisión, coordinación e control do Xefe de Servizo correspóndelle: 
Coordinar, dinamizar e impulsar os programas e proxectos culturais a desenvolver incluídos no “Programa 
Cultural do Servizo para o ano 2014”, colaborando na elaboración, planificación e programación de novos 
proxectos; participando na realización de análises e estudos das necesidades socio-culturais da provincia, das demandas e peticións realizadas, dos medios físicos cos que se conta, colectivos aos que van dirixidas as actuacións, elaborando as conclusións para adaptar os novos proxectos. 
Cantas outras tarefas lle sexan encomendadas por razóns do Servizo e que sexan adecuadas aos requirimentos profesionais que se lle esixen. 
Prazo de solicitude: O prazo de presentación será de 10 días naturais contados dende o día seguinte ao da publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia. 

jueves, 14 de agosto de 2014

CORRECIÓN ERROS.- AXUDA IGAPE

SUBVECIÓN DE CREACIÓN AUDIOVISUAL

AXENCIA GALEGA DAS INDUSTRIAS CULTURAIS


Obxecto: Esta resolución, no desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, ten por obxecto fixar as bases que regularán o réxime de subvencións establecidas pola Agadic para fomentar a creación de obras audiovisuais con decidida vocación artística e cultural e en concreto, a escrita de guións e a realización de curtametraxes a cargo de creadores individuais ou a realización de longametraxes a cargo de empresas individuais ou produtoras, e proceder á súa convocatoria para este ano 2014.
Modalidades:Poderán ser obxecto de subvencións da Axencia Galega das Industrias Culturais as seguintes modalidades de proxectos:
• Modalidade A: subvencións á escrita individual de guión en galego. Subvencións para proxectos de guión de obras orixinais ou adaptación de obras literarias, para longametraxes de ficción e animación. A contía adxudicada por proxecto será de 5.000 euros, á que serán de aplicación as retencións impositivas legalmente previstas.
• Modalidade B: subvencións para a realización de proxectos de curtametraxes gravadas en versión orixinal galega cunha duración inferior a 30 minutos. As subvencións terán unha contía de 6.000 euros, á cal serán de aplicación as retencións impositivas legalmente previstas.
• Modalidade C: subvencións a proxectos de longametraxes cinematográficas en versión orixinal galega, cunha duración superior a 30 minutos e que conten cun director novel (primeira ou segunda longametraxe). As subvencións terán unha contía de 30.000 euros.
Beneficiarios
1. Poderán optar a estas subvencións referidas nas modalidades A e B todas as persoas físicas residentes, cando menos por un ano previo a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea, sempre que non realicen esta actividade de xeito profesional.
2. Poderán optar as subvencións referidas na modalidade C as empresas produtoras establecidas, cando menos por un ano previo a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea, ou directores constituídos como empresa individual.
3. Non poderán acceder ás subvencións os solicitantes que se encontren afectados por algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º e 10.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4. Non poderán acceder ás subvencións aqueles solicitantes que obtivesen axudas de Agadic á promoción e ao desenvolvemento do talento audiovisual galego na convocatoria inmediatamente anterior a esta, na mesma modalidade.
5. Non poderán acceder á modalidade A (escrita individual de guión) aqueles solicitantes que figuren como guionistas de dúas ou máis longametraxes realizadas na data de publicación da presente convocatoria.
6. Non poderán acceder á modalidade B (realización de curtametraxes) aqueles solicitantes que figuren como directores de dúas ou máis curtametraxes ou dunha longametraxe subvencionadas pola Agadic antes da data de publicación da presente convocatoria.
Prazo de solicitude: ata o día 15 de setembro de 2014.

miércoles, 13 de agosto de 2014

SUBVENCIÓNS A PRODUCCIÓNS E COPRODUCCIÓNS DE CONTIDO CULTURAL GALEGO

AXENCIA GALEGA DAS INDUSTRIAS CULTURAIS


 Obxecto
1. Esta resolución, no desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, ten por obxecto fixar as bases que regularán o réxime de subvencións establecidas pola Agadic para contribuír ao fomento da produción da actividade audiovisual galega, dentro do marco das competencias deste organismo, e proceder á súa convocatoria para o ano 2014.
2. Estas subvencións son incompatibles con outras axudas polo mesmo proxecto da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e dos seus organismos dependentes.
3. Estas subvencións son compatibles con outras axudas polo mesmo proxecto do resto da Administración da Xunta de Galicia e organismos dependentes, así como doutras administracións públicas e entidades públicas ou privadas, e con outros ingresos ou recursos para a mesma finalidade.
Beneficiarios
1. Poderán optar a estas axudas todas as persoas físicas ou xurídicas, constituídas como produtoras audiovisuais independentes (epígrafe IAE 9611), domiciliadas polo menos por un ano, previo á data de finalización de presentación de solicitudes desta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a área económica europea e que desempeñen a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia. Por produtor independente enténdese, para os efectos desta convocatoria, toda persoa física ou xurídica privada, que teña a iniciativa e asuma a responsabilidade na produción audiovisual e non sexa obxecto de influencia dominante por parte dun prestador de servizo de comunicación/difusión audiovisual nin dun titular de canle televisiva privada, nin, pola súa parte, exerza unha influencia dominante, tal e como establece a Lei 55/2007, do 28 de decembro, do cinema, artigo 4.n).
2. En calquera caso, a consideración dos proxectos como incentivables estará supeditada ás necesidades de apoio que se desprendan do seu carácter cultural, ás condicións económico-financeiras do proxecto e ás do seu impacto na actividade cultural da Comunidade Autónoma.
3. Non poderán ser destinatarios das subvencións previstas nesta convocatoria as empresas produtoras que só teñan unha participación financeira no proxecto de longametraxe.
4. Só poderán participar nesta convocatoria aquelas produtoras que teñan unha participación igual ou superior ao 20 % do proxecto audiovisual.
5. Sen prexuízo da posible presentación de máis dun proxecto distinto por un mesmo solicitante, só poderá ser obxecto de subvención un proxecto por solicitante. A persoa solicitante deberá establecer unha orde de prelación sobre os proxectos presentados, que a comisión de valoración terá en conta no caso de que varios proxectos se consideren subvencionables. Non poderán presentar o mesmo proxecto distintas empresas ou entidades. Non poderá presentarse un mesmo proxecto a distintas modalidades.
6. A presente convocatoria non será aplicable ás empresas que estean suxeitas unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior, así como ás empresas en crise, tal e como establecen os artigos 1 e 2 do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.
7. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, os solicitantes declararán non estar incursos en tales circunstancias, consonte o establecido no anexo I desta convocatoria.
Prazo de solicitude: ata o 13 de setembro de 2014.

AMPLIACIÓN ORZAMENTARIA AXUDAS A MODERNIZACION DE EXPLOTACIÓNS AGRARIAS, INCORPORACIÓN DE MOZOS Á ACTIVIDADE AGRARIA E FOMENTO DE INSTALACIÓNS E EQUIPAMENTOS ASOCIATIVOS

AXUDAS PARA A UTILIZACIÓN DA MAQUINARIA EN RÉXIME ASOCIATIVO

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL E DO MAR


Obxecto e finalidade
1. Esta orde ten por obxecto convocar para o ano 2014 novamente a liña de axuda en réxime de concorrencia competitiva para o fomento da utilización de maquinaria en réxime asociativo en Galicia (procedemento MR351A).
2. A dita liña de axuda está establecida na Orde do 19 de abril de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da utilización de maquinaria en réxime asociativo en Galicia cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013 (DOG nº 82, do 29 de abril de 2013).
3. Esta axuda ten como finalidade:
a) Promover a utilización de maquinaria e equipamentos de carácter agropecuario en réxime asociativo.
b) Fomentar a introdución de novas tecnoloxías no emprego de maquinaria e equipamentos.
c) Racionalizar os custos de mecanización, incrementar os mecanismos de seguranza no traballo, reducir as emisións contaminantes e fomentar o aforro enerxético, na procura dunha mellora da calidade de vida no medio rural.
4. As solicitudes desta axuda tramitaranse de acordo coa presente orde e coas bases reguladoras da Orde do 19 de abril de 2013.
Beneficiarios 
Poderán ser beneficiarios da axuda regulada nesta orde:
a) As cooperativas agrarias que teñan como obxecto social prioritario a adquisición e a utilización de maquinaria de carácter agropecuario en común, denominadas convencionalmente cooperativas de utilización de maquinaria agrícola (en diante CUMA), sociedades agrarias de transformación (en diante SAT), que teñan como obxecto social prioritario a utilización de maquinaria de carácter agropecuario en común, e as cooperativas agrarias con sección específica de maquinaria agrícola segundo o artigo 9 da Lei 5/1998, do 18 de decembro (DOG nº 251, do 30 de decembro) de cooperativas de Galicia, así como outras agrupacións con personalidade xurídica propia, e soamente para investimentos directamente relacionados coa súa actividade: as comunidades de regantes, asociacións de viticultores en terreos con pendentes superiores ao 15 % e asociacións de faba e castaña.
b) O resto das cooperativas agrarias que adquiran maquinaria e equipamentos de carácter agropecuario para prestaren servizos aos seus socios.
c) As cooperativas de explotación comunitaria da terra e as SAT procedentes da fusión de, polo menos, dúas explotacións, nos 5 anos posteriores á súa constitución.
Non se concederán axudas ás entidades beneficiarias das axudas convocadas pola Orde do 30 de decembro de 2013 pola que se convocan para o ano 2014 as axudas para o fomento da utilización de maquinaria en réxime asociativo en Galicia cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) (DOG nº 16, do 24 de xaneiro de 2014).
Prazo de solicitude: ata o 13 de setembro de 2014.



lunes, 11 de agosto de 2014

AXUDAS 1ª FORESTACIÓN DE TERRAS NON AGRÍCOLAS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL E DO MAR


Obxecto das axudas e ámbito de aplicación
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regulan as axudas para fomentar a primeira forestación de terras non agrícolas e proceder á súa convocatoria para o ano 2014 en réxime de concorrencia competitiva, a través de dúas liñas de axuda.
2. O disposto nesta orde será de aplicación para todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, con exclusión:
a) Dos bosques ou outras superficies forestais que sexan propiedade da Administración central ou autonómica.
b) Dos bosques e outras superficies forestais propiedade da Coroa.
c) Dos bosques que pertenzan a empresas públicas.
d) Dos bosques propiedade de persoas xurídicas, cando polo menos o 50 % do seu capital pertenza a algunha das institucións anteriormente citadas.
Liñas de axuda
1. As liñas de axuda obxecto de subvención son as seguintes:
a) Liña I: primeira forestación de terras non agrícolas con especies do anexo I. Unicamente se inclúe a subvención de especies do anexo II ás superficies que, conforme as alíneas c, d, e e g do anexo 2 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, quedan reducidas exclusivamente a frondosas caducifolias.
b) Liña II: primeira forestación de terras non agrícolas con castiñeiro para froito no ámbito xeográfico (anexo VIII) de produción da indicación xeográfica protexida Castaña de Galicia, que comprende a área do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia que se atopa delimitada ao oeste pola Dorsal Galega e pola serra do Xistral cara ao norte, concretamente:
1. Provincia da Coruña: a comarca da Terra de Melide e os concellos de Arzúa e Boimorto (comarca de Arzúa).
2. O conxunto da provincia de Lugo, a excepción dos concellos do Vicedo, Viveiro, Xove e Cervo (comarca da Mariña Occidental), Burela e Foz (comarca da Mariña Central) e Barreiros e Ribadeo (comarca da Mariña Oriental).
3. A totalidade dos concellos da provincia de Ourense.
4. Provincia de Pontevedra: as comarcas de Deza e de Tabeirós-Terra de Montes, os concellos de Cotobade, A Lama e Campo Lameiro (comarca de Pontevedra) e o concello de Cuntis (comarca de Caldas).
A demarcación da dita área de produción responde a unhas condicións pluviométricas, térmicas, ombrotérmicas, hipsométricas e de solos óptimas para o cultivo de castaña de calidade.
2. Un mesmo solicitante poderá solicitar axuda en ambas as liñas de axudas.
Beneficiarios
1. Poderán ser beneficiarios das axudas previstas nesta orde as sociedades de fomento forestal, os propietarios particulares de forma individual, as sociedades ou agrupacións de propietarios particulares legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia, as cooperativas agrarias, os proindivisos, os de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, as comunidades de bens, as entidades locais, outras persoas xurídicas ou as comunidades de montes veciñais en man común (CMVMC).
2. Os beneficiarios serán persoas físicas ou xurídicas que sexan propietarios ou titulares dos terreos obxecto de axuda. Non se admite a cesión por parte do propietario do terreo a un terceiro.
3. Os beneficiarios deben cumprir os requisitos establecidos nos artigos 10.2º e 10.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4. As CMVMC deberán estar legalmente constituídas e regulamentariamente inscritas no rexistro provincial de montes veciñais en man común, de acordo co disposto no artigo 57 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, para poderen acceder a estas subvencións, e cumprir co disposto no artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.
Prazo de solicitude: ata o 11 de setembro de 2014.

AXUDAS PROGRAMA EMEGA 2014

VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA


Obxecto: As axudas reguladas por estas bases teñen por obxecto incentivar as mulleres emprendedoras de Galicia para a posta en marcha, mellora ou reactivación de iniciativas empresariais, ademais do fomento da iniciativa empresarial da investigación ou de base tecnolóxica, como medio adecuado para a súa promoción, participación e progresión no mercado laboral, a través das seguintes liñas de actuación:
1. Liña Emprende: programa de axudas económicas a través de primas para estimular a posta en marcha de iniciativas empresariais e a creación de emprego feminino por conta propia e allea.
2. Liña Innova: programa de axudas económicas mediante primas para promover a realización de melloras innovadoras nas empresas lideradas por mulleres que comparten a creación de emprego feminino estable e de calidade e a mellora da competitividade.
3. Liña Activa: programa de axudas económicas a través de primas para favorecer a reactivación e consolidación de empresas lideradas por mulleres por medio da aplicación de medidas de renovación, relanzamento, ampliación ou cambio de localización da actividade coas cales acadar o equilibrio empresarial buscando o seu mantemento e promoción no contexto económico actual.
4. Liña ITEF: específica de investigación ou tecnolóxica en feminino: programa de axudas económicas mediante primas para promocionar o mellor proxecto empresarial de claro carácter innovador, contido científico ou de base tecnolóxica nas empresas lideradas por mulleres e que comparten a creación de emprego feminino.
5. Liña Concilia: programa de apoio á conciliación do exercicio profesional coa vida persoal e familiar dirixido ás empresas que acceden a calquera dos programas das liñas Emprende, Innova, Activa ou ITEF nas cales existan promotoras con fillos/as menores de tres anos, para favorecer o exercicio profesional das emprendedoras que compatibilizan a súa actividade co exercicio da maternidade en idades temperás e/ou nas cales, a través de acordos, convenios ou contratos de teletraballo, se implementen novos sistemas de organización, que comparten flexibilidade no uso dos tempos para a execución do traballo e o desenvolvemento sustentable dos recursos, para facilitar a conciliación da vida persoal e laboral e o exercicio das responsabilidades familiares compartidas do equipo humano que integra a empresa.
Beneficiarias
1. Poderán ser destinatarias das axudas do programa Emega as empresas, ou os proxectos empresariais no suposto da liña ITEF, formadas por mulleres emprendedoras que cumpran as obrigas e os requisitos específicos establecidos para cada liña de axuda, así como os seguintes requisitos xerais:
a) Teñan domicilio social e establecemento de produción en Galicia.
b) Estean validamente constituídas na data de finalización do prazo de solicitudes, coa excepción dos proxectos da liña ITEF que poderán tamén constituírse ata o prazo de xustificación.
c) A actividade mercantil sexa realizada por:
c.1. Empresarias autónomas.
c.2. Sociedades, incluídas as sociedades civís e comunidades de bens.
Nas empresas de tipo societario, a administración da empresa ten que ser exercida por mulleres e o capital social pertencer unicamente a mulleres cando se trate de microempresas e estar maioritariamente subscrito por mulleres no caso de pequenas empresas.
c.3. Teñan a categoría de microempresas ou pequenas empresas.
– As microempresas defínense como as unidades económicas que ocupan menos de 10 persoas e que teñen un volume de negocio anual ou balance xeral anual que non supere os 2 millóns de euros.
– As pequenas empresas defínense como as unidades económicas que ocupan menos de 50 persoas e cuxo volume de negocio anual ou balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros.
2. Con carácter específico quedan excluídas do ámbito desta resolución as empresas públicas ou participadas e, en xeral, as entidades sen ánimo de lucro.
3. Os requisitos para seren beneficiarias deberán cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes, con excepción dos supostos previstos para a liña ITEF, e manterse durante o período de permanencia da actividade.
4. As persoas solicitantes deberán acreditar mediante declaración responsable que non están incursas en ningunha das causas de prohibición previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiarias.
Prazo e presentación de solicitudes: ata o 11 de setembro de 2014.


martes, 5 de agosto de 2014

PLAN I2C

CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA



Obxecto da convocatoria: Esta orde establece as bases polas que se rexerá a concesión das axudas, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, de apoio á etapa de formación posdoutoral do Plan galego de investigación, innovación e crecemento 2011-2015 (Plan I2C), para o ano 2014 e procede á súa convocatoria.
Estas axudas teñen como finalidade, por unha parte, a ampliación da especialización no estranxeiro de persoal investigador doutor, mediante o financiamento de estadías de investigación posdoutorais e a súa reincorporación a unha universidade do SUG e, por outra, posibilitar a continuación da traxectoria investigadora das persoas que obtiveron unha praza nunha universidade do SUG na convocatoria do 2010 do programa Isidro Parga Pondal do Plan Incite e que permaneceron nel ata o 1 de xuño de 2014. Polo tanto, estas axudas adoptan dúas modalidades:
– Modalidade A: contrato dun máximo de dous anos de duración para a realización de estadías no estranxeiro e un contrato de retorno dun ano de duración nunha universidade do SUG (anexo I).
– Modalidade B: contrato de dous anos de duración, sen posibilidade de prórroga, nunha universidade do SUG, dirixidos ao persoal doutor investigador beneficiario dun contrato nunha universidade do SUG da convocatoria do 2010 do programa Isidro Parga Pondal do Plan Incite que permanecese nel ata o 1 de xuño de 2014 (anexo II).
Beneficiarios
Poderán ser beneficiarias destas axudas as universidades do SUG que contraten as persoas seleccionadas, a través dun contrato laboral de duración determinada con dedicación a tempo completo de acordo co marco lexislativo actual, en virtude do cal a persoa seleccionada quedará vinculada á dita universidade.
Poderán acceder a estas axudas as universidades do SUG que presenten como candidatas persoas co grao de doutor que cumpran na data de peche da convocatoria as condicións que se indican para cada tipo de axuda nos anexos I e II segundo a modalidade a que opten.
 Prazo de solicitude: O prazo de presentación de solicitudes para a modalidade A será do 15 de outubro ao 14 de novembro de 2014 e para a modalidade B dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación, o 5 de setembro de 2014.

TICKET ELÉCTRICO SOCIAL DE GALICIA

INSTITUTO ENERXÉTICO DE GALICIA



Obxecto
1. O obxecto desta resolución é regular a convocatoria de axudas para a concesión do tícket eléctrico social para o primeiro semestre de 2014 familias en que convivan fillos menores de 18 anos e nas cales a suma dos ingresos totais da unidade de convivencia non superen o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM).
2. Para estes efectos, considérase unidade de convivencia o conxunto de todas as persoas que viven no mesmo domicilio.
Tipo de axuda
1. A axuda consiste nunha cantidade fixa semestral que ten por obxecto contribuír ao pagamento da factura eléctrica daquelas familias con fillos menores a cargo, cuxos ingresos totais durante o ano 2013 non superen o IPREM. A contía da axuda non poderá superar o importe da factura eléctrica pagada durante o semestre.
2. Establécese unha cantidade de 45 € ao semestre para as unidades de convivencia que cumpran os requisitos, incrementándose esta cantidade ata 60 € para as que acrediten ser familia numerosa.
Requisitos das persoas beneficiarias
Poderán solicitar esta axuda as persoas residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que teñan ao seu cargo fillos menores de 18 anos e un gasto derivado da
subministración de enerxía eléctrica na súa vivenda habitual. Os requisitos que deben cumprir os beneficiarios da axuda son:
1. Ser residentes na Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Ter fillos menores a cargo.
3. Estar aboando a correspondente factura de enerxía eléctrica a unha comercializadora.
4. Non superar os límites de renda establecidos no artigo anterior.
5. Non estar incurso nas prohibicións para obter a condición de beneficiario, recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, de 13 do xuño, de subvencións.
6. Só poderá presentarse unha única solicitude por unidade de convivencia.
Prazo de solicitude: ata o 1 de novembro de 2014.

SUBVENCIÓN PARA A MODERNIZACIÓN, ESTABLECEMENTO DE NOVAS FÓRMULAS E MEDIOS DE COMERCIALIZACIÓN NO SECTOR COMERCIANTE RETALLISTA E ARTESANAL GALEGO

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA


Obxecto : As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a concesión de subvencións para a modernización, establecemento de novas fórmulas e medios de comercialización no sector comerciante retallista e artesanal galego.
Beneficiarios
Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, as persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica, legalmente constituídas, así como as federacións de comerciantes e as asociacións profesionais de artesáns, que en todos os caso cumprirán ademais os seguintes requisitos:
a) Comerciantes retallistas.
– Que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia e, así mesmo, o seu domicilio social e fiscal radique na Comunidade Autónoma.
– Que, tendo a condición de peme conforme os requisitos establecidos pola Comisión Europea na súa Recomendación 2003/361/CE, do 6 de maio de 2003 (DOUE 124, do 20 de maio, p. 36), empreguen menos de dez (10) traballadores e non teñan a consideración de grande establecemento comercial segundo a normativa aplicable.
– Que estea dado de alta nalgunha das epígrafes do IAE que se relacionan no anexo II e que este constitúa a actividade principal do solicitante.
– Que figuren inscritos no Rexistro Galego de Comercio ou ter solicitada a inscrición con anterioridade á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
b) Titulares de obradoiros artesanais.
– Que o obradoiro artesán figure inscrito no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia no momento da convocatoria desta orde.
– Que fagan uso da marca Artesanía de Galicia.
c) As federacións de comerciantes sen fins de lucro, que estean legalmente constituídas e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia.
– Que figuren inscritas no Rexistro Galego de Comercio
d) As asociacións profesionais de artesáns de Galicia legalmente constituídas.
– Que alomenos 10 dos seus membros figuren inscritos no Rexistro Galego de Artesanía.
Non poderán ser beneficiarios/as destas axudas as empresas en crise, conforme á definición prevista no artigo 1 número 7, do Regulamento (CE) nº 800/2008, do 6 de agosto, da Comisión en relación coas pemes e conforme o disposto no número 2.1 das Directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en Crise (2004/C 244/02) en relación coas grandes empresas.
Prazo de solicitude: ata o 1 de setembro de 2014.

SUBVENCIÓN PARA FOMENTAR A REMUDA COMERCIAL

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA


Obxecto:  As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto facilitar a remuda comercial dos pequenos comerciantes individuais autónomos que transmitan o seu negocio a un terceiro, asegurando a súa continuidade e fomentando a rexeneración do tecido comercial.
As contías da subvención serán as seguintes:
a) Os transmisores que teñan a idade ordinaria para causar a pensión de xubilación percibirán un pagamento único, con independencia do número de establecementos comerciais que se posúan e a variedade de actividades comerciais que se viñeran desenvolvendo, que se fixa na cantidade de setecentos euros (700 €).
b) Os transmisores que non teñan acadada a idade ordinaria de xubilación percibirán un pagamento único, con independencia do número de establecementos comerciais que se posúan e a variedade de actividades comerciais que se viñeran desenvolvendo, a razón de setecentos euros (700 €) mensuais ata o último mes en que cumpran a idade ordinaria de xubilación legalmente establecida, contados desde o mes seguinte a causaren baixa comercial.
c) Os adquirentes do negocio comercial percibirán un pagamento único de dous mil euros (2.000 €), con independencia do número de establecementos que adquiran.
Durante o período de percepción das axudas reguladas nesta orde, os transmisores beneficiarios quedarán coa obriga de cotizar no correspondente réxime da Seguridade Social, no caso de que deba seguir cotizando para cubrir o período mínimo de cotización de quince anos, e deberán ser as propias persoas beneficiarias as que fagan o pagamento das ditas cotas de cotización á Seguridade Social e a subscrición, de ser o caso, do correspondente convenio, ou da documentación acreditativa de causar baixa no réxime de autónomos, se non se subscribe.
Beneficiarios/as
1. Poderán ser beneficiarios/as das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, os/as comerciantes retallistas que teñan capacidade legal para exerceren o comercio e se dediquen a el de xeito habitual, de acordo coa definición establecida no artigo 1 do Código de comercio, que cumpran os seguintes requisitos:
a) Que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia e, así mesmo, o seu domicilio social e fiscal radique na dita comunidade autónoma.
b) Ter unha idade mínima de 64 anos cumpridos na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
c) Exercer, como titular do comercio, unha ou varias das actividades comerciais relacionadas no anexo II, de forma ininterrompida durante os últimos dez anos.
No caso de que a persoa solicitante estea dada de alta en dúas ou máis epígrafes do IAE, será considerada beneficiaria sempre que a actividade principal estea incluída dentro das agrupacións citadas. Considerarase actividade principal aquela que resulte de conxugar os elementos de facturación e superficie de venda destinada á actividade, que deberá acreditarse, se é o caso, coa presentación da declaración da renda do último exercicio.
d) Estar dado de alta no réxime de traballadores autónomos da Seguridade Social nos dez últimos anos de forma ininterrompida e ter cotizado á Seguridade Social un período previo tal que lle permita completar o período de carencia exixido para causar dereito á pensión de xubilación, polo menos ao chegar á idade ordinaria de xubilación.
e) Designar a persoa física continuadora da actividade, con capacidade legal para exercer o comercio.
f) Que figure inscrito no Rexistro Galego de Comercio ou ter solicitada a inscrición con anterioridade á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
2. Tamén se considerarán beneficiarias as persoas designadas polo solicitante para a remuda comercial, con capacidade legal para exerceren o comercio, e quedarán vinculadas ambas as dúas persoas para a concesión da subvención.
En ningún caso pode un cónxuxe ser adquirente do outro cónxuxe que transmite a actividade comercial.
Non poderán acadar a condición de beneficiarios aqueles solicitantes en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Prazo de solicitude: ata o 1 de setembro de 2014.

AXUDAS ECONÓMICAS DESTINADAS A FOMENTAR O ASOCIACIONISMO E A PARTICIPACIÓN DAS MULLERES

VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA


Obxecto
1. A presente resolución ten por obxecto fixar as bases reguladoras e a convocatoria, para o ano 2014, de axudas económicas en favor das asociacións de mulleres e federacións constituídas por estas, coa finalidade de fortalecer e consolidar o movemento asociativo e potenciar a participación social e a calidade de vida das mulleres galegas, a través das seguintes liñas:
a) Liña 1: consolidación do movemento asociativo, destinada a compensar gastos correntes que orixine o mantemento e funcionamento das asociacións de mulleres e as súas federacións.
b) Liña 2: promoción de accións de sensibilización, información ou formación en materia de igualdade entre mulleres e homes.
c) Liña 3: promoción de accións de prevención da violencia de xénero así como de atención (protección, asistencia e/ou acompañamento) a mulleres que a sofren, destinada a compensar gastos correntes e/ou de persoal producidos polo desenvolvemento de programas dirixidos a calquera destas finalidades.
2. Estas axudas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.
Entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta convocatoria as asociacións de mulleres e federacións constituídas por estas, domiciliadas na Comunidade Autónoma de Galicia, sen ánimo de lucro, que estean legalmente constituídas ao abeiro da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, e inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, na área de actuación de igualdade.
2. Para os efectos desta convocatoria é compatible a solicitude de subvención por parte dunha asociación coa pertenza a unha federación que, así mesmo, solicite a subvención.
3. Tanto no caso das asociacións como das federacións as mulleres socias representarán, polo menos, o 90 % da totalidade das persoas asociadas.
Prazo de solicitude: ata o 1 de setembro de 2014.

OFERTA DE EMPREGO PUBLICO 2014 DA DEPUTACION DE LUGO