Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
Obxecto e finalidade
1. Por medio desta orde establécense as bases reguladoras das bolsas de formación en materia de museos e convócanse as correspondentes ao programa 2026-2027 (código de procedemento CT110B).
2. As bolsas irán destinadas a actividades de formación relacionadas cos procesos técnicos que se realizarán no ámbito dos museos.
O persoal bolseiro realizará a súa actividade nos museos do Sistema galego de centros museísticos que conten con persoal técnico con titulacións relacionadas coas materias previstas no artigo 4 desta orde. Será tutelado polo persoal técnico dos centros receptores, sen prexuízo da coordinación e seguimento realizados pola consellería competente en materia de cultura.
3. A formación comprende unha parte teórica impartida polo persoal técnico designado pola dirección xeral competente en materia de cultura.
Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas bolsas as persoas que cumpran os seguintes requisitos:
1. Dispoñer da seguinte titulación:
No caso de persoas solicitantes de bolsas de formación en museos, ter grao universitario ou equivalente, segundo o Espazo Europeo de Educación Superior, cunha configuración curricular (expediente académico) en que se acredite un mínimo de 75 créditos nestas materias para cada unha das especialidades seguintes:
a) Historia da Arte.
b) Historia.
c) Arqueoloxía.
d) Conservación e Restauración.
2. Acreditar o coñecemento da lingua galega, nivel perfeccionamento, mediante o certificado oficial Celga 4 ou equivalente.
3. Non ter desfrutado, con anterioridade á publicación desta convocatoria de bolsas, dun período de tempo igual ou superior a seis (6) meses destas mesmas bolsas, nin ter renunciado a elas sen unha causa de forza maior, a xuízo da Dirección Xeral de Cultura, unha vez adxudicada a bolsa.
4. Non ter emprego remunerado nin desfrutar doutra bolsa ou axuda durante o período de duración das reguladas por medio desta orde.
5. Non ter sido sancionadas por infracción cometida durante o desfrute dunha bolsa concedida para a formación en materia de museos.
Financiamento e contía das axudas
1. O número de bolsas convocadas será de dezaoito, que se adxudicarán de acordo co baremo indicado no artigo 11 desta convocatoria.
2. As bolsas terán unha duración máxima de 12 meses, contados a partir da data de incorporación que estableza a dirección xeral competente en materia de cultura de acordo co centro de destino. Darán comezo dentro do prazo que se estableza na resolución, non antes do 1 de xullo de 2026.
3. O importe bruto mensual de cada bolsa será de 1.055,00 €.
4. a) Para a dotación das bolsas destinaranse 228.000,00 € con cargo á aplicación orzamentaria 13.03.432A.480.2, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2026 e 2027 (114.000,00 € en cada unha das dúas anualidades).
b) En cumprimento do Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social, para os efectos da súa inclusión no réxime xeral da Seguridade Social destinaranse 18.000.00 € con cargo á aplicación orzamentaria 13.03.432A.484.0, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2026 e 2027 (9.000,00 € na anualidade 2026 e 9.000,00 € na anualidade 2027).
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.