Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Obxecto
O obxecto desta resolución é convocar probas de avaliación en competencias clave para o acceso ás accións formativas dos certificados profesionais de niveis 2 e 3 de cualificación profesional da formación profesional para o emprego no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento TR306A) para o ano 2026.
Así mesmo, cómpre establecer as posibles exencións ás probas e validacións das distintas competencias clave, así como consideracións sobre a expedición de certificados profesionais.
Competencias clave que se convocan
1. Convócanse probas nos niveis de cualificación profesional 2 e 3, nas seguintes competencias clave:
• Comunicación en lingua galega.
• Comunicación en lingua castelá.
• Comunicación en lingua estranxeira (inglés).
• Competencia matemática.
2. De conformidade coa disposición adicional quinta do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, a superación das probas de competencias clave permitirá o acceso á formación dos certificados profesionais do nivel correspondente.
3. As competencias clave requiridas para todos os certificados profesionais das 28 familias profesionais do Repertorio nacional de certificados profesionais para os niveis de cualificación 2 e 3, son competencia matemática, comunicación en lingua castelá e comunicación en lingua galega.
A competencia de comunicación en lingua estranxeira soamente se require nos certificados profesionais que teñen un módulo profesional de lingua estranxeira.
4. Co obxecto de facilitar a preparación desta proba, a Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego pon á disposición da cidadanía, a través do Campus Virtual de Emprego, contidos formativos, probas e un servizo de titoría. As persoas interesadas poden acceder a eles, de forma gratuíta, na seguinte ligazón: https://conselleriaemprego.xunta.gal/formacion/competencias-clave/autoformacion-campus-virtual
Requisitos de participación
1. Poderán presentarse ás probas para a obtención do certificado de superación das competencias clave necesarias para o acceso á formación dos módulos profesionais dos certificados profesionais, tanto do nivel 2 como do nivel 3, as persoas que cumpran os dous seguintes requisitos:
a) Maiores de 16 anos ou que os teñan feitos en 31 de decembro do ano natural en que se realizan as probas.
b) Non estar en posesión de ningún dos requisitos de acceso á formación dos certificados profesionais establecidos no artigo 2 da Orde do 7 de xaneiro de 2014 pola que se establecen os requisitos formativos para o acceso á formación dos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación profesional e se regulan as probas de avaliación en competencias clave dentro das accións formativas de formación profesional para o emprego na Comunidade Autónoma de Galicia (Diario Oficial de Galicia núm. 9, do 15 de xaneiro).
2. No anexo III desta resolución infórmase das titulacións, certificacións ou acreditacións oficiais que reúnen os requisitos formativos de acceso aos certificados profesionais de nivel 2 e 3 de cualificación profesional a que se refire o punto anterior.
Realización das probas de avaliación en competencias clave
1. O lugar e horario de realización das probas de avaliación en competencias clave publicarase na páxina web https://conselleriaemprego.xunta.gal/formacion/competencias-clave da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. O calendario da convocatoria inclúese no anexo II desta resolución.
2. A persoa candidata realizará unha proba por cada unha das competencias clave convocadas nas cales se inscribise. A duración da proba en cada competencia clave é dunha hora.
3. Todas as persoas candidatas se deberán presentar no lugar e horario publicado para seren chamadas por orde alfabética en chamamento único. Para realizar as probas de avaliación nas distintas competencias clave poderanse ditar instrucións específicas na orde de chamada das persoas admitidas. Estas instrucións serán publicadas na páxina web https://conselleriaemprego.xunta.gal/formacion/competencias-clave da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, como mínimo, tres días antes da data de inicio de realización das probas.
4. Para a realización das probas as persoas aspirantes deberán ir provistas do documento nacional de identidade, do número de identificación de estranxeiros ou do pasaporte. Tamén deberán levar bolígrafo de tinta de cor azul ou negra.
Ás probas de competencia matemática poderase acudir con calculadora.
5. O exame das competencias clave en matemáticas estará redactado en galego e castelán; os exames de comunicación en lingua galega, comunicación en lingua castelá e de comunicación en lingua inglesa estarán redactados na lingua obxecto da proba.
6. Non se permitirá o acceso ao recinto onde se realicen as probas con teléfonos móbiles, axendas electrónicas ou calquera outro instrumento de que se poida valer o/a aspirante para auxiliarse na realización do exercicio. Non se habilitará no recinto ningún servizo de recolla de móbiles.
7. Non se permitirá o acceso ao interior do lugar do exame con alimentos, excepto causa médica xustificada, que deberá acreditarse cun informe médico e comunicada con carácter previo ao exame.
8. Non se habilitará ningún servizo de consigna.
9. Só se poderá acceder cun bolso ou mochila de pequeno tamaño que a persoa aspirante terá sempre consigo, colocado no chan.
10. As persoas participantes nas probas terán cuberto o risco de accidente derivado da asistencia a estas.