miércoles, 7 de enero de 2026

AXUDAS PARA O FOMENTO DAS RAZAS AUTÓCTONAS GALEGAS 2026

 Consellería do Medio Rural

ORDE do 25 de novembro de 2025 pola que se establecen as bases que regulan a concesión das axudas para o fomento das razas autóctonas galegas e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento MR536A).

Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases polas que se rexerá a concesión de axudas da Consellería do Medio Rural destinadas ás organizacións ou asociacións de gandeiros recoñecidas pola Comunidade Autónoma de Galicia, para o fomento das razas autóctonas galegas, e proceder á súa convocatoria para o ano 2026.

Entidades beneficiarias
Poderanse acoller ás axudas descritas nesta orde as organizacións ou asociacións de criadores das razas autóctonas galegas, recoñecidas pola Comunidade Autónoma, que cumpran os requisitos seguintes:
a) Estar oficialmente recoñecidas para a xestión do libro ou libros xenealóxicos, no marco do Programa de cría da raza ou razas autóctonas españolas, pola Comunidade Autónoma galega.
b) Cumprir os requisitos exixidos polos artigos 13.2, 13.3 e 13.3 bis da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e, de ser o caso, o recollido nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
c) Cumprir co establecido no Regulamento (UE) 2016/1012, do Parlamento Europeo e do Consello, do 8 de xuño, relativo ás condicións zootécnicas e xenealóxicas para a cría, o comercio e a entrada na Unión de animais reprodutores de raza pura, porcinos reprodutores híbridos e o seu material reprodutivo, e polo que se modifican o Regulamento (UE) nº 652/2014 e as directivas 89/608/CEE e 90/425/CEE, do Consello, e se derrogan determinados actos no ámbito da cría animal (Regulamento sobre cría animal), e no Real decreto 45/2019, do 8 de febreiro, polo que se establecen as normas zootécnicas aplicables aos animais reprodutores de raza pura, porcinos reprodutores híbridos e o seu material reprodutivo, se actualiza o Programa nacional de conservación, mellora e fomento das razas gandeiras e se modifica o Real decreto 558/2001, do 25 de maio; o Real decreto 1316/1992, do 30 de outubro; o Real decreto 1438/1992, do 27 de novembro; e o Real decreto 1625/2011, do 14 de novembro.
d) Ter a condición de peme de acordo co establecido no artigo 2.52 e no anexo I do Regulamento (UE) nº 2022/2472, da Comisión, do 14 de decembro. Esta definición inclúese no anexo II da orde.
e) Non ter a consideración de empresa en crise, de acordo co artigo 2.59 do Regulamento (UE) número 2022/2472, da Comisión, do 24 de decembro.
f) Non estar suxeitos a unha orde de recuperación pendente logo dunha decisión previa da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior.
Segundo establece o artigo 10 do Real decreto 45/2019, do 8 de febreiro, as asociacións de criadores de animais de razas gandeiras poderán constituír federacións, confederacións ou agrupacións que integren varias asociacións que existan recoñecidas oficialmente para diferentes ou as mesmas razas, designándoas xenericamente como asociacións de segundo grao, para os efectos de interlocución e representatividade ante as administracións públicas e para establecer os mecanismos que faciliten a homoxénea xestión de tales razas para o seu fomento, conservación e mellora.
Así mesmo, os requisitos previstos nas letras b), d), e) e f) tamén deberán ser cumpridos polas explotacións gandeiras en que se realicen as actividades subvencionables.

Solicitudes e prazo de presentación
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado que figura como anexo I dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.