lunes, 26 de enero de 2026

PROGRAMA DE OBRADOIROS DE FOLCLORE, ARTESANÍA, COCIÑA GALEGA E SEMINARIOS DE CULTURA GALEGA EN ENTIDADES GALEGAS DO EXTERIOR, 2026

 Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

RESOLUCIÓN do 12 de xaneiro de 2026, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de obradoiros de folclore, artesanía, cociña galega e seminarios de cultura galega en entidades galegas do exterior, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento PR923C).

Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras do Programa de obradoiros de folclore, artesanía, cociña e seminarios de cultura galega en entidades galegas do exterior, dirixido ás persoas asociadas galegas e á súa descendencia, así como a aqueloutras interesadas no feito cultural de Galicia que participen nas actividades destas asociacións (código de procedemento PR923C).
2. Así mesmo, por medio desta resolución convócase este programa para o ano 2026.

Entidades beneficiarias
1. Poderán optar á organización dos obradoiros deste programa as entidades que estean inscritas no Rexistro da Galeguidade.
2. Os obradoiros de folclore están dirixidos ás entidades que teñan constituídos grupos ou escolas de folclore da modalidade solicitada cun ano de funcionamento ininterrompido desde a data de presentación da solicitude.
3. Os obradoiros de artesanía están dirixidos ás entidades que teñan un taller cun ano de funcionamento ininterrompido desde a data de presentación da solicitude no cal veñan desenvolvendo esas actividades.
4. Os obradoiros de cociña galega e os seminarios de cultura galega están dirixidos a entidades que conten con instalacións e equipamentos axeitados para o seu desenvolvemento.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. De acordo co artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.