Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Obxecto e ámbito de aplicación
Convocar as probas para a obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria para maiores de dezaoito anos correspondentes ao ano 2026 na Comunidade Autónoma de Galicia, con código de procedemento administrativo ED540A, conforme se dispón nas epígrafes seguintes.
Convocatorias
1. Convocatoria de marzo: a proba terá lugar o día 27 de marzo de 2026.
2. Convocatoria de xuño: a proba terá lugar o día 5 de xuño de 2026.
Lugares de realización das probas
1. Constituiranse sedes para a realización da proba nas seguintes localidades: A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.
2. A relación dos centros educativos que actúen como sedes dos diferentes tribunais publicarase xunto coa listaxe de persoas admitidas e excluídas.
Requisitos que deben reunir as persoas aspirantes
1. Poderán participar as persoas que cumpran os seguintes requisitos:
a) Ser maior de dezaoito anos ou cumprir esa idade no ano 2026.
b) Non estar en posesión do título de graduado en educación secundaria obrigatoria ou de calquera outro título declarado equivalente para os efectos académicos.
c) Non estar nin ter estado matriculadas nas ensinanzas de educación secundaria obrigatoria ordinaria nin de formación profesional básica no curso 2025/26, agás as persoas matriculadas durante este curso na educación secundaria para persoas adultas, que poderán inscribirse nas probas se previamente cumpren as seguintes condicións:
• Ter solicitado a baixa nas ensinanzas do segundo cuadrimestre.
• Así mesmo, para acudir á primeira convocatoria, as persoas con ámbitos do primeiro cuadrimestre sen superar deberán renunciar á avaliación extraordinaria deses ámbitos.
2. O incumprimento dalgún destes requisitos suporá a anulación da inscrición na convocatoria da proba e dos posibles resultados académicos obtidos nela.
Prazo, forma e lugar de presentación de solicitudes de inscrición
1. O prazo de presentación de solicitudes de inscrición na proba será:
a) Para a convocatoria de marzo: do 26 de xaneiro ao 6 de febreiro de 2026, ambos os dous incluídos.
b) Para a convocatoria de xuño: do 7 ao 17 de abril de 2026, ambos os dous incluídos.
As persoas matriculadas para a primeira convocatoria que non superen a totalidade dos ámbitos da proba consideraranse matriculadas para a segunda convocatoria sen que teñan que presentar nova documentación.
2. Debido á imposibilidade funcional para a presentación electrónica das solicitudes nos centros educativos, as solicitudes de inscrición (anexo I) deberán presentarse presencialmente nos centros educativos sinalados no número 4 desta epígrafe ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, dirixido á Dirección Xeral de Formación Profesional da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
3. A identidade dos solicitantes quedará acreditada mediante DNI, NIE, pasaporte ou calquera outro documento recoñecido en dereito.
4. Poderanse presentar solicitudes de inscrición nos seguintes centros educativos:
a) A Coruña: EPAPU Eduardo Pondal, rúa da Educación, nº 3, 2º andar, 15011 A Coruña.
b) Ferrol: EPAPU Santa María de Caranza, rúa Luis de Requeséns, s/n, 15406 Ferrol.
c) Santiago de Compostela: IES San Clemente, rúa San Clemente, s/n, 15705 Santiago de Compostela.
d) Lugo: EPAPU Albeiros, parque da Milagrosa, s/n, 27003 Lugo.
e) Ourense: EPAPU de Ourense, rúa Álvarez de Sotomayor, nº 4, 32002 Ourense.
f) Pontevedra: EPAPU Río Lérez, avenida de Buenos Aires, nº 26, 36002 Pontevedra.
g) Vigo: EPAPU Berbés, rúa Marqués de Valterra, nº 8, 1º andar, 36202 Vigo.