martes, 20 de enero de 2026

PROXECTOS DE ENERXÍAS RENOVABLES DE USO TÉRMICO NO SECTOR RESIDENCIAL EN ÁMBITOS NON URBANOS 2026

 Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 16 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións en réxime de concorrencia competitiva, para proxectos de enerxías renovables de uso térmico no sector residencial, en ámbitos non urbanos, así como a selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se procede á convocatoria, mediante tramitación anticipada de gasto, para o ano 2026, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 en Galicia (códigos de procedemento IN421H e IN421P).

Obxecto e normativa de aplicación
O obxecto destas bases é apoiar proxectos promovidos polos particulares e as súas agrupacións e asociacións con fins de aforro enerxético e fomento do uso das enerxías renovables. Os proxectos limitaranse a instalacións para a xeración de enerxía térmica mediante equipamentos que utilicen biomasa como combustible, e outras instalacións de enerxías renovables que utilicen como fonte de enerxía a xeotermia, a hidrotermia, a aerotermia ou a enerxía solar térmica.
2. Estas subvencións destinadas a proxectos de enerxías renovables de uso térmico en ámbitos non urbanos convócanse en réxime de concorrencia competitiva.
3. As solicitudes presentaranse a través das entidades colaboradoras.
Poderán ser entidades colaboradoras as entidades privadas con personalidade xurídica, validamente constituídas, así como os empresarios individuais sempre que, en ambos os dous casos, teñan o seu domicilio social ou algún centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.
As entidades colaboradoras estarán dadas de alta na Consellería de Economía e Industria para a xestión de subvencións para proxectos de enerxías renovables para uso térmico como empresas de instalacións térmicas en edificios (procedemento IN609E).

Beneficiarias
1. Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, as persoas físicas e as sociedades patrimoniais de tenza de valores inmobiliarios ou de arrendamento de inmobles, titulares de calquera dereito sobre un inmoble de carácter residencial, ou as comunidades e mancomunidades de veciños, sempre que as actuacións subvencionables descritas no artigo 4 se realicen en vivendas ou edificios do sector residencial sitas na Comunidade Autónoma de Galicia. Así mesmo, as agrupacións de persoas físicas, privadas sen personalidade, non poderán disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas ou as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Forma e prazo de presentación das solicitudes
1. O prazo de presentación de solicitudes de adhesión das entidades colaboradoras comezará a partir do primeiro día hábil seguinte ao da publicación no DOG da presente resolución e rematará o 23 de febreiro de 2026 e para solicitar a súa adhesión a entidade colaboradora terá que cubrir e confirmar o formulario de adhesión (anexo II).
2. O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o 9 de febreiro de 2026 ás 9.00 horas (inicio do período subvencionable) e rematará o 13 de marzo de 2026. A entidade colaboradora terá que cubrir e confirmar o formulario de solicitude de axuda (anexo IV).
3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos para os dous procedementos, a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal) de acordo co establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).