lunes, 28 de marzo de 2016

SUBVENCIÓN ENTIDADES ACCIÓN VOLUNTARIA E ENTIDADES LOCAIS ENMARCADAS NO PROGRAMA SERVIZO DE VOLUNTARIADO XUVENIL, 2016

CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL


Obxecto
Establecer as bases reguladoras polas que se rexerán as subvencións dirixidas a entidades de acción voluntaria e a entidades locais enmarcadas no programa Servizo de voluntariado xuvenil, desde o 1 de xaneiro ata o 15 de outubro de 2016, e proceder á súa convocatoria para o ano 2016. O dito programa consiste en incorporar ás entidades de acción voluntaria e ás entidades locais inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia mozos/as galegos/as para a súa colaboración como voluntarios/as na realización dos proxectos de voluntariado que se presenten ao abeiro desta convocatoria.
Beneficiarias
Entidades de acción voluntaria e as entidades locais que realicen proxectos de voluntariado enmarcados no programa Servizo de voluntariado xuvenil, desde o 1 de xaneiro ata o 15 de outubro de 2016.
Prazo de presentación de solicitudes: ata o 28 de abril de 2016.
Outros datos
Coa presentación da solicitude presentarase o proxecto de actividades. Admitirase un só proxecto por entidade coa súa denominación/nome, os obxectivos, a identificación de problemas e o número aproximado de beneficiarios. Este irá acompañado do número de persoas voluntarias coas cales se pretende executar o proxecto, das horas de execución deste por parte de cada un/unha dos voluntarios/as e do número de días que participará cada un, así como do custo que correspondería por número de voluntarios/as e días e dun orzamento desagregado do custo das demais actividades.
A concesión da axuda tramítase en réxime de concorrencia competitiva. Requírese unha puntuación mínima e a concesión efectúase por orde de puntuación ata esgotar o crédito orzamentario.

AXUDAS A ACTIVIDADES DE FORMACIÓN EN LINGUAS EXTRANXEIRAS 2016

CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA


Obxecto
Establecer as bases e convocar axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para realizar as actividades de formación, dirixidas á mellora das competencias en lingua inglesa do alumnado de distintos niveis dos centros docentes sostidos con fondos públicos en Galicia, durante o ano 2016.
Beneficiarios
Alumnado de centros sostidos con fondos públicos que impartan ensinanzas de réxime xeral, durante o curso 2015/16, na Comunidade Autónoma de Galicia, e que estea cursando 1º, 2º, 3º ou 4º de educación secundaria obrigatoria ou 1º ou 2º de bacharelato.
Prazo de presentación de solicitudes: ata o 28 de abril de 2016.

miércoles, 23 de marzo de 2016

BOLSAS DE FORMACIÓN NA AXENCIA DE TURISMO DE GALICIA

AXENCIA TURISMO DE GALICIA


Obxecto
As bolsas en oficinas de turismo permitiranlles ás persoas tituladas acceder a prácticas tuteladas co fin de actualizar e mellorar os seus coñecementos e as habilidades en materias vinculadas co turismo. As bolsas correspondentes á Área de Estudos e Investigación da Axencia Turismo de Galicia permitiranlles aos titulados/das en diversas materias ampliar a súa experiencia e os coñecementos sobre o turismo de Galicia no campo da investigación e análise de datos deste mercado.
Persoas beneficiarias
Bolsas de formación en oficinas de información turística (8 bolsas): titulados/das con nacionalidade española ou nacionais dun Estado membro da Unión Europea que posúan a titulación de grao en turismo, diplomatura en turismo, técnico/ca superior en guía, información e asistencia turísticas; técnicos/cas superiores en axencias de viaxes e xestión de eventos ou titulación homologada equivalente. Deben posuír o certificado B1 ou superior do Marco común de referencia para as linguas.
Bolsas de formación na Área de Estudos Turísticos: bolsa A, especialidade de estatística (1 bolsa): titulados/das con nacionalidade española ou nacionais dun Estado membro da Unión Europea que posúan a licenciatura ou grao en matemáticas, grao en administración e dirección de empresas ou economía, licenciatura en ciencias económicas e empresariais ou equivalente, licenciatura, diplomatura ou grao en estatística, enxeñaría en calquera rama.
Bolsas de formación na Área de Estudos Turísticos: bolsa B, especialidade de turismo (1 bolsa): titulados/das con nacionalidade española ou nacionais dun Estado membro da Unión Europea que posúan o grao en turismo, diplomatura en turismo con posgrao ou mestrado en turismo, grao en administración e dirección de empresas, grao en economía, licenciatura en administración e dirección de empresas ou economía, licenciatura en ciencias económicas e empresariais ou equivalente con posgrao ou mestrado en turismo, grao ou licenciatura na rama de ciencias sociais e humanidades con posgrao ou mestrado en turismo.
Para calquera das tres modalidades de bolsa, as persoas beneficiarias deben obter a titulación nos catro anos naturais inmediatamente anteriores á finalización do prazo de presentación de solicitudes da convocatoria e deben estar en posesión do título Celga 4 de lingua galega.
Prazo de presentación de solicitudes: ata o 23 de abril de 2016.

martes, 22 de marzo de 2016

SUBVENCIÓNS ÁS ACTIVIDADES DE DISTRIBUCIÓN PARA INDUSTRIAS CULTURAIS

AXENCIA GALEGA DAS INDUSTRIAS CULTURAIS


Finalidade
Promover a distribución e comercialización dos produtos culturais dentro e fóra do noso país, fomentando a captación de públicos e facilitando o acceso da cultura galega a novos mercados internacionais.
Beneficiarios
Poden solicitar as distintas modalidades de subvención as entidades que a continuación se sinalan, para actividades que se leven a cabo entre o 1 de novembro de 2015 e o 31 de outubro de 2016:
Modalidade A.1: subvencións para a distribución de espectáculos de artes escénicas e musicais fóra de Galicia.
Beneficiarios: persoas físicas e/ou xurídicas dedicadas profesionalmente á actividade de produción e distribución de espectáculos de artes escénicas ou musicais con sede social ou establecemento permanente na Comunidade Autónoma de Galicia.
Modalidade A.2: subvencións para a representación de espectáculos de artes escénicas ou concertos en feiras e festivais fóra de Galicia.
Beneficiarios: persoas físicas e/ou xurídicas dedicadas á actividade de produción e distribución de espectáculos de artes escénicas e musicais, con sede social ou establecemento permanente en Galicia, para a exhibición de espectáculos e/ou concertos en feiras e festivais fóra de Galicia.
Modalidade A.3: subvencións para a asistencia a feiras e mercados culturais fóra de Galicia.
Beneficiarios: persoas físicas e/ou xurídicas dedicadas á actividade de produción e distribución de bens ou servizos culturais con sede social ou establecemento permanente en Galicia, para a asistencia a feiras ou mercados culturais fóra da Comunidade Autónoma galega. Incluirase a asistencia ao Womex 2016, que se celebrará en Santiago de Compostela, para o que exclusivamente se subvencionará o 60 % dos dereitos de asistencia.
Modalidade A.4: subvencións para a distribución de espectáculos escénicos no territorio da comunidade autónoma.
Beneficiarios: persoas físicas e xurídicas dedicadas profesionalmente á actividade de produción e distribución de espectáculos de artes escénicas, con sede social ou establecemento permanente na Comunidade Autónoma de Galicia.
Poderán acollerse a esta modalidade empresas que presenten un proxecto de distribución pola Comunidade Autónoma de Galicia consistente na realización dun mínimo de cinco representacións de artes escénicas.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación das solicitudes será desde o día seguinte á data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, e ata o 31 de agosto de 2016.

AXUDAS DESTINADAS Á COLABORACIÓN NO FINANCIAMENTO DE INSTERVENCIÓNS ARQUEOLÓXICAS

CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA


Finalidade
A concesión de axudas, polo procedemento abreviado de concorrencia non competitiva, aos promotores particulares de calquera tipo de obras que afecten un conxunto histórico, zona arqueolóxica ou xacementos catalogados ou inventariados, nos casos en que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ou a figura de planeamento vixente determine a necesidade de realizar intervencións arqueolóxicas, en concepto de colaboración no financiamento do custo da execución do proxecto arqueolóxico realizado de acordo cos requisitos establecidos no artigo 61 de la Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia.
Persoas beneficiarias
Empresarios e persoas físicas e xurídicas sen ánimo de lucro que promovesen as intervencións arqueolóxicas comprendidas no ámbito desta orde, desenvoltas en bens inmobles de titularidade privada, que cumpran os seguintes requisitos:
Que as actuacións arqueolóxicas estean autorizadas e fosen realizadas desde o ano 2014 en diante e estean finalizadas na data de publicación desta orde.
Que as actuacións se desenvolvesen conforme os proxectos arqueolóxicos presentados e se cumprisen as obrigas de responsabilidade da dirección de acordo co establecido no Decreto 199/1997, que regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia.
Que se acredite a presentación e a entrega dos correspondentes informes valorativos ou das memorias técnicas e da acta de depósito dos materiais de acordo co citado Decreto 199/1997.
Prazo de presentación de solicitudes: ata o 22 de abril de 2016.

jueves, 17 de marzo de 2016

AXUDAS INDIVIDUAIS DESTINADAS Á ADQUISICIÓN DE SERVIZOS DE PROMOCIÓN DA AUTONOMÍA PERSOAL E SERVIZOS COMPLEMENTARIOS DE ASISTENCIA PERSOAL

CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL


Obxecto
Concesión de axudas individuais destinadas á adquisición de servizos de promoción da autonomía persoal, así como á adquisición de servizos complementarios de asistencia persoal, para persoas con discapacidade empadroadas nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva e de carácter non periódico.
Poderán ser obxecto de financiamento para esta convocatoria as actuacións que se realicen entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro de 2016.
Persoas beneficiarias
Persoas que teñan recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, segundo o procedemento establecido no Real decreto 1971/1999, do 23 de decembro. Así mesmo, considerarase que presentan unha discapacidade en grao igual ou superior ao 33 % os pensionistas da Seguridade Social que teñan recoñecida unha pensión de incapacidade permanente no grao de total, absoluta ou grande invalidez e os pensionistas de clases pasivas que teñan recoñecida unha pensión de xubilación ou de retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade.
Tamén poderán optar a solicitar as axudas reguladas nesta convocatoria as persoas que solicitasen o recoñecemento do grao de discapacidade con anterioridade á data de publicación desta convocatoria. A percepción da axuda quedará condicionada a que lles sexa recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, dentro do prazo máximo establecido para a resolución desta convocatoria de axudas segundo o sinalado no artigo 14.2 desta orde.
En canto ás persoas solicitantes de servizos complementarios de asistencia persoal, será necesario, ademais de cumprir co requisito disposto no punto anterior, que a persoa solicitante teña recoñecida a prestación de asistencia persoal a través do sistema para a autonomía e atención á dependencia.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a súa presentación será de dous meses, contados a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

martes, 15 de marzo de 2016

CONVOCATORIA DE PROBAS PARA A OBTENCIÓN DA CERTIFICACIÓN GALEGA DE COMPETENCIAS DIXITAIS EN OFIMÁTICA

AXENCIA PARA A MODERNIZACIÓN TECNOLÓXICA DE GALICIA


Obxecto
Obter a certificación galega de competencias dixitais en ofimática, regulada polo Decreto 218/2011, do 17 de novembro, tras a superación dunha proba presencial na cal se acreditarán os coñecementos, as capacidades e destrezas definidos no Plan formativo ofimático de Galicia.
Poden participar nestas probas todas aquelas persoas maiores de 16 anos, ou que os fagan antes da finalización do prazo de inscrición, inscritas como usuarias da Rede Cemit.
Contidos da proba
1. O temario para a avaliación será o descrito no módulo formativo MF0233_2 Ofimática (190 horas), asociado á unidade de competencia UC0233_2, manexar aplicacións ofimáticas na xestión da información e da documentación, do Catálogo nacional de cualificacións. As capacidades e os criterios de avaliación do dito módulo formativo poden consultarse no Real decreto 558/2011, do 20 de abril, polo que se complementa o Catálogo nacional de cualificacións profesionais, mediante o establecemento de dúas cualificacións profesionais correspondentes á familia profesional de administración e xestión (BOE núm. 109, do 7 de maio).
2. A Rede Cemit ten publicados na súa plataforma de teleformación (http://cemit.xunta.gal/ema) os materiais formativos que forman parte do curso Codix baixo a modalidade de autoformación como material de apoio para a preparación destas probas:
• Sistema operativo, busca da información: internet/intranet e correo electrónico.
• Aplicacións informáticas de tratamento de textos. LibreOffice Writer.
• Aplicacións informáticas de follas de cálculo. LibreOffice Calc.
• Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais. LibreOffice Base.
• Aplicacións informáticas para presentacións: gráficas de información. LibreOffice Impress.
Solicitudes de participación
1. As persoas que desexen participar nas probas presenciais deberán inscribirse na páxina web de Cemit http://cemit.xunta.gal.
2. Con carácter previo á inscrición é necesario darse de alta como usuario/a da Rede Cemit. Nesta alta previa é imprescindible facilitar unha conta persoal de correo electrónico.
3. O prazo para a inscrición será de sete (7) días naturais a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.
4. A inscrición poderá realizarse a través da internet ata as 14.00 horas da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
5. Soamente se poderá presentar unha solicitude de inscrición por persoa participante e serán excluídos automaticamente aqueles solicitantes que figuren inscritos en mais dunha localidade ou horario.
6. Unha vez que remate o prazo de inscrición e aplicados os criterios de selección que se recollen na base quinta, publicarase a relación provisional de persoas admitidas en cada unha das localidades na páxina web da Rede Cemit (http://cemit.xunta.gal), así como a listaxe de reservas e de excluídos/das.
7. As persoas admitidas provisionalmente deberán aboar no prazo de cinco (5) días naturais desde a data da dita publicación a taxa de dez (10) euros correspondente aos dereitos de exame, serán excluídos aqueles aspirantes que non aboen a citada taxa.
8. Unha vez rematado o prazo para que as persoas admitidas aboen os dereitos de exame, e no caso de existiren prazas libres, chamarase da lista de espera ata cubrir todas as vacantes.

CORRECCIÓN DE ERROS.- LEI 2/2016, DO SOLO DE GALICIA

viernes, 11 de marzo de 2016

CONVOCATORIA PROBAS DE AVALIACIÓN EN COMPETENCIA CLAVE PARA ACCEDER AOS CERTIFICADOS DE PROFESIONALIDADE DE NIVEL 2 E 3

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA


Obxecto
O obxecto desta resolución é convocar probas de avaliación en competencias clave para o acceso ás accións formativas dos novos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación profesional da formación profesional para o emprego no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
Así mesmo, establecer as posibles exencións ás probas e validacións das distintas competencias clave. Así como consideracións sobre a expedición de certificados de profesionalidade.
Competencias clave que se convocan
Convócanse probas nos dous niveis de cualificación profesional 2 e 3, nas seguintes competencias clave:
• Comunicación en lingua galega.
• Comunicación en lingua castelá.
• Comunicación en lingua estranxeira (inglés).
• Competencia matemática.
As competencias clave requiridas para todos os certificados de profesionalidade das 26 familias profesionais do Repertorio Nacional de Certificados de Profesionalidade para os niveis de cualificación 2 e 3, son competencia matemática, comunicación en lingua castelá e comunicación en lingua galega.
A competencia de comunicación en lingua estranxeira soamente se require nos certificados de profesionalidade que teñen un módulo formativo de lingua estranxeira e que se especifican no anexo VI desta resolución.
 Requisitos de acceso á formación de certificados de profesionalidade
O artigo 2 da Orde do 7 de xaneiro de 2014 establece os requisitos para acceder á formación dos certificados de profesionalidade.
No anexo III desta resolución infórmase das titulacións, certificacións ou acreditacións oficiais que reúnen os requisitos formativos de acceso aos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación profesional.
Exencións e validacións ás probas de avaliación
No caso da competencia de comunicación en lingua galega, estarán exentas de presentarse a esta proba as persoas que cumpran algún dos requisitos establecidos no anexo IV.
No anexo V desta resolución establécense as validacións por ter superados estudos regrados e probas do sistema educativo para as competencias clave que se convocan.
Presentación de solicitudes e prazo
1. A participación nestas probas deberá formalizarse presentando unha solicitude segundo o modelo do anexo I desta resolución dirixida ao Instituto Galego das Cualificacións.
2. O prazo para presentala é a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG ata o 2 de abril de 2016.

martes, 8 de marzo de 2016

8 DE MARZO DÍA DA MULLER


SUBVENCIÓNS A PRODUCCIÓNS E COPRODUCCIÓNS AUDIOVISUAIS DE CONTIDO CULTURAL GALEGO 2016

AXENCIA GALEGA DAS INDUSTRIAS CULTURAIS


Finalidade
A concesión de axudas, polo procedemento de concorrencia competitiva, a proxectos audiovisuais das seguintes modalidades:
1.a. Modalidade A: producións e coproducións de longametraxes cinematográficas de ficción, segundo as seguintes submodalidades:

Modalidade A.1: longametraxes de ficción de autoría galega que poñan en valor a diversidade cinematográfica de Galicia e os recursos creativos, artísticos e técnicos do audiovisual galego, posúan unha alta capacidade de internacionalización e o seu orzamento total non supere o importe de 1.200.000 euros.
Modalidade A.2: longametraxes que posúan un especial valor cinematográfico, cultural e social, fomenten o tecido industrial do sector audiovisual galego, teñan vocación de difusión e comercialización nacional e internacional e conten cun orzamento total de produción superior a 1.200.000 euros.

1.b. Modalidade B: producións e coproducións de longametraxes cinematográficas de animación que posúan un especial valor cultural e social, fomenten o tecido industrial do sector audiovisual galego e teñan vocación de difusión e comercialización nacional e internacional.

1.c. Modalidade C: produción e coprodución de longametraxes documentais con especial valor cinematográfico que non empreguen como especial instrumento a recreación de ficción.

1.d. Modalidade D: produción de curtametraxes de ficción, animación e documental de autoría galega e en versión orixinal galega, cunha duración máxima de 30 minutos.

1.e. Modalidade E: producións ou coproducións de autoría galega destinadas a seren emitidas por televisión de acordo coas seguintes submodalidades:

Modalidade E.1: longametraxes e miniseries televisivas de ficción, de autoría galega, que promovan a cultura galega, empreguen e salienten os valores creativos, artísticos e técnicos do audiovisual galego e teñan un decidido propósito de difusión. Consideraranse longametraxes de ficción para televisión aquelas producións que teñan unha duración mínima de 60 minutos. Consideraranse miniseries de ficción aquelas producións de dous capítulos que teñan unha duración mínima de 52 minutos cada un.
Modalidade E.2: longametraxes documentais para televisión, de autoría galega, que contribúan a difundir a cultura galega, a poñer en valor as manifestacións creativas e artísticas galegas ou aborden calquera aspecto da realidade social galega, pero sen empregar como principal instrumento a recreación de ficción. As longametraxes documentais para TV deberán ter un mínimo de 52 minutos de duración.
Modalidade E.3: series de animación infantil e xuvenil destinadas a seren emitidas por televisión que destaquen polo seu carácter innovador, fomenten a aplicación das novas tecnoloxías da produción e teñan unha clara vocación de comercialización a nivel nacional e internacional. As series de animación deberán ter unha duración mínima global de 80 minutos.
Persoas beneficiarias
Poderán optar a estas subvencións todas as persoas físicas ou xurídicas, constituídas como produtoras audiovisuais independentes cunha antigüidade mínima e sen interrupcións dun ano (epígrafe IAE 9611), e con sucursal ou oficina permanente polo menos un ano, previamente a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea e que desenvolvan a súa actividade habitual en Galicia. Por produtor independente enténdese, para os efectos desta convocatoria, toda persoa física ou xurídica privada que teña a iniciativa e asuma a responsabilidade na produción audiovisual e non sexa obxecto de influencia dominante por parte dun prestador de servizo de comunicación/difusión audiovisual nin dun titular de canle televisiva privada, nin, pola súa parte, exerza unha influencia dominante, tal e como establece a Lei 55/2007, do 28 de decembro, do cinema, artigo 4.n).
Prazo de presentación de solicitudes:Ata o 8 de abril de 2016.






SUBVENCIÓNS A FESTIVAIS DE ARTES ESCÉNICAS E DE MÚSICA 2016

AXENCIA GALEGA DAS INDUSTRIAS CULTURAIS


Finalidade
A concesión de axudas, polo procedemento de concorrencia competitiva, aos organizadores de festivais de música ou de artes escénicas celebrados en Galicia, que cumpran os seguintes requisitos:
a) Celebración: o festival debe levarse a cabo entre o 1 de novembro de 2015 e o 31 de outubro de 2016. Enténdense incluídos os festivais iniciados ata o día 31 de outubro.
b) Antigüidade: o festival ten que ter realizado un mínimo de dúas edicións, excluída a edición obxecto desta convocatoria.
c) Contratación artística: o festival ten que ter un orzamento mínimo de contratación artística do 40 % do orzamento subvencionable, para a modalidade A (festivais de música), e un 30 % do orzamento subvencionable para a modalidade B (festivais de artes escénicas).
d) Programación: o festival debe ofrecer un mínimo de seis compañías ou grupos.
e)Presenza de compañías galegas: só para a modalidade B (festivais de artes escénicas), as formacións ou compañías maioritariamente compostas por artistas que desenvolvan principalmente a súa actividade profesional en Galicia teñen que representar, como mínimo, o 20 % do orzamento de contratación profesional artística do festival ou un mínimo do 30 % do total das actuacións profesionais artísticas que se ofrezan. Quedan excluídos do cumprimento deste requisito os festivais presentados á modalidade A (festivais de música).
f) Entradas de pagamento: polo menos un 50 % dos concertos ou representacións escénicas teñen que ser con entradas de pagamento, excepto os festivais de artes escénicas de rúa.
Persoas beneficiarias
Persoas físicas e xurídicas de carácter privado domiciliadas en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, que desenvolvan a súa actividade en Galicia, así como as entidades locais galegas que leven a cabo algún dos festivais descritos no obxecto da convocatoria e que cumpran os requisitos referidos no artigo 10 da Lei de subvencións de Galicia.
Prazo de presentación de solicitudes: Ata o 8 de abril de 2016.



CONVOCATORIA DE PROBAS PARA XESTOR DE TRANSPORTE EN EMPRESAS DE TRANSPORTE POR ESTRADA

CONSELLERÍA DE INFRAESTRUTURAS E VIVENDA


Convocatoria das probas
Convócanse probas de constatación da competencia profesional para o desempeño das funcións de xestor de transporte en empresas de transporte por estrada, tanto na súa modalidade de mercadorías como na de persoas viaxeiras, para a Comunidade Autónoma de Galicia e para o ano 2016.
Calendario das probas
1. As probas terán lugar preferentemente en sábado, domingo ou festivo abranguido entre:
– Primeira convocatoria: entre o 2 de abril e o 29 de maio de 2016.
– Segunda convocatoria: entre o 1 de outubro e o 27 de novembro de 2016.
2. As persoas aspirantes que cumpran os requisitos para presentarse ás probas poderán facelo a calquera das convocatorias, ou ás dúas sucesivamente; igualmente, en calquera delas poderán presentarse á modalidade de xestor de transporte para empresas de transporte de mercadorías por estrada e á de xestor de transporte para empresas de transporte de persoas viaxeiras por estrada, ou só a unha delas.
Requisitos das persoas aspirantes
Para poder participar nas probas de xestor de transporte será preciso ter residencia habitual en Galicia antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes.
Para tal efecto, presumirase que a residencia habitual da persoa aspirante está no lugar en que figure o seu domicilio no documento nacional de identidade en vigor; só se admitirá que o domicilio sexa distinto ao que apareza no referido documento cando se dea algunha das seguintes circunstancias:
– Que a persoa aspirante acredite que tivo o seu domicilio en Galicia, cando menos, durante cento oitenta e cinco (185) días naturais do último ano, contados desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes para concorrer aos exercicios.
– Que a persoa aspirante acredite que, sen cumprir o requisito do punto anterior, se viu obrigada por razóns familiares ou profesionais a cambiar a súa residencia en Galicia; non obstante, non se entenderá cumprida esta exixencia nin cando se trate de estadías temporais nunha localidade para a realización dunha actividade de duración determinada, nin cando se trate de supostos de asistencia a unha universidade, escola ou centro docente.
Os prazos de presentación de solicitudes establécense do seguinte xeito:
a) Primeira convocatoria: no prazo de 15 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
b) Segunda convocatoria: do 1 ao 19 de agosto, incluídos ambos os dous días.

LEI 3/2016 DE PROXECTOS PÚBLICOS DE URXENCIA OU DE EXCEPCIONAL INTERESE

lunes, 7 de marzo de 2016

AXUDAS COMPLEMENTARIAS ERASMUS + PARA ENSINANZAS ARTÍSTICAS SUPERIORES

CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA


Obxecto
Axudas complementarias ás da Unión Europea e do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, no marco do programa comunitario Erasmus+, para estudantes de ensinanzas artísticas superiores en centros públicos de Galicia que participan no citado programa de mobilidade na educación superior no curso 2015/16.
Beneficiarios
Cidadán da Unión Europea ou estranxeiro non comunitario, residente en España, matriculado no curso 2015/16 en centros públicos da Comunidade Autónoma de Galicia que impartan ensinanzas artísticas superiores, que tivesen obtido unha bolsa Erasmus+ de mobilidade no curso 2015/16 e non tivesen gozado desta axuda en convocatorias anteriores, e cunha duración mínima da estadía de 3 meses e máxima de 9 meses.
Prazo de presentación de solicitudes
Un mes desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

OFERTA DE EMPREGO PÚBLICO 2016 SERGAS

OFERTA DE EMPREGO PÚBLICO 2016 DE EDUCACIÓN DE GALICIA

OFERTA DE EMPREGO PÚBLICO 2016 DA XUNTA DE GALICIA

viernes, 4 de marzo de 2016

AXUDAS DE APOIO Á ETAPA DE FORMACIÓN POSDOUTORAL NAS UNIVERSIDADES DO SUG

CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA


Obxecto
O apoio á etapa posdoutoral mediante dúas modalidades:
Modalidade A: axudas para a ampliación da especialización no estranxeiro do persoal investigador doutor e a súa reincorporación na Comunidade Autónoma de Galicia, mediante un contrato dun máximo de dous anos de duración para a realización de estadías no estranxeiro e un contrato de retorno dun ano de duración na Comunidade Autónoma de Galicia.
Modalidade B: axudas para posibilitar a continuación da súa formación e de establecer unha traxectoria investigadora propia, para as persoas que obtiveron unha praza nunha universidade do SUG na convocatoria de 2012 do Programa de axudas de apoio á etapa inicial de formación posdoutoral do Plan I2C e que permaneceron nel ata o 1 de abril de 2016 e obtiveron unha avaliación positiva, mediante un contrato de dous anos de duración nunha universidade do SUG.
Beneficiarios
As universidades do SUG, os organismos públicos de investigación de Galicia, as fundacións de investigación sanitaria de Galicia (Fundación para a Investigación, Desenvolvemento e Innovación Ramón Domínguez, Fundación Profesor Novoa Santos, Fundación Biomédica Galicia Sur) e os centros do CSIC e do IEO radicados en Galicia, sempre que contraten as persoas seleccionadas a través dun contrato laboral de duración determinada con dedicación a tempo completo, de acordo co marco lexislativo actual, en virtude do cal a persoa seleccionada quedará vinculada á devandita entidade.
Poderán acceder a estas axudas os organismos e entidades sinalados no parágrafo anterior que presenten como candidatas persoas co grao de doutor que cumpran na data de peche da convocatoria as condicións que se indican nela para cada tipo de axuda nos anexos I e II, segundo a modalidade a que opten.
 Prazo de presentación de solicitudes
Un mes, que contará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG.

AXUDAS DE APOIO Á ETAPA PREDOUTORAL NAS UNIVERSIDADES DO SUG

CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA


Obxecto
O apoio á etapa predoutoral con dúas modalidades:
– Modalidade A: axudas cofinanciadas parcialmente con FSE destinadas ao apoio á etapa predoutoral para investigadoras e investigadores que desenvolvan un proxecto de investigación en liña cos retos definidos na Estratexia de especialización intelixente de Galicia RIS3 e que teñan unha persoa designada ou proposta para dirixir ou codirixir a tese que cumpra os requisitos indicados no artigo 1 da convocatoria.
Modalidade B: axudas de carácter xeral de apoio á etapa predoutoral, mediante as cales se garantirá a representación de todas as ramas de coñecemento nesta convocatoria.
Para ambas as modalidades prevese a posibilidade de realizar estadías de tres meses de duración no estranxeiro que favorezan unha mellora na formación das investigadoras e dos investigadores e que posibiliten que consigan a mención de doutora ou doutor internacional.
Beneficiarios
As universidades do SUG, os organismos públicos de investigación de Galicia, as fundacións de investigación sanitaria de Galicia (Fundación para a Investigación, Desenvolvemento e Innovación Ramón Domínguez, Fundación Profesor Novoa Santos, Fundación Biomédica Galicia Sur) e os centros do CSIC e do IEO radicados en Galicia que contraten as persoas seleccionadas a través dun contrato predoutoral de duración determinada e con dedicación a tempo completo, en virtude do cal a persoa seleccionada quedará vinculada á institución onde desenvolva a súa actividade, asumindo ambas as partes as obrigas contractuais que deriven del e que, en todo caso, se adecuarán ao contido da solicitude de axuda.
Prazo de presentación de solicitudes
Un mes, que contará a partir do día seguinte ao de publicación desta orde no DOG. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

jueves, 3 de marzo de 2016

PROGRAMA INICIATIVA XOVE

CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL



 Obxecto e finalidade
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras que deberán rexer os procedementos de concesión de axudas enmarcadas no programa Iniciativa Xove para a posta en marcha de iniciativas xuvenís, entendidas estas como proxectos liderados pola mocidade da Comunidade Autónoma de Galicia, que se desenvolvan durante o ano 2016, e nos cales as persoas novas sexan as verdadeiras protagonistas e participen activamente na planificación e na realización das actividades deseñadas por elas mesmas, e convocar estas axudas.
Para os efectos desta orde, considéranse áreas de atención prioritarias que se desenvolverán mediante as iniciativas xuvenís as seguintes:
a) Iniciativa Xove Emprendedora: proxectos que lle permitan á mocidade concretar as súas ideas no ámbito do emprendemento e da empregabilidade.
b) Proxectos de fomento de actitudes creativas, innovadoras, participativas e de liderado da xuventude na súa comunidade e no seu contorno, así como de fomento da accesibilidade de mozos e mozas con discapacidade a actividades culturais e de lecer.
c) Proxectos que permitan a participación en experiencias de educación non formal en distintos campos.
d) Proxectos relacionados coa creación de espazos para a comunicación e coas novas tecnoloxías.
e) Proxectos que fomenten a participación e a dinamización das mulleres novas galegas para que colaboren activamente na toma de decisións, na xestión e na execución desde o asociacionismo ou desde os grupos informais.
f) Proxectos que contribúan á conservación do ambiente e á posta en valor do patrimonio natural.
2. A finalidade das subvencións é fomentar e consolidar a participación libre e eficaz da mocidade no desenvolvemento político, social, económico e cultural, así como promover a adecuada utilización do lecer, a calidade de vida e o benestar dos mozos e mozas da nosa comunidade autónoma, a través de proxectos integrais e específicos de actuación.
Persoas destinatarias
Poderán solicitar a axuda, ao abeiro destas bases reguladoras:
a) Os grupos informais de mozos e mozas que desexen realizar unha iniciativa xuvenil e que reúnan os requisitos establecidos no artigo 4 desta orde.
b) As asociacións xuvenís e as entidades que presten servizos á mocidade que carezan de interese de lucro e as súas respectivas federacións, sempre que, no caso destas últimas, o proxecto que presenten non sexa o mesmo que o de cada unha das asociacións/entidades que as conforman.
Requisitos
Para seren beneficiarias da axuda a que se refire esta orde, as persoas solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos no momento da presentación da solicitude:
1. As asociacións xuvenís e as entidades que lle presten servizos á mocidade e as súas respectivas federacións deberán estar inscritas no censo oficial dependente organicamente da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, regulado no Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro, polo que se refunde e actualiza a normativa vixente en materia de mocidade, modificado polo Decreto 58/2012, do 12 de xaneiro, e cumprir a legalidade vixente no referente ás idades nas asociacións xuvenís (Real decreto 397/1988).
2. Os grupos informais deberán estar formados por un mínimo de cinco e un máximo de oito mozas ou mozos con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos, debidamente identificados, e unha destas persoas asumirá o papel de representante único/a do grupo e con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario/a, lle corresponden ao grupo. Será obrigatorio que o grupo teña unha denominación que o identifique.
Ademais, no caso de grupos informais, as persoas que os compoñan deberán estar empadroados nalgún dos municipios pertencentes á Comunidade Autónoma de Galicia.
3. O incumprimento por parte de calquera dos membros do grupo do requisito da idade ou do empadroamento suporá a non admisión a trámite da solicitude.
4. Non se admitirá que a mesma persoa forme parte ou que pertenza a outro grupo ou asociación solicitante destas axudas.
5. En ambos os casos, é requisito para ser beneficiario/a destas axudas non estar incurso/a en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
6. Será requisito imprescindible para poder solicitar a axuda ter xustificadas debidamente as axudas recibidas no último ano. No caso dos grupos informais, non poderá obter subvención o proxecto presentado por un grupo do cal formen parte mozas ou mozos que o ano anterior participasen nun proxecto subvencionado e non xustificado, aínda que o promotor deste fose un grupo distinto. De todos os xeitos, para a disolución dos grupos deberase ter en conta o disposto no artigo 17.k) desta orde, en relación co artigo 8.3 da Lei 9/2007, consonte os artigos 35 e 63 da mesma norma.
Prazo de solicitude: ata o 4 de abril de 2016.

martes, 1 de marzo de 2016

BOLSA DE FORMACIÓN EN ESTUDOS RELACIONADOS CO DEREITO ADMINISTRATIVO

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA


Obxecto
Bolsa de formación en estudos relacionados co dereito administrativo. A bolsa regulada nesta resolución concederase en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.
Persoas beneficiarias
Poderán solicitar esta bolsa todas aquelas persoas en que non concorra ningunha das circunstancias especificadas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e sempre que reúnan os seguintes requisitos no momento de terminar o prazo de presentación de solicitudes:
– Acreditar ter terminados os estudos académicos con posterioridade a xaneiro do ano 2012 e acreditar algunha das seguintes titulacións universitarias: licenciatura/grao en dereito.
– Non reunir ningunha das circunstancias especificadas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
– Non ter emprego remunerado nin gozar doutra bolsa ou axuda, calquera que sexa esta, ou, no caso de ter emprego remunerado ou gozar doutra bolsa, un compromiso expreso de renunciar a estes con anterioridade ao momento de incorporación a esta escola.
Contía
O importe de cada bolsa será de 1.100 € brutos mensuais (12.100 € anuais), tendo en conta que non se iniciará antes do 1 de febreiro, que se farán efectivos, tras a certificación da EGAP do bo aproveitamento da bolsa, polo importe líquido, tras realizar as retencións fiscais e sociais que lle correspondan, na conta bancaria que sinale a persoa beneficiaria da bolsa. Os meses serán considerados en todos os casos de 30 días. A cantidade percibida estará en función do número de días transcorridos desde a incorporación da bolsa.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia desta convocatoria.
Outros datos
As solicitudes formalizaranse no modelo que se xunta como anexo I a esta convocatoria e deberán ir acompañadas da seguinte documentación en orixinal ou copia:
1. Copia do DNI ou NIE do solicitante, só no caso de non autorizar a súa consulta.
2. Título correspondente ou, na falta deste último, xustificación do pagamento dos dereitos de expedición. Só no caso de non autorizar a consulta.
3. Certificación académica en que se detallen as cualificacións obtidas nas distintas disciplinas. Para facilitar a valoración do expediente académico debe incluírse na certificación a nota media obtida.
4. Currículo do/da solicitante (de acordo co modelo que se inclúe nesta convocatoria como anexo II), con exposición dos méritos académicos e profesionais, así como relación dos traballos e publicacións sobre temas relacionados co obxecto da bolsa, debidamente acreditados.
5. Documentos que acrediten a formación en materias relacionadas co obxecto da bolsa alegados polo interesado no seu currículo.

AXUDAS EXTRAORDINARIAS A PERSOAS EMIGRANTES GALEGAS RETORNADAS

VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA


Obxecto
A concesión de axudas extraordinarias e non periódicas dirixidas a persoas emigrantes galegas retornadas, para axudar a facer fronte aos gastos extraordinarios derivados do seu retorno á Comunidade Autónoma de Galicia.
Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas subvencións as seguintes persoas que, residindo fóra de España, se establezan na Comunidade Autónoma galega:
a) As persoas galegas e nacidas en Galicia.
b) Os cónxuxes ou persoas con unión análoga á conxugal e os/as fillos/as das persoas galegas e nacidas en Galicia.
Para os efectos do establecido neste punto, terá a condición de parella de feito a que figure inscrita como tal no correspondente Rexistro de Parellas de Feito de Galicia regulado polo Decreto 248/2007, do 20 de decembro.
Todas as persoas beneficiarias deberán acreditar estar en posesión da nacionalidade española antes do retorno e ter a súa residencia actual en Galicia.
 Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 31 de agosto de 2016, inclusive.

SUBVENCIÓNS PARA PROMOVER O AUTOEMPREGO E A ACTIVIDADE EMPRENDEDORA DAS PERSOAS GALEGAS RETORNADAS

VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA


Obxecto
A concesión de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas galegas retornadas, subvencionando os gastos que comporta o seu establecemento como persoas traballadoras autónomas ou por conta propia, ou como socias traballadoras de sociedades laborais ou cooperativas de traballo asociado.
Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas subvencións as seguintes persoas que, residindo fóra de España, se establezan na Comunidade Autónoma galega:
1. As persoas galegas e nacidas en Galicia.
2. Os cónxuxes ou persoas con unión análoga á conxugal e os/as fillos/as das persoas galegas e nacidas en Galicia.
Para os efectos do establecido neste punto, terá a condición de parella de feito a que figure inscrita como tal no correspondente Rexistro de Parellas de Feito de Galicia regulado polo Decreto 248/2007, do 20 de decembro.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 31 de agosto de 2016.


AXUDAS DE EMERXENCIA SOCIAL E REALIZACIÓN DE VIAXES POR RAZÓNS DE INTERESE SOCIAL, ASISTENCIAL OU HUMANITARIO

VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA


 Obxecto
A concesión de axudas dirixidas a persoas emigrantes de nacionalidade española e de orixe galega residentes no exterior, que carezan dos recursos económicos necesarios para atender situacións sobrevidas de carácter extraordinario de emerxencia social, sanitaria ou asistencial, que precisen dunha actuación urxente, para evitar ou paliar situacións de necesidade ou exclusión social, así como as que teñan por obxecto sufragar os custos das viaxes que teñan que realizar, por razóns destas características.
Persoas beneficiarias
As persoas emigrantes galegas e os/as seus/súas fillos/as, que posúan a condición de persoas galegas residentes no exterior de acordo co establecido no parágrafo seguinte.
Para os efectos da presente convocatoria, terán a condición de persoas galegas residentes no exterior aquelas persoas emigrantes que nacesen en Galicia ou ben acrediten ter residido en Galicia de forma continuada durante dez anos con nacionalidade española, así como tamén os/as seus/súas fillos/as, que teñan nacionalidade española e que se encontren vinculados con calquera concello galego no Padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE) ou no Censo electoral de residentes ausentes que viven no estranxeiro (CERA).
Excepcionalmente, para o caso de que estas persoas teñan que realizar unha viaxe e non se poidan valer por si mesmas, tamén poderá ser beneficiaria unha persoa acompañante.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación de solicitudes estará aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 30 de novembro de 2016, ambos os dous incluídos.