viernes, 30 de diciembre de 2016

MODIFICACIÓN.- ACCIÓNS DE PROMOCIÓN EXTERIOR CONXUNTA DAS EMPRESAS GALEGAS

PROGRAMA RESOLVE 2017

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA


 Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e teñen por obxecto facilitar o acceso ao financiamento por parte das pemes do seu activo corrente.
Beneficiarios
Poderán acceder aos reavais previstos nestas bases as pequenas e medianas empresas, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño), da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado UE.
Tamén poderán acceder á condición de beneficiario as persoas físicas, agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo as actividades ou se atopen na situación que motiva a concesión da axuda. Neste caso deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe da axuda que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único con poder suficiente para cumprir as obrigas que como beneficiario lle correspondan á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos do artigo 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
En calquera caso, deberán ter radicado o seu domicilio fiscal en Galicia.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes por parte dos interesados, nas entidades financeiras, iniciarase o 2 de xaneiro de 2017 e finalizará o 31 de outubro de 2017. No caso de esgotamento da dispoñibilidade para a concesión de avais o Igape publicará a dita circunstancia no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape www.igape.es co fin de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes.

LIÑAS DE APOIO AO ACCESO E ADECUACIÓN DO FINANCIAMENTO DAS EXPLOTACIÓNS LEITEIRAS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA


Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e teñen por obxecto adecuar e reforzar a estrutura financeira das explotacións leiteiras.
Beneficiarias
Poderán acceder ás liñas de financiamento previstas nestas bases as pequenas e medianas empresas, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño) da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado UE.
Tamén poderán acceder á condición de beneficiarias as persoas físicas, agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo as actividades ou estean na situación que motiva a concesión da axuda. Neste caso deberanse facer constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe da axuda que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único con poder suficiente para cumprir as obrigas que como beneficiario lle correspondan á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos dos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
No caso de sociedades civís e comunidades de bens e outras entidades sen personalidade xurídica, o préstamo deberá estar formalizado a nome da entidade e deberá ser asinado por cada un dos seus membros. No caso das cooperativas, o préstamo poderá estar asinado por un representante da entidade, logo de autorización dela, ou polos cooperativistas, que asumirán a débeda en proporción á súa porcentaxe de participación.
En calquera caso, deberán desenvolver a actividade de explotación de gando bovino para a produción de leite e ter radicado o centro da súa actividade económica en Galicia.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes por parte do interesado nas entidades financeiras iniciarase o 2 de xaneiro de 2017 e rematará o 31 de outubro de 2017. As axudas concederanse de conformidade co artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
No caso de esgotamento do crédito, o Igape publicará a dita circunstancia no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape www.igape.es, co fin de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes, de conformidade co establecido no artigo 31.4 da citada Lei de subvencións de Galicia.

SUBVENCIÓNS Á PRODUCIÓN ESCÉNICA 2017

AXENCIA GALEGA DAS INDUSTRIAS CULTURAIS



Finalidade
Esta resolución, no desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, ten por obxecto fixar as bases que regularán o réxime de subvencións establecidas pola Agadic para contribuír á promoción da produción da actividade escénica, dentro do marco das competencias deste organismo, e proceder á súa convocatoria para este ano 2017.
As modalidades de subvención que comprende esta convocatoria son as que seguen:
Modalidade 1. Subvencións á produción de espectáculos de empresas de nova creación, e con proxectos que non superen os 20.000 euros de orzamento.
• Modalidade 2. Subvencións á produción de espectáculos de pequeno formato, que son aqueles compostos por un máximo de tres actores, actores-manipuladores, bailaríns ou músicos en escena, e que non superen os 30.000 euros de orzamento.
Modalidade 3. Subvencións á produción de espectáculos de mediano formato, que son aqueles compostos por entre catro e sete actores, actores-manipuladores, bailaríns ou músicos en escena, e que non superen os 60.000 euros de orzamento.
• Modalidade 4. Subvencións á produción de espectáculos de gran formato, que son aqueles compostos por máis de sete actores, actores-manipuladores, bailaríns ou músicos en escena, e que non superen os 80.000 euros de orzamento.
Beneficiarios
Dentro dos límites orzamentarios e, de acordo coas condicións e criterios que se establecen nestas bases, poderán acceder a estas axudas as persoas, físicas ou xurídicas, así como as sociedades civís e comunidades de bens –ou calquera outra agrupación de persoas sen personalidade xurídica propia–, así como as unións temporais de empresas, dedicadas profesionalmente á produción de actividade escénica, que desenvolvan maioritariamente a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia, quedando exceptuadas as asociacións e restantes entidades sen fins de lucro.
No suposto da modalidade 1 (empresas de nova creación), ademais dos requisitos anteriores, é preciso que a antigüidade da compañía non sexa superior aos 5 anos.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento, non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

AXUDAS AOS INVESTIMENTOS EN TRANSFORMACIÓN E COMERCIALIZACIÓN DE PRODUTOS AGRARIOS DO PERÍODO 2014-2020

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL


Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas da Consellería do Medio Rural para os investimentos en transformación, comercialización e/ou desenvolvemento de produtos agrícolas, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e convocar as correspondentes ao exercicio orzamentario de 2017.
Beneficiarios
Poderán acollerse a estas axudas os empresarios individuais ou sociedades que sexan ou vaian ser titulares de instalacións obxecto da axuda, dedicadas á transformación e/ou comercialización de produtos do anexo I do Tratado constitutivo da Comunidade Europea, e sobre as cales recaia a carga financeira dos investimentos e gastos que se consideren subvencionables.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes para esta convocatoria será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde.

TARXETA BENVIDA 2017

CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL


 Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases polas que se rexerá a concesión dunha axuda económica para as familias que no ano 2017 teñan un/unha fillo/a, adopten ou estean en situación de garda con fins adoptivos dun neno ou nena menor dun ano e proceder á súa convocatoria.
2. Esta axuda farase efectiva a través da tarxeta Benvida, a cal só poderá ser utilizada en farmacias, parafarmacias, supermercados, tendas de alimentación e establecementos de puericultura ou especializados en artigos e produtos para a infancia.
Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias desta axuda aquelas persoas residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que se atopen nun dos seguintes supostos:
a) Ter fillas ou fillos, tanto por natureza como por adopción, nados entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2017.
b) Estar en situación de garda con fins adoptivos dun ou de máis nenos/as nados/as entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2017.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contados desde o día seguinte a aquel en que se produza o nacemento ou se dite a resolución administrativa ou xudicial para os supostos de garda con fins adoptivos e de adopción.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día do nacemento. No suposto de garda con fins adoptivos ou de adopción entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día en que se ditou a resolución. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao seguinte día hábil e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

jueves, 29 de diciembre de 2016

AXUDAS PARA A EXECUCIÓN DE MEDIDAS DE PROMOCIÓN DO SECTOR VITIVINÍCOLA EN MERCADOS DE TERCEIROS PAÍSES

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL


Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a execución de medidas de promoción do sector vitivinícola en mercados de terceiros países, e realizar a convocatoria para o ano 2017.
Beneficiarias
Poderán presentar solicitudes para acollerse ao financiamento das medidas de promoción en terceiros países as seguintes figuras xurídicas con domicilio fiscal na Comunidade Autónoma de Galicia:
a) Empresas vinícolas, considerando como tales as persoas físicas ou xurídicas privadas que operen principalmente na produción e/ou comercialicen os produtos do sector do viño mencionados no anexo IV da orde.
b) As organizacións de produtores, asociacións de organizacións de produtores e organizacións interprofesionais definidas nos artigos 152, 156 e 157 do Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, recoñecidas polo Estado membro, así como as organizacións profesionais e os grupos definidos no artigo 3, número 2, do Regulamento (UE) nº 1151/2012 do Parlamento Europeo e do Consello, sobre os réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios, e as asociacións temporais ou permanentes de dous ou máis produtores que teñan entre os seus fins o desenvolvemento de iniciativas en materia de promoción e comercialización do viño.
c) Así mesmo, e no caso de existir suficiente dispoñibilidade de orzamento, tras a aprobación dos programas correspondentes aos tipos de beneficiarios antes indicados, poderán considerarse tamén beneficiarios os organismos públicos con competencia legalmente establecida para desenvolver actuacións de promoción de viños españois en mercados en terceiros países.
Non obstante, conforme o disposto no número 2 do artigo 8 do Real decreto 597/2016, non serán admisibles as solicitudes de axuda de organismos públicos de ámbito nacional que, en todo caso, deberán ser presentadas ante o Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes para esta convocatoria será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde.

INDEMNIZACIÓNS POLO SACRIFICIO OBRIGATORIO DE ANIMAIS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL


Obxecto
O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras para a concesión de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio ou morte de animais, ou pola destrución de produtos, no marco de programas ou actuacións oficiais de vixilancia, loita, control ou erradicación de enfermidades animais, e pola morte de animais no contexto das medidas de execución de actuacións sanitarias oficiais impostas pola autoridade competente, ou como consecuencia directa de tratamentos, manipulacións preventivas ou con fins de diagnóstico, así como nos demais supostos recollidos na Lei 8/2003, de sanidade animal, e convocalas para o ano 2017 (procedemento MR553C).
Persoas beneficiarias
1. Poderán optar ás indemnizacións previstas no artigo 1 as persoas físicas e xurídicas e as entidades sen personalidade xurídica que sexan titulares:
a) De animais que se sacrifiquen ou morran por resultaren reaccionantes ás probas diagnósticas de tuberculose, brucelose, leucose e lingua azul no gando vacún, ovino e cabrún, ou por ter convivido con animais enfermos e que sexan considerados sospeitosos polos veterinarios actuantes.
b) De animais e os seus produtos de calquera especie, sacrificados/mortos e/ou destruídos por motivos de sospeita e/ou confirmación da presenza dalgunha das encefalopatías esponxiformes transmisibles.
c) De aves reprodutoras ou poñedoras da especie Gallus gallus e reprodutoras da especie Meleagris gallopavo, sacrificadas por orde da autoridade competente dentro dos programas nacionais de control de salmonela.
d) De aves sacrificadas por mor da declaración oficial dun foco de influenza aviaria ou de enfermidade de Newcastle.
e) De porcos sacrificados/mortos por mor da declaración oficial dun foco de peste porcina clásica ou de peste porcina africana.
f) De animais que se sacrifiquen/morran por resolución da autoridade competente en materia de sanidade animal, afectados por enfermidades distintas das sometidas a programas sanitarios oficiais.
g) De animais que morresen como consecuencia directa de actuacións, tratamentos e manipulacións preventivas ou con fins de diagnóstico e, en xeral, de animais que morran no contexto de medidas de execución de actuacións sanitarias oficiais impostas pola autoridade competente.
h) Os demais supostos recollidos na Lei 8/2003, de sanidade animal, e na normativa estatal e da Unión Europea de desenvolvemento dos programas e das actuacións sanitarias de vixilancia, loita, control e erradicación de cada enfermidade.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación das solicitudes e, se é o caso, da correspondente documentación complementaria será desde o día seguinte á data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o día 30 de novembro de 2017, incluíndo ambas as dúas datas no cómputo do prazo.

AXUDAS PARA PROGRAMAS DE CALIDADE DESENVOLVIDOS POR CONSELLOS REGULADORES DE DENOMINACIÓNS DE CALIDADE AGROALIMENTARIA

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL


Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas que, en réxime de concorrencia polo sistema de rateo, vai conceder a Consellería do Medio Rural para actuacións relacionadas coa implantación e desenvolvemento de programas de mellora e control da calidade e da orixe dos produtos agroalimentarios galegos amparados por algunha denominación xeográfica de calidade das reguladas no capítulo II do título III da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, ou acollidos á produción ecolóxica, así como efectuar a convocatoria para o ano 2017.
Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarios destas axudas os consellos reguladores das distintas denominacións de calidade agroalimentaria existentes no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia sempre que non incorran nalgunha das prohibicións do artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Ademais, os beneficiarios deberán cumprir os requisitos do Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

AXUDAS PARA O APOIO ÁS ACTIVIDADES DE INFORMACIÓN E PROMOCIÓN REALIZADAS POR GRUPOS DE PRODUCTORES NO MERCADO INTERIOR

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 20 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o apoio ás actividades de información e promoción realizadas por grupos de produtores no mercado interior, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, e se convocan para o exercicio orzamentario 2017.

Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e efectuar a convocatoria para o ano 2017 das axudas que, en réxime de concorrencia competitiva, vai conceder a Consellería do Medio Rural para actuacións de información e promoción dos produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada no marco do Programa de desenvolvemento rural para Galicia 2014-2020.
Beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas axudas as agrupacións de produtores, conforme a definición do artigo 2.1 (consellos reguladores e entidades asociativas sen ánimo de lucro en que participan produtores), que participen nalgún programa de calidade diferenciada de alimentos dos que se recollen no artigo 2.2 da orde (denominacións de orixe protexidas, indicacións xeográficas protexidas, especialidades tradicionais garantidas e produción ecolóxica) e que se refiren a produtos cubertos por un réxime de calidade dos apoiados na submedida 3.10 do PDR de Galicia 2014-2020.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

miércoles, 28 de diciembre de 2016

SUBVENCIÓNS PARA A PRENVENCIÓN DOS DANOS CAUSADOS AOS BOSQUES POR INCENDIOS, DESASTRES NATURAIS E CATÁSTROFES EN MVMC E SOFOR

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL


Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras da concesión de subvencións que os titulares de montes veciñais en man común, as súas agrupacións e as sociedades de fomento forestal (en diante, Sofor) poderán percibir para a posta en marcha de actuacións preventivas recollidas na lexislación galega sobre incendios forestais e a súa convocatoria para o ano 2017 en réxime de concorrencia competitiva.
2. De acordo co devandito obxecto, establécense dúas liñas de subvencións:
a) Liña I. Subvencións para o control selectivo de combustible (código de procedemento MR651A).
b) Liña II. Subvencións para a construción de puntos de auga (código de procedemento MR651B).
3. O disposto nesta orde será de aplicación aos montes veciñais en man común e ás Sofor da Comunidade Autónoma de Galicia, agás aqueles montes veciñais en man común que estean consorciados coa Administración, salvo que solicitasen a rescisión ou transformación do dito consorcio.
No caso de montes veciñais en man común consorciados coa Xunta de Galicia, poderá solicitarse subvención naquela superficie non consorciada.
4. Estas axudas ampáranse nos artigos 21 e 24 do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), que establecen as medidas de apoio á prevención e defensa contra os incendios forestais.
5. Estas axudas tramitaranse ao abeiro do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, aprobado pola Decisión de execución da Comisión do 18 de novembro de 2015.
Beneficiarios
1. Poderán ser beneficiarios destas subvencións os titulares de montes veciñais en man común, as súas agrupacións e mancomunidades, e as Sofor sempre que non incorran en ningunha das circunstancias recollidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. Serán elixibles as actuacións localizadas en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, a excepción das parroquias densamente poboadas dos grandes concellos de Galicia, de acordo co establecido no número 8.1 do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020.
3. As actuacións localizaranse en zonas de alto ou medio risco de incendios, ou sexa, que poderá abranguer todo o territorio de Galicia, conforme o disposto na Orde do 18 de abril de 2007 pola que se zonifica o territorio con base no risco espacial de incendio forestal.
4. No caso de agrupacións de montes veciñais en man común, deberán facerse constar os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación.
5. Cando se trate de agrupacións sen personalidade, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como a porcentaxe de subvención que percibirá cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios.
6. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poder suficiente para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, corresponden á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición establecido nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007.
7. No caso da liña II, a porcentaxe de subvención deberá ser proporcional á superficie de cada CMVMC con respecto á superficie total da agrupación.
 Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

martes, 27 de diciembre de 2016

AXUDAS PARA O FOMENTO DAS RAZAS AUTÓCTONAS GALEGAS 2017

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 19 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases que regulan a concesión das axudas para o fomento das razas autóctonas galegas e se convocan para o ano 2017.

 Obxecto
As presentes axudas, tramitadas en réxime de concorrencia competitiva, teñen como finalidade:
1. O aumento da rendibilidade das explotacións gandeiras galegas, da súa viabilidade e do nivel de vida dos gandeiros.
2. A modernización do sector gandeiro galego en materia de xenética, sanidade e produción animal.
3. A mellora da eficiencia dos sistemas produtivos agrarios e das calidades nas súas producións.
4. A optimización na utilización das oportunidades e dos recursos dispoñibles.
Persoas beneficiarias
Poderanse acoller ás axudas descritas nesta orde as organizacións ou asociacións de criadores das razas autóctonas galegas, recoñecidas pola Comunidade Autónoma, que cumpran os requisitos seguintes:
a) Carecer de ánimo de lucro.
b) Estar oficialmente recoñecidas para a xestión do libro ou libros xenealóxicos da raza ou razas autóctonas españolas pola Comunidade Autónoma galega.
c) No caso de que existan varias asociacións recoñecidas para unha mesma raza, xa sexa na mesma comunidade autónoma ou en distintas comunidades autónomas, deberán estar integradas nunha única asociación de segundo grao, segundo establece o artigo 13.1 do Real decreto 2129/2008, do 26 de decembro, polo que se establece o Programa nacional de conservación, mellora e fomento das razas gandeiras para poderen acceder a estas axudas, e deberá ser a dita asociación de segundo grao a solicitante das axudas.
d) Cumprir os requisitos exixidos polos artigos 13.2 e 13.3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e, de ser o caso, o recollido nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
e) Cumprir coas obrigas previstas no artigo 11 do Real decreto 2129/2008, do 26 de decembro.
f) Ter a condición de peme de acordo co establecido no anexo I do Regulamento (UE) núm. 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño, definición que se inclúe no anexo II desta orde.
g) Non ter a consideración de empresa en crise, segundo se define nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise, de acordo coas directrices sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas non financeiras en crise (Comunicación 2014/C 249/01 da Comisión, do 31 de xullo de 2014).
h) Non estar suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior.
Así mesmo, os requisitos previstos nas letras d), f), g) e h) tamén deberán ser cumpridos polas explotacións gandeiras en que se realicen as actividades subvencionables.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

lunes, 26 de diciembre de 2016

SUBVENCIÓNS E FESTIVAIS DO SECTOR AUDIOVISUAL 2017

AXENCIA GALEGA DAS INDUSTRIAS CULTURAIS


Finalidade

1. Esta resolución, no desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, ten por obxecto fixar as bases que regularán o réxime de subvencións establecidas pola Agadic para o apoio a festivais de cine de carácter profesional celebrados en Galicia que, polas súas características, teñan un interese estratéxico para o sector, e proceder á súa convocatoria para o ano 2017.

2. Para os efectos desta convocatoria, entenderase por festivais aqueles certames, semanas e mostras que teñan por obxecto a promoción e difusión da produción cinematográfica e audiovisual e se celebren en Galicia.

Beneficiarias

Dentro dos límites orzamentarios e de acordo coas condicións e criterios que se establecen nestas bases, poderán acceder a estas axudas as persoas físicas e xurídicas de carácter privado domiciliadas en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo que desenvolvan a súa actividade en Galicia, así como as entidades locais galegas que leven a cabo algún dos festivais descritos no obxecto da convocatoria e cumpran os requisitos referidos no artigo 10 da Lei de subvencións de Galicia.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

viernes, 23 de diciembre de 2016

SUBVENCIÓNS DE CREACIÓN AUDIOVISUAL

AXENCIA GALEGA DAS INDUSTRIAS CULTURAIS


Finalidade

Esta resolución, no desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, ten por obxecto fixar as bases que regularán o réxime de subvencións establecidas pola Agadic para fomentar a creación de obras audiovisuais con decidida vocación artística e cultural e, en concreto, a escrita de guións e a realización de curtametraxes a cargo de creadores individuais ou a realización de longametraxes a cargo de empresas individuais ou produtoras, e proceder á súa convocatoria para o ano 2017.

Poderán ser obxecto de subvencións da Axencia Galega das Industrias Culturais as seguintes modalidades de proxectos:

Modalidade A. Subvencións á escrita individual de guión en galego. Subvencións para proxectos de guión de obras orixinais ou adaptación de obras literarias, para longametraxes cinematográficas. A contía adxudicada por proxecto será de 5.000 euros.

Modalidade B. Subvencións para a realización de proxectos de curtametraxes gravadas en versión orixinal galega cunha duración inferior a 30 minutos. As subvencións terán unha contía de 6.000 euros.

Modalidade C. Subvencións a proxectos de longametraxes cinematográficas en versión orixinal galega, cunha duración igual ou superior aos 60 minutos e que conten cun realizador que non teña dirixido ou codirixido máis de dúas longametraxes cualificadas para a súa explotación comercial en salas de exhibición cinematográfica. As subvencións terán unha contía de 30.000 euros. Cada proxecto deberá estar inscrito nunha soa modalidade.

Cada proxecto deberá estar inscrito nunha soa modalidade.

Beneficiarios

1. Poderán optar ás subvencións referidas nas modalidades A e B todas as persoas físicas residentes, cando menos por un ano previo a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea, sempre que non realicen o proxecto para o que solicitan a subvención de xeito profesional.
2. Poderán optar ás subvencións referidas na modalidade C os directores residentes, cando menos por un ano previo a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea, que estean constituídos como produtora individual no momento de presentar a solicitude. Así mesmo, poderán optar aquelas persoas xurídicas constituídas como produtoras con antigüidade ininterrompida de, polo menos, un ano inmediatamente anterior a esta convocatoria, establecidas cando menos por un ano previo inmediatamente anterior a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

SUBVENCIÓNS PARA SALAS DE ARTES ESCÉNICAS


AXENCIA GALEGA DAS INDUSTRIAS CULTURAIS

RESOLUCIÓN do 16 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases de subvencións para salas de artes escénicas e se convocan para o ano 2017.

Finalidade
Esta resolución, no desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, ten por obxecto fixar as bases que regularán o réxime de subvencións establecidas pola Agadic para fomentar a estabilidade e consolidación das salas de artes escénicas de titularidade privada que desenvolvan programacións artísticas de carácter profesional.
Beneficiarios
Poderán solicitar as subvencións as persoas físicas ou xurídicas xestoras de salas de artes escénicas de titularidade privada con capacidade igual ou inferior a 250 localidades que presenten un proxecto de programación artística para o ano 2017. Exclúense salas cuxa titularidade pertenza á asociacións ou outras entidades sen ánimo de lucro. O solicitante deberá probar a dispoñibilidade da sala mediante copia da escritura de propiedade, contrato de aluguer ou outros documentos válidos en dereito, e deberá estar en posesión da licenza de apertura da sala para a cal solicita a axuda na actividade correspondente.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte á data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.