Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases e convocar o procedemento de concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de cento vinte (120) bolsas Retorna Talento FP para cursar, polo réxime dual intensivo, os ciclos de formación profesional (grao D) que se indican no anexo IV que se inicien no ano 2026 en centros da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento ED333B).
A formación terá unha duración de dous cursos académicos. Tanto no curso 2026/27 como no 2027/28 o alumnado recibirá a súa formación na modalidade presencial, que se desenvolverá entre o centro educativo e a empresa.
As persoas solicitantes poderán indicar ata un máximo de tres ensinanzas de entre as recollidas no anexo IV, ordenadas segundo a súa orde de preferencia.
Persoas beneficiarias
Poderá concorrer a esta convocatoria a cidadanía galega residente no exterior e que cumpra o disposto no artigo 4, Requisitos.
Quedan excluídas desta convocatoria as persoas que xa foron beneficiarias da bolsa convocada pola Orde do 24 de marzo de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras e se convoca o programa Retorna Talento FP, dirixido a persoas galegas residentes no estranxeiro interesadas en retornar e cursar determinados estudos de formación profesional en centros educativos de Galicia que se inicien no ano 2025 (DOG núm. 60, do 27 de marzo), ou outras bolsas de edicións anteriores.
Quedan excluídas desta convocatoria aquelas persoas que foron beneficiarias das bolsas de excelencia para a mocidade exterior (BEME), convocadas pola Secretaría Xeral da Emigración.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes iniciarase o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, e rematará ás 23:59:59 horas (hora peninsular española) do 30 de abril de 2026.