lunes, 24 de julio de 2023

AXUDAS PARA A ADQUISICIÓN DE VIVENDAS PROTEXIDAS 2023

 INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO

RESOLUCIÓN do 27 de xuño de 2023 pola que se convocan para o ano 2023 as axudas para a adquisición de vivendas protexidas (código de procedemento VI420C).

Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto convocar para o ano 2023 as subvencións para a adquisición de vivendas protexidas, que se tramitarán co código de procedemento VI420C.
2. A concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Persoas beneficiarias
1. Poderán beneficiarse destas axudas as persoas físicas maiores de idade que reúnan os seguintes requisitos:
a) Posuíren a nacionalidade española ou, no caso de seren estranxeiras, teren a residencia legal en España.
b) Seren adquirentes ou adxudicatarias, en primeira transmisión, dunha vivenda de protección autonómica de réxime xeral ou especial de nova construción ou procedente da rehabilitación, cualificada definitivamente na data de publicación desta resolución.
c) Teren subscrito con posterioridade ao 30 de setembro de 2022 un contrato privado de compravenda da vivenda, visado pola área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda ou, de ser o caso, unha escritura pública de compravenda que conteña as cláusulas obrigatorias derivadas da cualificación definitiva da vivenda.
d) Estaren a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non teren pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
e) Non estaren nin a persoa solicitante nin as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
2. No suposto de adquisición da propiedade da vivenda por máis dunha persoa, cada unha delas deberá cumprir os requisitos sinalados no primeiro parágrafo para poder ser beneficiaria da axuda.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará o primeiro día hábil seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e rematará o 2 de outubro de 2023 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario, o que será publicado no DOG mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

CORRECCIÓN DE ERROS.- PROGRAMA DE AXUDA ÁS ACTUACIÓNS DE MELLORA DA EFICIENCIA ENERXÉTICA EN VIVENDAS 2023

 INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO

CORRECCIÓN DE ERROS. Resolución do 1 de xuño de 2023 pola que se convoca o Programa de axuda ás actuacións de mellora da eficiencia enerxética en vivendas no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, para o ano 2023, con carácter plurianual (código de procedemento VI406E).

SUBVENCIÓNS AO SECTOR TURÍSTICO PARA A PROMOCIÓN DA DIXITALIZACIÓN 2023

 AXENCIA DE TURISMO DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 27 de xuño de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións ao sector turístico para a promoción da dixitalización, e se anuncia a súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento TU503C).

Obxecto e réxime
As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto promover o desenvolvemento tecnolóxico e o proceso de transformación dixital das empresas turísticas a través da incorporación de solucións dixitais aos seus establecementos, servizos e procesos, coa finalidade de mellorar a súa competitividade, adaptándose ás novas necesidades e tendencias do sector turístico.

Persoas beneficiarias
Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións as persoas físicas e xurídicas titulares de empresas de aloxamento turístico, de restauración e de axencias de viaxes que teñan o seu domicilio fiscal en Galicia e que teñan inscrito e autorizado ou clasificado, conforme estableza a normativa turística no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en diante, REAT), o establecemento turístico para o que se solicita a axuda, con base nos artigos 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.
En concreto, son actuacións subvencionables as que realicen calquera dos seguintes tipos de establecementos turísticos:
a) Os establecementos hoteleiros, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural, apartamentos turísticos, vivendas turísticas e albergues turísticos, de acordo co artigo 55.1 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.
b) As empresas de restauración (restaurantes, cafetarías e bares) que se enmarquen dentro do artigo 77 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.
c) As axencias de viaxes que se enmarquen dentro do artigo 83 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.




Prazo de xustificación da subvención




Para a entrega da documentación xustificativa o prazo será ata o 15 de novembro de 2023.

SUBVENCIÓNS PARA APOIAR INICIATIVAS DE EMPRENDEMENTO 2023

 CONSELLERÍA DE PROMOCIÓN DO EMPREGO E IGUALDADE

ORDE do 28 de xuño de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para apoiar iniciativas de emprendemento e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2023 (código de procedemento TR880A).

Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria pública de subvencións para apoiar iniciativas de emprendemento ás persoas traballadoras autónomas e ás pequenas e medianas empresas, incluídas as cooperativas e sociedades laborais, que se constitúan ou dean de alta, segundo a natureza xurídica da entidade de que se trate, e que iniciasen a súa actividade económica desde o 1 de xaneiro de 2021 no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e proceder á súa convocatoria para a anualidade 2023.
A finalidade é facilitar as iniciativas de emprendemento, contribuíndo ao incremento da súa actividade económica, e a súa competitividade e, en definitiva, manter empregos de calidade, a través do apoio ao financiamento do investimento realizado e pagado entre o 5 de novembro de 2022 e a data da presentación da solicitude (código de procedemento TR880A).

Persoas, entidades beneficiarias e requisitos
Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas traballadoras autónomas e as pequenas e medianas empresas, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, e as sociedades cooperativas e laborais, así como as empresas de inserción e os centros especiais de emprego, previstos no artigo 6 da Lei 6/2016, do 4 de maio, da economía social de Galicia. que cumpran os dous requisitos seguintes: que se constitúan ou dean de alta, segundo a natureza xurídica da entidade de que se trate, e que iniciasen a súa actividade económica desde o 1 de xaneiro de 2021, segundo se establece no artigo 1 da orde.
As persoas interesadas deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Ter o domicilio fiscal en Galicia.
b) Figurar inscritas como tales nos correspondentes rexistros administrativos da Comunidade Autónoma de Galicia.
c) Ter presentadas, de ser o caso, as contas anuais do último ano no Rexistro Mercantil ou no Rexistro de Cooperativas, segundo corresponda á súa forma xurídica.
d) Terse constituído ou dado de alta, segundo a natureza xurídica da entidade de que se trate, e ter iniciado a súa actividade económica no período que transcorre entre o 1 de xaneiro de 2021 ata a data de presentación da solicitude.
e) Ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.
f) Estar ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social para obter subvencións.
g) Non ter sido sancionadas mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións.
2. Non poderán ser beneficiarias desta subvención aquelas iniciativas de emprendemento que obtivesen resolución favorable ao abeiro da Orde do 29 de setembro de 2022 (DOG núm. 187, do 30 de setembro).

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará a contarse partir do día hábil seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e estará aberto ata o 29 de setembro de 2023, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.

jueves, 20 de julio de 2023

AXUDAS DESTINADAS A FOMENTAR O ASOCIACIONISMO E A PARTICIPACIÓN DAS MULLERES 2023

 CONSELLERÍA DE PROMOCIÓN DO EMPREGO E IGUALDADE

RESOLUCIÓN do 22 de xuño de 2023, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a fomentar o asociacionismo e a participación das mulleres, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento SI437A).

Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto fortalecer e consolidar o movemento asociativo e potenciar a participación social e a calidade de vida das mulleres galegas a través das seguintes liñas:
a) Liña 1: consolidación do movemento asociativo, destinada a compensar gastos correntes que orixinen o mantemento e o funcionamento das asociacións de mulleres e as súas federacións.
b) Liña 2: promoción de actuacións e actividades singularizadas en materia de igualdade, de prevención da violencia de xénero e de acompañamento das vítimas, con especial incidencia nas mulleres rurais, mulleres maiores e/ou mulleres en situación de vulnerabilidade, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.
Poderán ser obxecto de subvención na liña 1 os gastos xerados no período comprendido entre o 1 de outubro de 2022 e o 30 de setembro de 2023, ambos os dous incluídos.
Poderán ser obxecto de subvención na liña 2 os gastos e actuacións realizadas no período comprendido entre o 1 de decembro de 2022 e o 30 de novembro de 2023, ambos os dous incluídos.

Entidades beneficiarias
Poderán ser entidades beneficiarias das axudas destinadas a fomentar o asociacionismo e a participación das mulleres as asociacións de mulleres e as federacións constituídas ao abeiro da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, que teñan domicilio social en Galicia e estean inscritas na área de igualdade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS), sempre que cumpran os demais requisitos e condicións establecidos nas bases reguladoras.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

PROGRAMA BONO CONCILIA FAMILIA

CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL E XUVENTUDE

ORDE do 22 de xuño de 2023 pola que se establecen as bases para a concesión das axudas económicas ás familias para a conciliación en situacións puntuais e períodos de vacacións escolares a través do programa Bono Concilia Familia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento BS412A).

Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas ás familias con nenos e nenas residentes en Galicia de ata doce anos de idade, estes incluídos, para a atención de necesidades de conciliación de carácter puntual ou durante os períodos de vacacións escolares, que teñan lugar entre o 1 de xaneiro e o 8 de setembro de 2023 (código de procedemento BS412A), así como proceder á súa convocatoria.
2. Para os efectos desta orde, entenderanse como períodos de vacacións escolares os seguintes:
– Do 1 ao 6 de xaneiro.
– Os días 20, 21 e 22 de febreiro.
– Do 3 ao 10 de abril.
– Do 22 de xuño ao 8 de setembro.
3. As axudas previstas nesta orde tramitaranse de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que polo obxecto e a finalidade das subvencións non será necesaria a comparación e prelación das solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos na convocatoria.

Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das axudas do programa Bono Concilia Familia os pais/nais e as persoas titoras de nenos e nenas de ata doce anos de idade, estes incluídos, ou as persoas que os/as teñan en situación de acollemento familiar ou garda con fins adoptivos, que residan na Comunidade Autónoma de Galicia e estean nos supostos seguintes:
a) Que o neno ou a nena sexa menor de trece anos no momento en que se produce o suposto para o cal se solicita a axuda.
b) Que ambos os pais/nais, persoas titoras, acolledoras, gardadoras con fins adoptivos, familias monoparentais ou pais/nais con custodia non compartida, estean efectivamente traballando, tanto no suposto de solicitudes por enfermidade ou accidente do neno ou nena como por necesidades en períodos de vacacións escolares.
Nos supostos de custodia compartida, este requisito entenderase referido ao tempo en que esta se exerza efectivamente, debendo presentar, nestes casos, cada pai/nai unha solicitude individual.
2. Ademais, as persoas beneficiarias teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Lugar e prazo de presentación das solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario/a e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o día 15 de setembro de 2023. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

AXUDAS PARA A ADQUISICIÓN DE VIVENDA NOS CENTROS HISTÓRICOS

 INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO

RESOLUCIÓN do 22 de xuño de 2023 pola que se convocan para o ano 2023 as axudas para a adquisición de vivenda nos centros históricos (código de procedemento VI400A).

Obxecto e réxime das axudas
1. Esta resolución ten por obxecto convocar para o ano 2023 as subvencións para a adquisición de vivenda nos centros históricos, que se tramitarán co código de procedemento VI400A.
2. A concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Persoas beneficiarias
1. Poderán beneficiarse destas axudas as persoas físicas maiores de idade que reúnan os seguintes requisitos:
a) Posuír a nacionalidade española ou, no caso de seren estranxeiras, ter a residencia legal en España.
b) Que os ingresos anuais das persoas que compoñen a súa unidade de convivencia sexan iguais ou inferiores a 6,5 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (en diante, IPREM).
c) Ter subscrito con posterioridade ao 15 de novembro de 2022 un contrato privado ou, se é o caso, unha escritura pública de adquisición dunha vivenda que reúna os seguintes requisitos:
– Que estea situada no ámbito dun centro histórico dos citados no anexo da Orde do 1 de marzo de 2018 pola que se determinan os centros históricos, para os efectos das deducións previstas nos números 14 do artigo 5, e 6 e 7 do artigo 13.ter, do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo (Diario Oficial de Galicia núm. 51, do 13 de marzo de 2018).
– Que se trate dunha vivenda xa construída. Para estes efectos, admitiranse as vivendas novas, as usadas e as que vaian ser obxecto de rehabilitación.
– Que o prezo de adquisición da vivenda, no caso de que estea situada no ámbito dun centro histórico dos concellos da Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, non supere o prezo máximo previsto para as vivendas de protección autonómica de réxime concertado nos municipios de prezo máximo superior, computando unha superficie útil de 120 m2 e sen incluír os gastos e tributos inherentes á dita adquisición. Este prezo máximo incrementarase nun 8 % no suposto de dispoñer de garaxe e nun 2 % no suposto de dispoñer de rocho.
No caso de que a vivenda estea situada no ámbito dun centro histórico dos concellos non sinalados no parágrafo anterior, o prezo de adquisición non poderá superar o prezo máximo previsto para as vivendas de protección autonómica de réxime concertado situadas na zona I do Decreto 402/2009, do 22 de outubro, polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia, computando unha superficie útil de 120 m2 e sen incluír os gastos e tributos inherentes á dita adquisición. Este prezo máximo incrementarase nun 8 % no suposto de dispoñer de garaxe e nun 2 % no suposto de dispoñer de rocho.
d) Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean empadroadas na vivenda adquirida no momento de presentación da correspondente solicitude, para o caso de dispoñer de escritura pública de compravenda formalizada con anterioridade á data da presentación da citada solicitude, salvo que a vivenda vaia ser obxecto de rehabilitación. Neste caso deberán empadroarse nela no momento da finalización das citadas obras.
e) Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non teñan pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
f) Que nin a persoa solicitante nin as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
g) Que nin a persoa solicitante nin as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia sexan propietarias ou usufrutuarias dalgunha vivenda en territorio español. Para estes efectos, non se considerará que se posúe a propiedade ou o usufruto dunha vivenda se o dereito recae unicamente sobre unha parte alícuota desta e foi obtido por transmisión mortis causa. Exceptuaranse deste requisito aquelas persoas que, sendo titulares dunha vivenda, acrediten non ter a súa dispoñibilidade por causa de separación ou divorcio, non poidan habitala por calquera outra causa allea á súa vontade ou que a vivenda resulte inaccesible por razón de discapacidade da persoa solicitante ou de calquera membro da súa unidade de convivencia.
2. Tamén poderán ser persoas beneficiarias destas axudas aquelas persoas que presentasen unha solicitude de subvención para a adquisición de vivenda en centros históricos ao abeiro da Resolución do 25 de febreiro de 2021 e lles fose denegada por esgotamento do crédito previsto na convocatoria. Neste caso, deberán cumprir todos os requisitos sinalados neste ordinal, excepto o referido á data de adquisición da vivenda.
3. No suposto de adquisición da propiedade da vivenda por máis dunha persoa, cada unha das persoas propietarias deberá cumprir os requisitos sinalados no parágrafo anterior para poder ser beneficiaria da axuda.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará o primeiro día hábil seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e rematará o 2 de outubro de 2023 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario, o que será publicado no DOG mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

PRAZAS E BOLSAS NAS RESIDENCIAS XUVENÍS DEPENDENTES DA CONSELLERIA DE PÓLITICA SOCIAL E XUVENTUDE CURSO 2023/24

 CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL E XUVENTUDE

ORDE do 19 de xuño de 2023 pola que se determinan as bases reguladoras para a concesión de prazas e bolsas nas residencias xuvenís dependentes desta consellería, e se convocan para o curso académico 2023/24 (códigos de procedemento BS303B, BS303C e BS303D).

Obxecto
O obxecto é convocar, en réxime de concorrencia competitiva, o procedemento de adxudicación de prazas e de bolsas, nas residencias xuvenís dependentes da Consellería de Política Social e Xuventude para o curso académico 2023/24, e establecer as bases para a súa concesión.
As modalidades de adxudicación de prazas establecidas nesta orde regularanse a través dos seguintes procedementos:
a) BS303B: prazas en residencias xuvenís para persoas estudantes.
b) BS303C: prazas en residencias xuvenís para persoas estudantes colaboradoras bolseiras.
c) BS303D: prazas en residencias xuvenís para persoas traballadoras.

Persoas beneficiarias
1. A adxudicación de prazas nas residencias xuvenís dependentes da Consellería de Política Social e Xuventude para o curso académico 2023/24 destínase a persoas estudantes e persoas traballadoras que cumpran os requisitos xerais e específicos establecidos na convocatoria. Así mesmo, coa adxudicación de prazas destínase unha liña de bolsas para persoas estudantes colaboradoras que ademais dos requisitos xerais cumpran os requisitos específicos establecidos para a súa concesión.
2. Así, poderán optar ás prazas nas residencias xuvenís as persoas que reúnan os seguintes requisitos xerais:
a) Posuír nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea, ou ser persoa estranxeira residente en España no momento de presentación da solicitude.
b) Non ter perdido a condición de residente en convocatorias anteriores por causa imputable á persoa solicitante.
3. As persoas estudantes que soliciten prazas nas residencias sen bolsas deberán reunir os seguintes requisitos específicos (código de procedemento BS303B):
a) Ter os 16 anos feitos e non superar os 30 na data do 31 de decembro de 2023.
b) Estar cursando estudos de bacharelato, formación profesional, ciclos formativos, estudos universitarios tendentes á obtención do título de grao ou equivalente, doutoramentos ou estudos de mestrados universitarios oficiais.
c) Que no concello onde radique a súa residencia habitual, debidamente acreditada a través do certificado de residencia con data de última variación de padrón da persoa solicitante, non exista oferta de centros públicos para realizar o curso, nivel ou grao correspondente aos estudos que vaia cursar a persoa solicitante.
Exceptúase do anterior a realización de estudos universitarios nos cales a persoa solicitante non obteña a nota de corte ou puntuación académica mínima exixida para o ingreso nas facultades ou escolas universitarias da localidade de residencia habitual.
4. As persoas traballadoras que soliciten prazas nas residencias xuvenís deberán reunir os seguintes requisitos específicos (código de procedemento BS303D):
a) Ter os 16 anos feitos e non superar os 30 na data do 31 de decembro de 2023.
b) Que o lugar de traballo teña o enderezo nun concello distinto ao lugar de residencia habitual da persoa solicitante.
c) Que, no caso de que a relación de traballo non sexa fixa ou indefinida, teña unha duración mínima de tres meses contados desde a data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.
d) Que estea dada de alta no réxime de persoas traballadoras autónomas da Seguridade Social, con anterioridade á publicación da presente convocatoria, para o caso de ser unha persoa traballadora por conta propia.
5. As persoas estudantes que soliciten prazas nas residencias e a concesión de bolsas como colaboradoras deberán reunir os seguintes requisitos específicos (código de procedemento BS303C):
a) Ter os 18 anos feitos e non superar os 30 na data do 31 de decembro de 2023.
b) Non ter perdido a condición de persoa estudante colaboradora bolseira de que foi beneficiaria en convocatorias anteriores, por causa imputable á dita persoa solicitante e beneficiaria da bolsa.
c) Non padecer defecto físico ou psíquico que impida o desenvolvemento normal da actividade como persoa colaboradora na residencia xuvenil.
d) Ter unha renda media familiar inferior ao 150 % do indicador público de renda de efectos múltiples (Iprem) do ano en curso. A dita renda media calcúlase segundo o establecido no artigo 12.2.
e) Ademais, as persoas beneficiarias destas bolsas teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia
Non poderán obter a condición de beneficiarias das subvencións aquelas persoas que non se encontren ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social, ou teñan pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Prazo de presentación de solicitudes
Un mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

PREMIOS DE EDUCACIÓN SECUNDARIA OBRIGATORIA AO ESFORZO E Á SUPERACIÓN PERSOAL CURSO 2022/23

 CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN, FORMACIÓN PROFESIONAL E UNIVERSIDADES

ORDE do 19 de xuño de 2023 pola que se convocan os premios de educación secundaria obrigatoria ao esforzo e á superación persoal correspondentes ao curso 2022/23 (código de procedemento ED311E).

Obxecto
Convocar na Comunidade Autónoma de Galicia os premios de educación secundaria obrigatoria ao esforzo e á superación persoal correspondentes ao curso 2022/23.

Persoas beneficiarias
Alumnado que cursou durante o ano académico 2022/23 cuarto curso de educación secundaria obrigatoria no réxime ordinario en calquera dos centros da Comunidade Autónoma de Galicia, que estea proposto polo equipo docente para a expedición do título de graduado en educación secundaria e mereza un especial recoñecemento pola dedicación e polo esforzo demostrados ao longo da etapa en superar as súas dificultades, ben de tipo persoal, educativas e/ou do contorno familiar e sociocultural.

Importe
Vinte (20) premios cunha dotación global de 20.000 €. Cada premio estará dotado con 1.000 €.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes; comezará o día 16 de agosto de 2023 e rematará o día 15 de setembro de 2023.