viernes, 10 de noviembre de 2017

BONO COIDADO

CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL


Obxecto
Establecer as bases reguladoras polas cales se rexerá a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, ás familias con nenos e nenas menores de doce anos que teñan a súa residencia en Galicia e precisen dun recurso personalizado a domicilio para cubrir necesidades puntuais derivadas da conciliación das obrigas laborais e persoais e as responsabilidades familiares que se produzan entre o 1 de outubro de 2017 e o 30 de setembro de 2018 (código de procedemento BS412A), así como proceder á súa convocatoria.

Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das axudas do programa Bono coidado os pais/nais, titores/as, ou as persoas que teñan en situación de acollemento familiar ou garda preadoptiva nenos/as menores de doce anos residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que se atopen nos supostos seguintes:
a) Ter unha nena ou un neno nacida/o con posterioridade ao 31 de decembro de 2005 respecto da anualidade 2017 e con posterioridade ao 31 de decembro de 2006 respecto da anualidade 2018.
b) Que a renda da unidade familiar, entendida como a suma da base impoñible xeral e da base impoñible do aforro, non supere os 45.000 € ou os 13.500 € per cápita. Para estes efectos, terase en conta a declaración do IRPF do ano 2015 respecto da anualidade 2017 e do ano 2016 respecto da anualidade 2018.
2. Ademais, as persoas beneficiarias teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Prazo de presentación de solicitudes
As solicitudes de axuda poderanse presentar desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 30 de abril de 2018.

martes, 7 de noviembre de 2017

DATA PROBAS CUALIFICACIÓN INICIAL PARA O EXERCICIO DA ACTIVIDADE DE CONDUTOR PROFESIONAL VEHICULOS DESTINADOS AO TRANSPORTE DE MERCADORÍAS OU VIAXEIROS POR ESTRADA

CONSELLERÍA DE INFRAESTRUTURAS E VIVENDA


 Convocatoria.

Convócanse para o ano 2018 as probas de constatación da cualificación inicial para o exercicio da actividade de condutor profesional de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros por estrada que terán lugar na Comunidade Autónoma de Galicia de acordo co calendario e demais condicións previstas nesta resolución (MT310C; MT310D).

Calendario.

No ano 2018 realizaranse nove convocatorias, tanto para as categorías D1, D1 + E, D e D + E, como para as categorías C1, C1 + E, C e C + E, que se desenvolverán de acordo co seguinte calendario e prazos de inscrición:

Convocatoria                     Datas de realización                         Prazo de inscrición
  1ª                           Do 17.1.2018 ao 7.2.2018                  Do 24.11.2017 ao 29.12.2017
  2ª                           Do 21.2.2018 ao 7.3.2018                  Do 30.12.2017 ao 2.2.2018
  3ª                           Do 4.4.2018 ao 18.4.2018                  Do 3.2.2018 ao 16.3.2018
  4ª                           Do 16.5.2018 ao 30.5.2018                 Do 17.3.2018 ao 27.4.2018
  5ª                           Do 20.6.2018 ao 4.7.2018                  Do 28.4.2018 ao 1.6.2018
  6ª                           Do 18.7.2018 ao 8.8.2018                  Do 2.6.2018 ao 6.7.2018
  7ª                           Do 12.9.2018 ao 26.9.2018                 Do 7.7.2018 ao 24.8.2018
  8ª                           Do 7.11.2018 ao 21.11.2018                Do 25.8.2018 ao 12.10.2018
  9ª                           Do 12.12.2018 ao 26.12.2018               Do 13.10.2018 ao 16.11.2018

CORRECCIÓN DE ERROS.- AXUDAS A CENTROS ESPECIAIS

CORRECCIÓN DE ERROS. APLICACIÓN DOS PAGAMENTOS DIRECTOS Á AGRICULTURA E Á GANDARÍA E DAS AXUDAS AO DESENVOLVEMENTO RURAL

AXUDAS DESTINADAS A GARANTIR A SUBMINISTRACIÓN DE AUGA ÁS EXPLOTACIÓNS AGRARIAS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL


Obxecto
O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras das axudas, en réxime de minimis, destinadas a garantir a subministración de auga ás explotacións agrícolas e gandeiras naquelas zonas afectadas por unha declaración de seca na zona xeográfica en que están asentadas e proceder á súa convocatoria para o ano 2017 (procedemento MR405C).

As axudas recollidas nesta orde teñen como finalidade facilitar o acceso á auga ás explotacións agrícolas e gandeiras que basean as súas producións en superficies de cultivos.

Persoas beneficiarias
Poderán acollerse a estas axudas os titulares de explotacións agrícolas ou gandeiras, entendendo como tales aqueles que exercen a actividade agraria organizando os bens e dereitos integrantes da explotación con criterios empresariais e asumindo os riscos e responsabilidades civil, social e fiscal que poidan derivar da xestión da explotación, das zonas declaradas de alerta ou de prealerta por seca no ano 2017 nas demarcacións hidrográficas de Galicia Costa, Miño-Sil e do Douro no momento publicación desta convocatoria.

Quedan excluídos os titulares de explotacións de autoconsumo ou sen actividade comercial.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Investimentos subvencionables.
Serán subvencionables os seguintes conceptos:
a) Novas estruturas e mellora das estruturas existentes para o abastecemento de auga tales como balsas de almacenamento, bebedoiros, conducións para o seu abastecemento, sempre que non supoña unha nova captación de auga.
b) Equipamentos para a mellora do abastecemento de auga ás explotacións gandeiras, como cisternas móbiles ou bebedoiros móbiles.
c) En xeral, servizos de abastecemento de auga ás explotacións agrarias.

DATA, HORA E LUGAR PROBAS CONSTATACIÓN DA COMPETENCIA PROFESIONAL DE XESTOR DE TRANSPORTE POR ESTRADA

CONSELLERÍA DE INFRAESTRUTURAS E VIVENDA


Primeiro. Os exercicios da segunda convocatoria do ano 2017 das probas de constatación da competencia profesional para o desempeño das funcións de xestor de transporte en empresas de transporte por estrada terán lugar o 26 de novembro de 2017, no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia (rúa Miguel Ferro Caaveiro, s/n, San Lázaro, Santiago de Compostela).

Segundo. Os/as aspirantes que fosen admitidos/as para realizar as probas serán citados/as en chamamento único segundo a seguinte distribución:

a) Transporte interior e internacional de mercadorías: todos eles/as ás 9.00 horas.

b) Transporte interior e internacional de viaxeiros: todos eles/as ás 16.15 horas.

Terceiro. Unha vez situados/as os/as aspirantes dentro da aula, non se permitirá a súa saída, agás no suposto de entrega do exercicio. Non obstante, o tribunal poderá apreciar a concorrencia de circunstancias médicas debidamente acreditadas, como no suposto de mulleres embarazadas, toma de medicamentos, ou similares, que fagan necesario que o/a aspirante teña que ir ao baño.

Cuarto. Os/as aspirantes deberán presentarse provistos/as de DNI en vigor ou doutro documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal, tamén en vigor; a súa falta dará lugar á non admisión do/da aspirante para realizar as probas. Recoméndaselles igualmente aos/ás aspirantes que concorran provistos/as da copia da solicitude de admisión e da folla xustificativa do pagamento das taxas de exame.

Así mesmo, deberán dispor dun lapis do número 2 e goma de borrar para realizar o exame, de xeito que se poida efectuar a súa corrección mediante mecanismos automatizados. Poderán tamén levar máquinas calculadoras sen memoria RAM para realizar as operacións matemáticas que resulten necesarias.

Quinto. Non se permitirá o acceso á sala onde se realizarán os exercicios con teléfonos móbiles.

Igualmente, tampouco se permitirá o acceso e tenza de axendas ou outros dispositivos de carácter electrónico, agás o indicado no punto anterior respecto das máquinas calculadoras. Do mesmo xeito, queda prohibido o acceso con calquera outro material ou instrumento de que se poida valer o/a aspirante para auxiliarse na realización das probas.

Advírtese que non haberá servizo de recollida de teléfonos móbiles.

PROGRAMA XOGADE CURSO 2017/18

VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA


Programa Xogade (Xogos Galegos Deportivos) en idade escolar, curso 2017/18

O programa Xogade, nacido na tempada 2009/10 con dúas actividades, segue evolucionando ano a ano co obxectivo de promover e fomentar a práctica de actividade física na poboación escolar galega ao abeiro do Plan Galicia Saudable da Xunta de Galicia.

Poderán inscribirse neste programa os centros de ensino, anpas, clubs, escolas deportivas municipais, agrupacións deportivas, asociacións, etc. que o desexen, pertencentes á Comunidade Autónoma de Galicia.

As actuacións do programa para a tempada 2017/18 son:

– Actividade deportiva escolar.

– Actividade deportiva federada.

– Coñece o meu club.

– Xogos populares.

– Proxecto deportivo de centro.

– Xogando coa auga.

– Seguro federado de 6 a 16 anos.

A canle de comunicación oficial será a web xogade.xunta.gal, onde se atopa a aplicación para realizar a inscrición no programa Xogade. Á páxina web de Xogade poderase acceder tamén a través da páxina web da Secretaría xeral para o Deporte deporte.xunta.gal

PRESTAMOS PEMES GALICIA

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA


Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e teñen por obxecto facilitar o acceso ao crédito a aqueles proxectos economicamente viables dos sectores vinculados coa estratexia do programa operativo Feder 2014-2020, como son o fomento de investimentos en innovación e investigación, a promoción do espírito empresarial, o aproveitamento económico de novas ideas e o impulso da creación de novas empresas, así como a promoción do crecemento e consolidación das pemes nos mercados rexionais, nacionais e internacionais.

Beneficiarias
Poderán ser beneficiarias aquelas pequenas ou medianas empresas ou microempresas, conforme a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño), que cumpran os seguintes requisitos:

a) Realizar unha iniciativa empresarial nun centro de traballo, obxecto do proxecto de investimento, localizado na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Cumprir as condicións establecidas especificamente para a correspondente modalidade de produto financeiro, conforme os requisitos que se detallan no anexo 1 das bases reguladoras.

c) Achegar para o proxecto de investimento unha contribución financeira mínima do 25 % do proxecto, exenta de calquera tipo de apoio público.

Para as modalidades de préstamo especificamente indicadas no anexo 1 das bases reguladoras, poderán ser tamén beneficiarias as persoas físicas e as sociedades civís e comunidades de bens que cumpran os requisitos do anterior número 1.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia, e rematará cando se produza a primeira das seguintes circunstancias:

a) Que, conforme as solicitudes recibidas, se esgote o crédito orzamentario para a respectiva modalidade de préstamo, o que será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape, co fin de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes para a respectiva modalidade de préstamo, de conformidade co disposto no artigo 32 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia (Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro).

b) O 31 de decembro de 2018.

Unha vez finalizado o prazo, non se admitirán máis solicitudes.

AXUDA PARA A REPARACIÓN DE DANOS CAUSADOS POLOS INCENDIOS QUE SE PRODUCIRON EN GALICIA DURANTE O MES DE OUTUBRO

VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA


Obxecto e ámbito territorial

1. A presente orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria das axudas previstas polo Decreto 102/2017, do 19 de outubro, de medidas urxentes de axuda para a reparación de danos causados polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de outubro de 2017.
2. O ámbito territorial das axudas será o da Comunidade Autónoma de Galicia e concretamente o correspondente aos termos municipais dos concellos que sufriron os incedios, sen prexuízo das particularidades que se poidan concretar nas bases de cada convocatoria.

Natureza das axudas

1. A concesión destas axudas terá carácter subsidiario respecto de calquera outro sistema de cobertura de danos, público ou privado, de que poidan ser beneficiarios os afectados.
2. Non obstante, cando os mencionados sistemas non cubran a totalidade dos danos producidos, as axudas previstas neste decreto concederanse con carácter complementario e serán compatibles en concorrencia con outras subvencións, indemnizacións, axudas, ingresos ou recursos procedentes de sistemas públicos ou privados, estatais ou internacionais, ata o límite do valor do dano producido ou da contía ou porcentaxe deste que se fixe nas correspondentes convocatorias.

AXUDAS PARA A CONCILIACIÓN POR MATERNIDADE OU PATERNIDADE DA PERSOA TRABALLADORA AUTÓNOMA

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA


Obxecto
Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a convocatoria pública das axudas a persoas traballadoras por conta propia ou autónomas que, unha vez finalizada a súa baixa por maternidade ou paternidade, amplíen a contratación da persoa que tiñan contratada para cubrir a dita baixa no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento TR341R).

Persoas e entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias destas subvencións as persoas traballadoras que estean dadas de alta no réxime especial da Seguridade Social de traballadores por conta propia ou autónomos, que tivesen realizado un contrato de interinidade por maternidade ou paternidade e, no prazo dos quince días seguintes á súa finalización, subscriban outro contrato coa mesma persoa, que, segundo o anexo I, teña o seu centro de traballo (ou domicilio social, no caso de carecer deste) na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Tamén serán beneficiarias as sociedades que realicen unha contratación nas mesmas condicións que no parágrafo anterior con respecto ás persoas autónomas societarias.

Prazo de presentación de solicitudes
1. As solicitudes de axudas polas contratacións subvencionables realizadas entre o 1 de xaneiro de 2017 e a data da publicación desta orde deberán presentarse no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da orde. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

2. Para as axudas previstas polas contratacións subvencionables realizadas desde a entrada en vigor desta orde haberá o prazo dun mes desde a data da contratación subvencionada. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

LEI 5/2017 DE FOMENTO DA IMPLANTACIÓN DE INICIATIVAS EMPRESARIAIS EN GALICIA

DATAS, LUGAR E HORARIOS PROBAS RENOVACIÓN CERTIFICADO DE CONSELLEIRO DE SEGURIDADE PARA O TRANSPORTE DE MERCADORÍAS PERIGOSAS POR ESTRADA E FERROCARRIL

CONSELLERÍA DE INFRAESTRUTURAS E VIVENDA


Primeiro. As correspondentes probas terán lugar na Escola Galega de Administración Pública (EGAP), rúa de Madrid 2-4, As Fontiñas, Santiago de Compostela.
Os ditos exercicios realizaranse na data e nos horarios que a seguir se indican:

– Mércores, 15 de novembro de 2017.

Modalidade por estrada: certificado de conselleiro de seguridade ADR.

Obtención de todas as clases: 8.30 horas.

Renovación de todas as clases: 8.30 horas.

Obtención da clase 1: 13.00 horas.

Renovación da clase 1: 13.00 horas.

Obtención da clase 2: 16.15 horas.

Renovación da clase 2: 16.15 horas.

Obtención das clases: 3, 4.1, 4.2, 4.3, 5.1, 5.2, 6.1, 6.2, 8 e 9: 10.45 horas.

Renovación das clases: 3, 4.1, 4.2, 4.3, 5.1, 5.2, 6.1, 6.2, 8 e 9: 10.45 horas.

Obtención de materias líquidas: 8.30 horas.

Renovación de materias líquidas: 8.30 horas.

Modalidade por ferrocarril: certificado de conselleiro de seguridade RID.

Obtención de todas as clases: 10.45 horas.

Renovación de todas as clases: 10.45 horas.

Segundo. Para os efectos realizar os correspondentes chamamentos, os aspirantes deberán presentarse ás probas 15 minutos antes do comezo de cada exercicio.

Terceiro. Os interesados serán convocados para cada exercicio en chamamento único, e resultará excluído da súa realización quen non compareza.

Cuarto. Os aspirantes excluídos por non compareceren no momento do chamamento non terán dereito a que se lles devolvan os importes aboados en concepto de dereitos de exame.

Quinto. Os aspirantes terán que se presentar ás probas provistos do orixinal do seu documento nacional de identidade ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal. En caso contrario, non se permitirá o acceso ao recinto onde se realicen os exercicios. Tales aspirantes excluídos non terán dereito a que se lles devolvan os importes aboados en concepto de dereitos de exame.

Sexto. Os interesados deberán levar bolígrafo e, para a realización do suposto práctico, poderán ir provistos do ADR ou RID e de máquina calculadora sen memoria RAM.

DECRETO 102/2017 MEDIDAS URXENTES DE AXUDA A REPARACIÓN DE DANOS CAUSADOS POLOS INCENDIOS DURANTE O MES DE OUTUBRO

CORRECCIÓN DE ERROS.- LIÑAS DE APOIO DE FINANCIAMENTO DAS EXPLOTACIÓNS PRODUTORAS E TRANSFORMADORAS DE UVA E DE CASTAÑA AFECTADAS POLAS XEADAS E SARABIAS

SUBVENCIÓNS FOMENTO DO EMPREGO A ENTIDADES SEN ÁNIMO DE LUCRO

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA


Obxecto
Financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración coas entidades sen ánimo de lucro sinaladas no artigo 3 da orde, a través da contratación de persoas traballadoras desempregadas e mulleres vítimas de violencia, para a realización de servizos de interese xeral e social (procedemento TR352A), co obxecto de proporcionarlles a experiencia e a práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral.

Entidades beneficiarias
Entidades sen ánimo de lucro inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais na data de publicación da convocatoria, que establezan accións específicas, de conformidade coa súa escritura pública e/ou cos seus estatutos, para a inserción, preferentemente, das persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social, sempre que non estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo remata o último día do mes.