viernes, 9 de enero de 2026

AXUDAS PARA SILVICULTURA PRODUTIVA DE CONÍFERAS E PARA ACTUACIÓNS SILVÍCOLAS CON OBXECTIVOS AMBIENTAIS E NON PRODUTIVOS EN FRONDOSAS E NA REHABILITACIÓN DE SOUTOS DE CASTIÑEIROS 2026

 Consellería do Medio Rural

ORDE do 19 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas, en concorrencia competitiva, para silvicultura produtiva de coníferas e para actuacións silvícolas con obxectivos ambientais e non produtivos en frondosas e na rehabilitación de soutos de castiñeiros, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da política agrícola común de España para o período 2023-2027, e se convoca para o ano 2026 (código de procedemento MR605C).

Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regulan as axudas para silvicultura produtiva de coníferas e para actuacións silvícolas con obxectivos ambientais e non produtivos en frondosas e na rehabilitación de soutos de castiñeiros, en réxime de concorrencia competitiva, e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento MR605C).
2. Nesta orde inclúense as seguintes intervencións contidas no Plan estratéxico da política agraria común de España 2023-2027 (PEPAC) e cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader):
a) Intervención 6883-investimentos forestais produtivos.
• Subintervención 6883_02-Investimentos forestais produtivos_2, que financia actuacións de silvicultura produtiva de coníferas (liña I).
b) Intervención 6881.4-Investimentos forestais non produtivos en actuacións silvícolas con obxectivos ambientais.
• Subintervención 68814_05-Silvicultura con obxectivos ambientais e outros fins non produtivos, que financia actuacións non produtivas de silvicultura de frondosas (liña II).
• Subintervención 68814_06-Silvicultura con obxectivos ambientais e outros fins non produtivos, que financia actuacións de rehabilitación de soutos de castiñeiros (liña III).

Beneficiarios
1. Na liña I (Subintervención 6883_02-Investimentos forestais produtivos_2, que financia actuacións de silvicultura produtiva de coníferas) poderán ser persoas beneficiarias as agrupacións forestais de xestión conxunta (AFXC) que estean inscritas no correspondente rexistro antes de que finalice o prazo de presentación das solicitudes de axuda, así como aquelas que teñan presentada a solicitude de inscrición dentro dese mesmo prazo. Neste segundo caso, deberán figurar inscritas no devandito rexistro antes do pagamento da axuda.
Así mesmo, na liña I tamén poderán ser persoas beneficiarias as persoas silvicultoras activas que estean inscritas no correspondente Rexistro de Silvicultor/a Activo/a antes de que finalice o prazo de presentación das solicitudes de axuda, así como aquelas que teñan presentada a solicitude de inscrición dentro dese mesmo prazo. Neste segundo caso, deberán figurar inscritas no devandito rexistro antes do pagamento da axuda correspondente á execución das actuacións do «Módulo de silvicultura produtiva de coníferas».
Na liña II (Subintervención 68814_05-Silvicultura con obxectivos ambientais e outros fins non produtivos, que financia actuacións non produtivas de silvicultura de frondosas) e na liña III (Silvicultura con obxectivos ambientais e outros fins non produtivos, que financia actuacións de rehabilitación de soutos de castiñeiros) serán persoas beneficiarias as persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dos terreos obxecto de axuda, entendendo por titulares tanto propietarios como arrendatarios ou xestores.
2. Non terán a condición de persoas beneficiarias as peticións individuais nos seguintes casos:
a) As solicitudes como persoa física correspondentes ás superficies incluídas dentro do perímetro dun monte de varas, abertal, de voces, de vocerío ou de fabeo que figuren como tal no sistema rexistral forestal de Galicia.
b) As solicitudes como persoa física correspondentes ás superficies incluídas no perímetro de terreos que no seu día foron clasificados como montes veciñais en man común e que, mediante sentenza xudicial, perderon a súa condición de propiedade xermánica mantendo o seu carácter de propiedade colectiva pertencente aos veciños dun lugar.
c) As solicitudes presentadas por persoas físicas titulares de terreos que se atopen enclavados dentro do perímetro dunha agrupación forestal de xestión conxunta (AFXC) inscrita no correspondente rexistro, e que non formen parte dela.
3. Non poderán ser persoas beneficiarias as empresas en crise ou as que teñan unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior.
4. As persoas beneficiarias deben cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e non estar incursas en ningunha clase de inhabilitación de axudas previstas no seu artigo 10. Ademais, non deben estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
5. As comunidades de montes veciñais en man común (en diante, CMVMC) para poder acceder a estas axudas deberán estar legalmente constituídas e regulamentariamente inscritas no Rexistro Provincial de CMVMC, de acordo co disposto no artigo 57 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e cumprir co disposto no artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e no Decreto 23/2016, do 25 de febreiro, polo que se regula o reinvestimento dos ingresos obtidos polas CMVMC en actuacións de mellora e protección forestal, como moi tarde, o día en que remate o prazo de solicitude da axuda.
6. Os monte de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo deben cumprir co estipulado no artigo 126 da lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia e no Decreto 16/2024, do 18 de xaneiro, polo que se regula o réxime xurídico e o rexistro de montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo.
7. As agrupacións forestais de xestión conxunta (AFXC) deberán estar inscritas no correspondente rexistro, de acordo co establecido na Orde do 26 de abril de 2022 pola que se desenvolve a tramitación electrónica das solicitudes para o recoñecemento como agrupación forestal de xestión conxunta (código de procedemento MR608B) e como persoa silvicultora activa. Porén, de acordo co previsto no artigo 3.1 desta orde, tamén poderán acollerse á presente liña aquelas agrupacións que teñan presentada a solicitude de inscrición dentro do prazo de presentación das solicitudes de axuda. Neste segundo caso, deberán figurar inscritas no devandito rexistro antes do pagamento da axuda.
8. A persoa silvicultora activa deberá estar inscrita no correspondente rexistro, de acordo co establecido na Orde do 26 de abril de 2022 pola que se desenvolve a tramitación electrónica das solicitudes para o recoñecemento como agrupación forestal de xestión conxunta e como persoa silvicultora activa (código de procedemento MR608C). Porén, de acordo co previsto no artigo 3.1 desta orde, tamén poderán acollerse á presente liña aquelas persoas que teñan presentada a solicitude de inscrición dentro do prazo de presentación das solicitudes de axuda. Neste segundo caso, deberán figurar inscritas no devandito rexistro antes do pagamento da axuda.

Prazo de presentación de solicitudes
1. O prazo de presentación de solicitudes será de 30 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.