viernes, 13 de abril de 2018

PROGRAMA PARA CONTRATACIÓN E FORMACIÓN DAS PERSOAS MOZAS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA


Obxecto
Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras polas cales se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria das subvencións establecidas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria para o ano 2018, coa finalidade de facilitar a inserción laboral das persoas mozas menores de 30 anos desempregadas que presentan desvantaxes e dificultades particulares para permaneceren no mercado de traballo, favorecer o emprego estable e facilitar a empregabilidade e ocupabilidade.
Por medio desta convocatoria, as empresas que o soliciten terán a posibilidade de obter axudas para a formación e contratación por conta allea de persoas mozas.

Entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarias as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, con centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nesta orde.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo xeral para a presentación das solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará o día seguinte ao da súa publicación e rematará o 30 de setembro de 2018.
As solicitudes de axudas polas contratacións subvencionables realizadas entre o 16 de decembro de 2017 e a data da publicación desta orde deberán presentarse no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da publicación da orde.
As solicitudes de axudas polas contratacións subvencionables realizadas a partir da entrada en vigor desta orde deberán presentarse no prazo de dous meses desde a data de inicio da relación laboral, respectando o prazo xeral do 30 de setembro de 2018.
Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

PREMIOS DE ARQUITECTURA E REHABILITACIÓN DE GALICIA 2018

CONSELLERÍA DE INFRAESTRUTURAS E VIVENDA


Convocatoria
Esta orde ten por obxecto a convocatoria dos Premios de Arquitectura e Rehabilitación da Comunidade Autónoma de Galicia para a anualidade 2018, que se rexerán polas bases que figuran no anexo I (código do procedemento VI490A).

Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

jueves, 12 de abril de 2018

MODIFICACIÓN DOS PREMIOS E AXUDAS AOS PROXECTOS PILOTO INDUSTRIA 4.0

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA


RESOLVO:

Artigo 1  
Ampliar ata o 31 de outubro de 2018, o prazo de execución dos proxectos establecido no parágrafo segundo do resolvo quinto da Resolución do 27 de xaneiro de 2017 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras dos premios e axudas aos proxectos Piloto Industria 4.0 (II Piloto Industria 4.0) en Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

Artigo 2
Ampliar ata o 30 de novembro de 2018 o prazo establecido nos parágrafos cuarto e quinto do resolvo quinto da devandita resolución para que os organismos intermedios presenten a solicitude de cobramento da parte variable do premio e para que as pemes presenten a solicitude de cobramento para os proxectos que rematen antes de ou o mesmo día 31 de outubro de 2018.

Artigo 3
Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

MODIFICACIÓN AXUDAS A PROXECTOS DE FORMACIÓN INDUSTRIA 4.0.

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA


RESOLVO:

Artigo 1  
Ampliar ata o 31 de outubro de 2018 o prazo de execución dos proxectos establecido no parágrafo segundo do punto cuarto da parte resolutiva da Resolución do 18 de maio de 2017 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas a proxectos de formación Industria 4.0, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

Artigo 2
Ampliar ata o 30 de novembro de 2018 o prazo establecido no parágrafo terceiro do punto cuarto da parte resolutiva da devandita resolución para presentar a solicitude de cobramento para os proxectos que rematen antes ou o mesmo día 31 de outubro de 2018.

Artigo 3
Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

miércoles, 11 de abril de 2018

AXUDAS PARA O PAGAMENTO POR COMPROMISOS SILVOAMBIENTAIS E CLIMÁTICOS E DE CONSERVACIÓN DE BOSQUES

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E ORDENACIÓN DO TERRITORIO


Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2018 da aplicación das axudas correspondentes ás operacións da submedida 15.1: Pagamento por compromisos silvoambientais e climáticos (procedemento MT805A).
Estas axudas consisten nun pagamento anual por hectárea, durante un período de 6 anos, para compensar as persoas beneficiarias que se comprometan voluntariamente a levar a cabo operacións consistentes en cumprir un ou varios compromisos silvoambientais e climáticos pola totalidade ou parte dos custos adicionais e as perdas de ingresos como consecuencia dos compromisos subscritos.
2. Esta axuda ampárase no artigo 34 do Regulamento (UE) 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e que derroga o Regulamento (CE) 698/2005 do Consello. Ampárase no Programa de desenvolvemento rural 2014-2020, dentro da medida 15: Servizos silvoambientais e climáticos e conservación dos bosques.
3. As axudas concedidas ao abeiro destas bases reguladoras teñen unha dobre finalidade: por unha banda, a conservación e recuperación do bosque natural, substituíndo as formacións existentes de eucaliptais por formacións nativas e, por outra, a mellora do estado de conservación das zonas de turbeiras e queirogais húmidos, coa eliminación de plantacións de eucaliptos.
Persoas beneficiarias
1. Poden ser persoas beneficiarias destas axudas as persoas físicas e as persoas xurídicas sen ánimo de lucro, cando sexan propietarias, arrendatarias ou xestoras de terreos forestais, así como as comunidades de montes veciñais en man común.
2. En ningún caso poderán ter a condición de beneficiarias as persoas e entidades nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. Tampouco poderán ser beneficiarias aquelas empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise, de acordo coa definición do Regulamento (UE) 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea, nin as empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
 Prazo para presentar a solicitude
O prazo para presentar a solicitude única comezará a contar o día da entrada en vigor desta orde e finalizará o 30 de abril de 2018, ambos incluídos.

SUBVENCIÓNS A CLUBS DEPORTIVOS, SOCIEDADES ANÓNIMAS DEPORTIVAS, SECCIÓNS DEPORTIVAS E AGRUPACIÓNS DEPORTIVAS ESCOLARES DE GALICIA PARA O DESENVOLVEMENTO DE ACTIVIDADES DEPORTIVAS

VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA


Obxecto
Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria de subvencións da Secretaría Xeral para o Deporte, en réxime de concorrencia non competitiva, a clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas, seccións deportivas e agrupacións deportivas escolares de Galicia para o desenvolvemento de actividades deportivas.
Entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarios das subvencións os clubs deportivos, as sociedades anónimas deportivas, as seccións deportivas e as agrupacións deportivas escolares de Galicia, inscritos, en todos os casos, no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.
Prazo para presentar as solicitudes
O prazo para presentar as solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución.

SUBVENCIÓNS ÁS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS 2018

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA


Obxecto
A convocatoria de axudas que concederá a Consellería de Economía, Emprego e Industria ás organizacións sindicais con representación na Comunidade Autónoma de Galicia, para o desenvolvemento das súas actividades ordinarias durante o ano 2018, para o funcionamento dos seus gabinetes técnicos e para plans de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais, co fin último de mellorar as condicións de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.
Beneficiarias
Organizacións sindicais con representación no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

jueves, 5 de abril de 2018

PROGRAMA CONECTA CON GALICIA

VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA


Obxecto
O obxecto da resolución é regular as axudas correspondentes ao programa Conecta con Galicia para o ano 2018, que ten por finalidade facilitar á mocidade da Galicia exterior o contacto coa realidade galega e o encontro cos seus familiares.
Persoas beneficiarias
Poderán ser persoas beneficiarias deste programa os mozos e mozas que cumpran os requisitos sinalados no artigo 3 da resolución.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

SUBVENCIÓNS PARA PROMOVER O AUTOEMPREGO E A ACTIVIDADE EMPRENDEDORA DAS PERSOAS GALEGAS RETORNADAS E DOS SEUS DESCENDENTES

VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA


Obxecto
Establecer as bases que regularán o procedemento de concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas galegas retornadas e dos seus descendentes, subvencionando os gastos que supón o seu establecemento como persoas traballadoras autónomas ou por conta propia, ou como socias traballadoras de sociedades laborais ou cooperativas de traballo asociado.
Persoas beneficiarias
As persoas que, residindo fóra de España, se establezan na Comunidade Autónoma galega:
1. As persoas galegas e nacidas en Galicia.
2. Os cónxuxes ou persoas con unión análoga á conxugal e os descendentes das persoas galegas e nacidas en Galicia ata o segundo grao de consanguinidade incluído.
3. As persoas beneficiarias das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior convocadas pola Secretaría Xeral da Emigración.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes comezará a contar a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 28 de setembro de 2018.

miércoles, 4 de abril de 2018

CONCURSO EDUEMPRENDE IDEA 2018

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA


Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto convocar o concurso Eduemprende Idea 2018, co fin de potenciar a realización de proxectos empresariais por parte do alumnado das ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño da Comunidade Autónoma de Galicia sostidas con fondos públicos.
Persoas beneficiarias
Poderá participar nesta convocatoria o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:
a) Estar matriculado no curso 2017/18 nas ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño da Comunidade Autónoma de Galicia sostidas con fondos públicos.
b) A participación terá que ser en grupo, formado por un mínimo de dous/dúas alumnos/as e un máximo de catro, que terán igualmente a consideración de beneficiarios/as. En calquera caso, deberán nomear un/unha representante ou apoderado/a único/a co poder suficiente para cumprir as obrigas que como beneficiaria lle corresponden á agrupación.
c) As persoas participantes deben cumprir os requisitos para obter a condición de beneficiarios/as de acordo co artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo indica o artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.
Prazo para presentar as solicitudes
O prazo para presentar as solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

SUBVENCIÓNS ÁS ACTIVIDADES DE DISTRIBUCIÓN PARA INDUSTRIAS CULTURAIS

AXENCIA GALEGA DAS INDUSTRIAS CULTURAIS


Finalidade
Promover a distribución e comercialización dos produtos culturais dentro e fóra do noso país, fomentando a captación de públicos e facilitando o acceso da cultura galega a novos mercados internacionais.
Beneficiarias
Poden solicitar as distintas modalidades de subvención as entidades que a continuación se sinalan, para actividades que se leven a cabo entre o 1 de novembro de 2017 e o 31 de outubro de 2018:

Modalidade A.1: subvencións para a distribución de espectáculos de artes escénicas e musicais fóra de Galicia.

Beneficiarias: persoas físicas e/ou xurídicas dedicadas profesionalmente á actividade de produción e distribución de espectáculos de artes escénicas ou musicais con sede social ou establecemento permanente na Comunidade Autónoma de Galicia.

Modalidade A.2: subvencións para a representación de espectáculos de artes escénicas ou concertos en feiras e festivais fóra de Galicia.

Beneficiarias: persoas físicas e/ou xurídicas dedicadas á actividade de produción e distribución de espectáculos de artes escénicas e musicais, con sede social ou establecemento permanente en Galicia, para a exhibición de espectáculos e/ou concertos en feiras e festivais fóra de Galicia.

Modalidade A.3: subvencións para a asistencia a feiras e mercados culturais fóra de Galicia.

Beneficiarias: persoas físicas e/ou xurídicas dedicadas á actividade de produción e distribución de bens ou servizos culturais con sede social ou establecemento permanente en Galicia, para a asistencia a feiras ou mercados culturais fóra da Comunidade Autónoma galega.

Modalidade A.4: subvencións para a distribución de espectáculos escénicos no territorio da Comunidade Autónoma.

Beneficiarias: persoas físicas e xurídicas dedicadas profesionalmente á actividade de produción e distribución de espectáculos de artes escénicas, con sede social ou establecemento permanente na Comunidade Autónoma de Galicia.

Poderán acollerse a esta modalidade empresas que presenten un proxecto de distribución pola Comunidade Autónoma de Galicia consistente na realización dun mínimo de cinco representacións de artes escénicas.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación das solicitudes será desde o día seguinte ao da data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 31 de xullo de 2018.

SUBVENCIÓNS PARA A REVITALIZACIÓN DO COMERCI DE PROXIMIDADE E INCENTIVACIÓN DO CONSUMO A TRAVÉS DO TICKET DE DINAMIZACIÓN COMERCIAL

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA


Obxecto
Subvencións ás asociacións de comerciantes sen fins de lucro, de ámbito superior ao municipal, ou federacións, para a revitalización do comercio de proximidade e a incentivación do consumo a través do tícket de dinamización comercial.
Entidades beneficiarias
Asociacións de comerciantes, de ámbito superior ao municipal, ou federacións, sen fins de lucro, que desenvolvan actuacións para a revitalización do comercio de proximidade e incentivación da demanda comercial, a través de fórmulas conxuntas e integrais que superen a capacidade de actuación das asociacións de comerciantes de ámbito municipal.
Prazo de presentación de solicitudes
Un mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

SUBVENCIÓNS PARA A DINAMIZACIÓN DOS CENTROS COMERCIAIS E PRAZAS DE ABASTOS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA


Obxecto
Subvencións ás asociacións de comerciantes sen fins de lucro para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos de Galicia.
Beneficiarias
As asociacións de vendedores das prazas de abastos, sen fins de lucro, que estean legalmente constituídas e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia.
As agrupacións de persoas físicas e xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica, constituídas só para os efectos de compartir a unidade xerencial prevista nos puntos 3.1.1.e) e 3.1.2.e) do artigo 1 e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia.
As asociacións de comerciantes de carácter territorial, sen ánimo de lucro, que estean legalmente constituídas e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia, que leven a cabo proxectos de interese e transcendencia en centros comerciais abertos.
Prazo de presentación de solicitudes
Un mes que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

martes, 3 de abril de 2018

I PREMIO CGAC DE INVESTIGACIÓN E ENSAIO SOBRE ARTE CONTEMPORÁNEA

CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA


Obxecto e finalidade
Tendo en conta a escaseza actual de canles especializadas en Galicia para publicar textos sobre arte contemporánea, o Premio CGAC de investigación e ensaio sobre arte contemporánea, ten por obxecto contribuír á investigación e produción de pensamento en arte contemporánea a través da presentación de traballos que sexan inéditos e redactados en lingua galega.
Persoas beneficiarias
Pode participar no premio CGAC de investigación e ensaio sobre arte contemporánea, calquera persoa física, maior de idade, que presente un texto inédito en galego, relacionado con labores de investigación e produción de pensamento en arte contemporánea.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes finaliza o 15 de xuño de 2018. Con todo, se o período de presentación resulta inferior a un mes, as solicitudes poderán presentarse no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

SUBVENCIÓNS A ENTIDADES SEN ÁNIMO DE LUCRO PARA O FOMENTO DO SECTOR MINEIRO GALEGO

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA


Obxecto
Regulación das bases para a concesión de axudas da Consellería de Economía, Emprego e Industria dirixidas a entidades sen ánimo de lucro para impulsar a realización de accións que contribúan a mellorar as prácticas preventivas e ambientais do sector mineiro galego, a transferencia de coñecemento, o aproveitamento racional e eficiente dos recursos minerais, a investigación e innovación no seu aproveitamento, así como a divulgación e promoción do devandito sector.
Entidades beneficiarias
Entidades sen ánimo de lucro con representación no sector mineiro galego, cuxo obxecto estea relacionado coa minaría e que desenvolvan a súa actividade no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da orde no DOG ata o día correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación, ambos inclusive.

lunes, 2 de abril de 2018

OFERTA DE EMPREGO PÚBLICO DE PERSOAL DOCENTE E INVESTIGADOR 2018

UNIVERSIDADE DA CORUÑA


Oferta de emprego público do persoal docente e investigador da Universidade da Coruña para o ano 2018

1. Sistema de acceso libre.

1.1. Persoal docente e investigador dos corpos docentes universitarios.

Corpo                                                                                                      Número de prazas

Profesor/a titular de Universidade                                                                         20

Catro das prazas resérvanse para persoal investigador doutor que finalizase o Programa Ramón y Cajal e dispoña da certificación I3

1.2. Persoal docente e investigador contratado.

Categoría                                                                                                    Número de prazas

Profesor/a contratado/a doutor/a                                                                            10

Unha das prazas resérvanse para persoal investigador doutor que finalizase o Programa Ramón y Cajal e dispoña da certificación I3

1.3. Persoal docente e investigador dos corpos docentes universitarios con praza vinculada no Servizo Galego de Saúde (Sergas).

Con data do 20 de febreiro de 2018 a Xerencia do Servizo Galego de Saúde comunicou a cesión á Universidade da Coruña de 3 prazas da taxa de reposición correspondente ao exercicio 2018 do ámbito sanitario do Sergas, para os efectos da convocatoria de prazas de corpos docentes universitarios vinculadas a prazas asistenciais de facultativos do Servizo Galego de Saúde, cesión acordada pola Comisión Mixta do concerto entre o Servizo Galego de Saúde e a Universidade da Coruña na sesión celebrada o 20 de xuño de 2016.

Categoría                                                                                                         Número de prazas

Profesor/a titular de universidade con praza vinculada no Sergas                                 3

2. Sistema de acceso promoción interna.

En aplicación do disposto na disposición final segunda do Real decreto lei 10/2015, do 11 de setembro, que modifica o artigo 62.2 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, inclúense na OEP para o ano 2018 as seguintes prazas polo procedemento de promoción interna:

Corpo                                                                                                                 Número de prazas

Catedrático/a de universidade                                                                                       23

SUBVENCIÓNS PARA A PROMOCIÓN E DIFUSIÓN DO CINE GALEGO

AXENCIA GALEGA DAS INDUSTRIAS CULTURAIS


Finalidade
Esta resolución, no desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, ten por obxecto fixar as bases que regularán o réxime de subvencións establecidas pola Agadic para contribuír á promoción e difusión do cinema galego a través da participación de filmes galegos en festivais e mostras de cinema de prestixio nacional e internacional que se celebren fóra de Galicia, dentro do marco das competencias deste organismo, e proceder á súa convocatoria para o ano 2018.
Persoas beneficiarias
Poderán optar a estas axudas todas as persoas físicas ou xurídicas, dedicadas profesionalmente á actividade de creación e produción no eido audiovisual galego, que leven a cabo algunha das actividades descritas como subvencionables na cláusula seguinte.
Só poderán participar nesta convocatoria aquelas persoas físicas ou xurídicas que teñan unha participación igual ou superior ao 20 % do proxecto audiovisual. En canto á participación de entidades produtoras, será preciso que a empresa estea dada de alta no IAE na epígrafe 9611.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación das solicitudes para os eventos xa celebrados será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia, e para os demais será dun mes desde que se produza a comunicación oficial, por parte do festival, da selección da obra e, en calquera caso, non poderá exceder o 15 de novembro de 2018.