martes, 30 de septiembre de 2014

INDEMNIZACIÓNS POLO SACRIFICIO OBRIGATORIO DE GANDO

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL E DO MAR


Obxecto
1. O obxecto desta orde é convocar de novo, para o ano 2014, a concesión de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio ou morte de animais, ou pola destrución de produtos, no marco de programas ou actuacións oficiais de vixilancia, loita, control ou erradicación de enfermidades animais, e pola morte de animais no contexto das medidas de execución de actuacións sanitarias oficiais impostas pola autoridade competente, ou como consecuencia directa de tratamentos, manipulacións preventivas ou con fins de diagnóstico, así como nos demais supostos recollidos na Lei 8/2003, de sanidade animal.
2. As bases reguladoras establecidas nesta nova convocatoria son as mesmas que as reflectidas na Orde do 21 de febreiro de 2014, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio de gando en execución de programas e actuacións oficiais de vixilancia, loita, control e erradicación de enfermidades dos animais, e se convocan para o ano 2014 (Diario Oficial de Galicia núm. 43, do 4 de marzo) (procedemento MR553C).
Beneficiarios
Poderán optar ás indemnizacións previstas no artigo 1 as persoas físicas e xurídicas que sexan titulares:
a) De animais que se sacrifiquen ou morran por resultar reaccionantes ás probas diagnósticas de tuberculose, brucelose e lingua azul no gando vacún, ovino e cabrún, ou por ter convivido con animais enfermos e que sexan considerados sospeitosos polos veterinarios actuantes.
b) De animais e os seus produtos de calquera especie, sacrificados/mortos e/ou destruídos por motivos de sospeita e/ou confirmación da presenza dalgunha das encefalopatías esponxiformes transmisibles.
c) De aves reprodutoras ou poñedoras da especie Gallus gallus e reprodutoras da especie Meleagris gallopavo, sacrificadas por orde da autoridade competente dentro dos programas nacionais de control de salmonela.
d) De aves sacrificadas por mor da declaración oficial dun foco de influenza aviaria ou de enfermidade de Newcastle.
e) De porcos sacrificados/mortos por mor da declaración oficial dun foco de peste porcina clásica ou de peste porcina africana.
f) De animais que se sacrifiquen/morran por resolución da autoridade competente en materia de sanidade animal, afectados por enfermidades distintas das sometidas a programas sanitarios oficiais.
g) De animais que morreran como consecuencia directa de actuacións, tratamentos e manipulacións preventivas ou con fins de diagnóstico e, en xeral, de animais que morran no contexto de medidas de execución de actuacións sanitarias oficiais impostas pola autoridade competente.
h) Os demais supostos recollidos na Lei 8/2003, de sanidade animal, e na normativa estatal e da Unión Europea de desenvolvemento dos programas e das actuacións sanitarias de vixilancia, loita, control e erradicación de cada enfermidade.
Prazo de solicitude:  O prazo de presentación das solicitudes será desde o día seguinte á data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o día 30 de novembro de 2014, incluíndo ambas as datas no cómputo do prazo.

DECRETO 125/2014 VENDA DIRECTA DOS PRODUTOS PRIMARIOS

MODIFICACIÓN.- PROGRAMA DE INCENTIVOS Á CONTRATACIÓN DAS PERSOAS TRABALLADORAS

viernes, 26 de septiembre de 2014

AXUDAS PARA A CONSERVACIÓN, PROTECCIÓN E MELLORA DAS ÁRBORES E FORMACIÓN SENLLEIRAS DE GALICIA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS 


 Obxecto: O obxecto desta orde é regular a concesión de axudas ás persoas ou entidades propietarias de árbores e formacións senlleiras para a súa conservación, protección e mellora.
Actividades subvencionables: As actividades que poden ser obxecto de axuda, en relación coas árbores e formacións senlleiras incluídas nos anexos I e II do Decreto 67/2007, do 22 de marzo, e que estean validamente inscritas no Catálogo galego de árbores senlleiras, consonte os preceptos establecidos no capítulo II do devandito decreto, con anterioridade á entrada en vigor desta orde, son as seguintes:
a) Realización de podas e actuacións de formación e control da copa.
b) Realización de estudos.
c) Aplicación de tratamentos fitosanitarios.
d) Accións encamiñadas á conservación e mellora do contorno.
e) Elaboración de materiais divulgativos.
f) Sinalización.
g) Creación, mantemento e conservación de accesos relacionados co réxime de uso público.
 En ningún caso se outorgarán axudas para:
a) O IVE.
b) Aqueles gastos que figuran no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como non subvencionables.
c) Aquelas actuacións ou actividades que poñan ou poidan poñer en perigo os valores que xustificaron a especial protección das árbores ou formacións senlleiras e a súa inclusión no Catálogo galego de árbores senlleiras.
Persoas e entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias as persoas físicas ou xurídicas, incluíndo os concellos, propietarias das árbores incluídas no anexo I ou formacións incluídas no anexo II do Decreto 67/2007, do 22 de marzo, sempre que estas árbores e/ou formacións estean incluídas no Catálogo galego de árbores senlleiras con anterioridade á entrada en vigor da presente orde.
2. Só se admitirá unha única solicitude por persoa ou entidade solicitante. Cando unha mesma persoa ou entidade solicitante sexa propietaria de máis dunha árbore e/ou formación senlleira, deberá presentar unha única solicitude que abranguerá todas as árbores
e/ou formacións para as cales se solicita a axuda.
3. En ningún caso poderán ter a condición de beneficiarias das axudas previstas nesta orde as persoas ou entidades nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º e 3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou que fosen sancionadas por infraccións do Decreto 67/2007, do 22 de marzo, polo que se regula o Catálogo galego de árbores senlleiras.
Prazo de solicitude: ata o 27 de setembro de 2014.


jueves, 25 de septiembre de 2014

SUBVENCIÓN PARA A PROMOCIÓN, COMERCIALIZACIÓN E EXHIBICIÓN DO PRODUTO AUDIOVISUAL GALEGO

AXENCIA GALEGA DAS INDUSTRIAS CULTURAIS


Obxecto: Esta resolución, no desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, ten por obxecto fixar as bases que regularán o réxime de subvencións establecidas pola Agadic para contribuír ao fomento da promoción, comercialización e exhibición da actividade audiovisual galega, dentro do marco das competencias deste organismo, e proceder á súa convocatoria para o ano 2014.
Beneficiarios e requisitos: Poderán optar a estas axudas todas as persoas físicas ou xurídicas, dedicadas á actividade de produción no eido audiovisual galego, que leven a cabo algunha das actividades descritas como subvencionables na cláusula seguinte.
 En calquera caso, a consideración dos proxectos como incentivables estará supeditada ás necesidades de apoio que se desprendan do seu carácter cultural, ás condicións económico-financeiras do proxecto e ás do seu impacto na actividade cultural da comunidade autónoma.
 Só poderán participar nesta convocatoria aquelas persoas que teñan unha participación igual ou superior ao 20 % do proxecto audiovisual.
Prazo de solicitude: ata o 24 de outubro de 2014.

MODIFICACIÓN.- CONVOCATORIA BOLSAS DE FORMACIÓN DE TECNÓLOGOS E PERSOAL DE APOIO Á INVESTIGACIÓN, BOLSAS DE PRÁCTICAS PARA OS RECENTEMENTE TITULADOS EN ESPECIALIDADES AGRARIAS, FORESTAIS, VETERINARIA , TECNOLOXÍA DOS ALIMENTOS, BIOLOXÍA E FORMACIÓN PROFESIONAL DA FAMILIA AGRARIA

AXUDAS PARA ACCIÓNS FORMATIVAS E DE TRANSFERENCIA TECNOLÓXICA POR ENTIDADES ASOCIATIVAS AO SECTOR AGRARIO

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL E DO MAR


Obxecto: Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e efectuar a convocatoria para 2014 de subvencións destinadas a financiar accións formativas e de transferencia tecnolóxica realizadas por entidades asociativas do sector agroforestal da Comunidade Autónoma de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva, e dirixidas ás persoas asociadas, aos directivos e ao persoal das ditas entidades.

Beneficiarios: Poderán ser beneficiarias das subvencións previstas nesta orde as sociedades cooperativas agrarias, as sociedades agrarias de transformación, as asociacións de cooperativas e as de produtores, os consellos reguladores de produtos de calidade diferenciada, as asociacións profesionais do ámbito agrario, alimentario ou ligadas ao desenvolvemento rural e as organizacións de produtores agrarios radicadas na Comunidade Autónoma de Galicia.

Prazo de solicitude: ata o 24 de outubro de 2014.

miércoles, 24 de septiembre de 2014

CONVOCATORIA 2 BOLSAS FORMATIVAS PARA O PROGRAMA DE CULTURA ANO 2014

EXCMA DEPUTACION PROVINCIAL DE LUGO


 OBXECTO E FINALIDADE. 
 Por medio destas bases establécense os criterios reguladores para proceder á convocatoria de dúas bolsas formativas para colaborar no programa formativo de Cultura, Turismo, Ensino, Normalización Lingüística e Patrimonio Histórico para o ano 2014 – 2015. 
Nas presentes bases e tamén nos anexos (I , II e III) detállanse os requisitos específicos que deben reunir as persoas solicitantes. 
 Os bolseiros/as realizarán a súa actividade no Servizo de Cultura, Turismo, Ensino, Normalización Lingüística e Patrimonio Histórico da Deputación de Lugo, sendo os seus obxectivos a obtención de datos, as técnicas de análise e mailo diagnóstico do territorio e dos grupos que o habitan, segundo o que se estime oportuno durante a duración temporal da bolsa. 
 As bolsas - reguladas nestas bases - concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia. Con estas bolsas formativas, o Servizo de Cultura da Deputación de Lugo pretende non só impulsar a dinamización do territorio, senón que tamén - e unha vez máis – fomentar a formación dos profesionais universitarios. 
PRESENTACIÓN DAS SOLICITUDES E PRAZO. 
A solicitude, xunto coa documentación adicional requirida, presentarase conforme o modelo oficial que figura no anexo I, dirixíndoa ao Presidente da Deputación de Lugo e presentándoa no Rexistro Xeral da Excma. Deputación Provincial de Lugo ou ben a través dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/92, de 26 de novembro, de Réxime Xurídico e Procedemento Administrativo Común, no prazo de DEZ DÍAS naturais
contados a partir do día seguinte ó da publicación destas bases no Boletín Oficial da Provincia. Igualmente inseriranse no taboleiro de anuncios da Deputación Provincial. 
O modelo de solicitude estará a dispor dos interesados na Área de Cultura da Deputación de Lugo, e tamén na páxina web da Deputación de Lugo (Servizo de Cultura e Turismo) , 

martes, 23 de septiembre de 2014

CONVOCATORIA DE PROBAS DE COMPETENCIA PROFESIONAL DE XESTOR DE TRANSPORTE

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS 


Primeiro. Os exercicios da segunda convocatoria do ano 2014 das probas de constatación da competencia profesional para o desempeño das funcións de xestor de transporte en empresas de transporte por estrada terán lugar o 25 de outubro de 2014, no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia (rúa Miguel Ferro Caaveiro, s/n, San Lázaro, Santiago de Compostela).
Segundo. Os/as aspirantes que fosen admitidos/as para a realización das probas serán citados/as en chamamento único segundo a seguinte distribución:

a) Transporte interior e internacional de viaxeiros/as: todos eles/as ás 9.00 horas.

b) Transporte interior e internacional de mercadorías:

Aqueles/as aspirantes cuxa primeira letra do seu primeiro apelido estea comprendida entre as letras A-K (ambas as dúas inclusive): 9.00 horas. Non obstante, todos/as aqueles/as aspirantes incluídos/as nesta relación que estean admitidos/as tamén para as probas de viaxeiros/as quedan convocados/as para as 16.15 horas.
Aqueles/as aspirantes cuxa primeira letra do seu primeiro apelido estea comprendida entre as letras L-Z (ambas as dúas inclusive): 16.15 horas.

lunes, 22 de septiembre de 2014

BASES LUGOJOB III PERTENCENTE Ó PROGRAMA DE BECAS EUROPEAS LEONARDO DA VINCI

EXCMA. DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE LUGO


OBXECTO DA CONVOCATORIA
A presente convocatoria ten por obxecto establecer as bases polas que se rexerá o proceso de selección de 50 beneficiarios/as do proxecto “LugoJob III”, de axudas para estancias no estranxeiro coa finalidade formativa profesional, a través da realización de prácticas en empresas de Alemaña, Austria, Italia, Portugal, República  Checa, Reino Unido e Irlanda, no marco do Programa de Aprendizaxe Permanente-Proxecto de Mobilidade  Leonardo da Vinci.
O número total de participantes estará distribuído segundo o sector educativo de procedencia do seguinte xeito:

NÚMERO DE PARTICIPANTES SECTOR EDUCATIVO
                
10 AGRICULTURA, SILVICULTURA E PESCA
10 PROTECCIÓN MEDIOAMBIENTAL
10 VIAXES,TURISMO E OCIO
10 INFORMÁTICA
10 CIENCIAS DA VIDA
50 NÚMERO TOTAL DE PARTICIPANTES

PRAZO 
O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días naturais a contar dende o día seguinte á publicación 
destas bases no Boletín Oficial da Provincia de Lugo. 

viernes, 19 de septiembre de 2014

AXUDAS PARA A AGRICULTORES MEMBROS DE AGRUPACIÓNS DE DEFENSA FITOSANITARIA

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL E DO MAR


Obxecto: Esta sección ten por obxecto a convocatoria para o ano 2014 das axudas para os/as agricultores/as membros das agrupacións que desenvolvan programas de defensa fitosanitaria, segundo as bases reguladoras establecidas na sección primeira desta orde.
Beneficiarios e principios de concesión
1. Poderán acollerse a esta axuda os/as agricultores/as que desenvolvan a súa actividade nos sectores de produción de horta, froiteira e/ou vide, que estean inscritos no rexistro de explotacións agrarias, segundo o Decreto 253/2008, do 30 de outubro, polo que se crea o Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia, e que pertenzan a unha ADF e empreguen os seus servizos para o desenvolvemento dun programa de defensa fitosanitaria.
2. Acreditarán a súa actividade agraria mediante o seu correspondente código de explotación agraria (CEA) e/ou código de explotación vitícola (CODEV).
3. Se un/unha agricultor/a pertencese a varias agrupacións, só poderá obter subvención pola súa pertenza a unha delas.
4. Deberá cumprirse cos requisitos establecidos no Regulamento (UE) nº 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352/9, do 24 de decembro), que no seu artigo 1 (Ámbito de aplicación), apartado 1, determina que se aplicará ás axudas concedidas ás empresas dedicadas á produción primaria de produtos agrícolas, exceptuando:
a) As axudas cuxo importe se fixe sobre a base do prezo ou a cantidade dos produtos comercializados.
b) As axudas a actividades relacionadas coa exportación a terceiros países ou Estados membros, en concreto as axudas directamente vinculadas ás cantidades exportadas, ao establecemento e á explotación dunha rede de distribución ou a outros gastos correntes relacionados coa actividade exportadora.
c) As axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.
Presentación de solicitudes: Tanto as solicitudes de axuda (anexo I) como as solicitudes de recoñecemento como entidade colaboradora (anexo II) para a convocatoria do ano 2014 se presentarán no prazo dun mes contado desde o día seguinte á publicación desta orde.

miércoles, 17 de septiembre de 2014

CONVOCATORIA OPOSICIÓN DUNHA PRAZA DE LICENCIADO EN CIENCIAS DO TRABALLO E UNHA PRAZA DE TÉCNICO DE XESTIÓN


EXCMA. DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE LUGO.-ÁREA DE RECURSOS HUMANOS 


 SOLICITUDES.
 FORMA. 
As persoas que desexen tomar parte nas probas selectivas deberán presentar a solicitude, que figura como 
Anexo I destas Bases Xerais e que estará a disposición de todos os que queiran participar no proceso selectivo na páxina web www.deputacionlugo.org, manifestando que reúnen todos e cada un dos requisitos establecidos nestas, en particular na Base Xeral 6 e na Base Específica 4. 
Deberá constar nesta solicitude o compromiso, no caso de obter a praza, de xurar ou prometer lealdade ao 
Rei, respecto aos dereitos das persoas, estrita observancia da Lei e gardar e facer gardar a Constitución como Norma Fundamental do Estado.  
Os aspirantes cun grao de minusvalía igual ou superior ao 33%, a que se refire a base 6.1.h), deberán indicalo expresamente na solicitude, especificando claramente o tanto por cento de discapacidade recoñecido polo órgano competente, e poderán solicitar as posibles adaptacións de tempo e/ou medios para a realización dos exercicios en que esta adaptación sexa necesaria. 
Os aspirantes so poderán participar, no caso de que exista cota de discapacitados nun dos dous sistemas. Se da instancia que se presente non se deduce a súa opción, incluiranse, por defecto, na lista provisional do 
sistema xeral. Polo tanto, tras a publicación da lista definitiva de admitidos e excluídos non se permitirá ningún cambio de quenda posterior ou calquera tipo de corrección ou aclaración ao respecto. 
A solicitude deberá ser debidamente cumprimentada e se acompañará a mesma cos documentos sinalados na base 7.6. 
 ÓRGANO A QUEN SE DIRIXE
As instancias correspondentes dirixiranse ao Sr. Presidente da Excma. Deputación Provincial. 
 PRAZO DE PRESENTACIÓN. 
O prazo de presentación será de vinte días naturais contados a partir do seguinte ao de publicación do
extracto desta Convocatoria no Boletín Oficial do Estado. 
 LUGAR DE PRESENTACIÓN
A presentación de solicitudes farase no Rexistro Xeral da Excma. Deputación Provincial de Lugo, ou a través das formas establecidas no artigo 38 da vixente Lei 30/1992, de 26 de novembro de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común. As solicitudes que se presenten a través da oficina de correos, deberán entregarse en sobre aberto para ser seladas e datadas polo empregado do Servizo de Correos antes de seren certificadas.