lunes, 4 de junio de 2012

PROGRAMA RE-EXPORT 2012

IGAPE

As presentes bases regulan o obxecto, requisitos e procedemento para acceder a unha liña de avais do Igape para facilitar o acceso a financiamento operativo destinado ás actividades de exportación, someténdose ás directrices horizontais e sectoriais ditadas pola Comisión Europea. En particular, as garantías individuais que concedan o Igape ao abeiro destas bases deberán cumprir os requisitos establecidos na Comunicación da Comisión 2008/C155/02 relativa á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE das axudas estatais en forma de garantía, para descartar a presenza de axuda estatal.
O importe máximo dos avais que se conceda será de 5.000.000 €, respectando xunto aos restantes avais concedidos ou que poida conceder o Igape o límite de risco establecido pola Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, que para o ano 2012 é de 500.000.000 € de acordo co artigo 39 da Lei 11/2011, do 26 de decembro.
Beneficiarios:
Poderán acceder aos avais previstos nestas bases as pequenas e medianas empresas, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento 800/2008 (DOUE L 214, do 9 de agosto), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías).
Prazo presentación: ata o 14/09/2012

AXUDAS A PEMES EN MATERIA DE TRABALLO EN IGUALDADE DAS MULLERES

CONSELLERIA DE TRABALLO E BENESTAR


 Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión das axudas dirixidas ao fomento da implantación de plans de igualdade, para a eliminación da infrarrepresentación feminina e para a garantía e mellora do dereito á conciliación da vida familiar e laboral en pequenas e medianas empresas (pemes).
As actuacións subvencionables desagréganse nas seguintes liñas de actuación:
Liña I: Axudas para a implantación de plans de igualdade nos termos e nos ámbitos definidos na Lei 2/2007, de traballo en igualdade das mulleres de Galicia, tanto de xeito voluntario como en cumprimento da obriga establecida nun convenio colectivo de ámbito superior á empresa. Por tanto, non será de aplicación ás empresas coa obriga legal de implantar plans de igualdade, segundo o establecido no artigo 45.2 da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo.
Liña II: Axudas para investimentos tendentes á eliminación da infrarrepresentación feminina nos eidos laborais ocupados predominantemente por homes.
Liña III: Axudas para os investimentos realizados polas empresas co fin de habilitar servizos de comedor, gardaría, lugares axeitados para o repouso das traballadoras embarazadas, salas de lactación e instalacións análogas para garantir e mellorar o dereito á conciliación da vida familiar e laboral.
Beneficiarios:
As pequenas e medianas empresas que teñan domicilio social en Galicia.
Así mesmo, poderán ser beneficiarias as empresas con axencia, sucursal, delegación ou calquera outra representación en Galicia sempre que, pola súa vez, teñan contratado un mínimo dun 10% do seu persoal en Galicia e, cando menos, dez persoas.
Prazo de presentación: ata o 30 de xuño.

SUBVENCIONS A AXENCIAS DE VIAXES PARA A PROMOCION E COMERCIALIZACIÓN DE GALICIA

CONSELLERIA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACION PUBLICA E XUSTIZA.
Obxecto
Regular a concesión das subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a promoción e comercialización do destino Galicia a través do deseño de paquetes turísticos especializados que creen novos produtos e/ou innoven a oferta turística existente en Galicia.
Consideraranse proxectos subvencionables todos aqueles que se inicien a partir do 1 de xaneiro de 2012 e que se encadren nas seguintes liñas:
Liña A) Deseño de paquetes turísticos de nova configuración.
Liña B) Produtos existentes renovados.
Beneficiarios:
Os titulares de axencias de viaxe que conten con clasificación turística expedida pola Comunidade Autónoma galega e que estean comprendidos na definición de pequena ou mediana empresa (peme). En todo caso a casa central debe estar radicada en Galicia.
Prazo presentación: ata o 30 de xuño.