viernes, 16 de enero de 2026

AXUDAS DE COMPENSACIÓNS COMPLEMENTARIAS E AXUDAS A REPOSICIÓN DOS ANIMAIS DE EXPLOTACIÓNS DE GANDO BOVINO, OVINO E CABRÚN

 Consellería do Medio Rural

ORDE do 29 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas de compensacións complementarias e axudas para a reposición dos animais en explotacións de gando bovino, ovino e cabrún, como consecuencia do sacrificio obrigatorio de gando en execución de programas oficiais de erradicación de enfermidades, e se convocan para o ano 2026 (códigos de procedemento MR553A, MR553B e MR550A).

Obxecto
O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras e convocar para o ano 2026:
1. As axudas de compensacións complementarias por lucro cesante nos casos de inactividade nas explotacións de gando bovino, ovino e cabrún, rexistradas en Galicia, con motivo da vixilancia, loita, control ou erradicación de enfermidades destas especies, levados a cabo no marco de programas ou actuacións sanitarias oficiais.
Esta orde regulará, dentro destas axudas do número 1, dous procedementos que se atopan na sede electrónica da Xunta de Galicia e que se corresponden cos dous períodos de tempo nas axudas:
a) Axudas de compensacións complementarias en explotacións de gando bovino, ovino e cabrún: período de baleiro. Código de procedemento MR553A.
b) Axudas de compensacións complementarias en explotacións de gando bovino, ovino e cabrún: período de postautorización á reintrodución. Código de procedemento MR553B.
2. As axudas para a compra de animais das especies bovina, ovina e cabrúa que teña por obxecto a reposición de efectivos, naquelas explotacións rexistradas en Galicia en que se ordenou o sacrificio/matanza de animais destas especies, despois do diagnóstico dunha enfermidade sometida a un programa ou a unha actuación sanitaria oficial de vixilancia, loita, control ou erradicación; tamén se incluirán os casos de animais desas especies que morresen ou fose necesaria a súa eutanasia durante o seu manexo mentres se desenvolvían as actuacións sanitarias oficiais.
En relación co número 2, a orde regulará o procedemento de axudas á reposición de animais: xeral, que se atopa recollido na sede electrónica da Xunta de Galicia co código de procedemento MR550A.
3. O procedemento de concesión das axudas recollidas nesta orde, de xeito excepcional, desenvolverase por concorrencia non competitiva, é dicir, non requirirá a comparación nin a prelación das solicitudes presentadas, senón que se tramitarán todas as solicitudes a medida que as persoas interesadas as presenten, ata esgotar o crédito orzamentario, e en cumprimento do artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Persoas e entidades beneficiarias
1. Poderán ser persoas beneficiarias das axudas de compensacións complementarias por lucro cesante, as persoas físicas e xurídicas e as entidades sen personalidade xurídica, que sexan titulares de explotacións bovinas, ovinas e cabrúas en que se sacrificase ou destruíse de forma preventiva a totalidade do seu censo, por motivos de sospeita e/ou confirmación da presenza dalgunha enfermidade sometida a un programa ou a unha actuación sanitaria oficial de vixilancia, loita, control ou erradicación.
2. Poderán ser persoas beneficiarias das axudas para a compra de animais de reposición as persoas físicas e xurídicas e as entidades sen personalidade xurídica, que sexan titulares de explotacións bovinas, ovinas e cabrúas en que se ordenase o sacrificio obrigatorio/matanza de animais existentes nelas, e como consecuencia do diagnóstico dunha enfermidade sometida a un programa ou a unha actuación sanitaria oficial de vixilancia, loita, control ou erradicación; tamén as persoas e as entidades titulares das explotacións onde morresen ou fosen eutanasiados os animais das ditas especies, durante o seu manexo mentres se desenvolvían as actuacións sanitarias oficiais.
3. As persoas ou entidades solicitantes das axudas establecidas nesta orde, para seren beneficiarias delas, deberán ter a condición de pemes, de acordo co disposto no anexo I do Regulamento (UE) 2022/2472 da Comisión, do 14 de decembro de 2022, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.
4. No cumprimento do artigo 1.5.h).ii) do Regulamento (UE) 2022/2472 da Comisión, do 14 de decembro de 2022, as pemes beneficiarias do presente réxime de axudas non terán a consideración de empresa en crise, segundo a definición desta establecida no artigo 2.59) deste regulamento, agás que a empresa se convertese nunha empresa en crise por mor dos danos ou perdas causadas polas enfermidades animais recollidas na lista de enfermidades animais, infeccións e infestacións do Código sanitario para os animais terrestres da Organización Mundial de Sanidade Animal (OMSA), ou no artigo 5.1 do Regulamento (UE) 2016/429 do Parlamento Europeo e do Consello, do 9 de marzo, ou no Regulamento (CE) núm. 999/2001 do Parlamento Europeo e do Consello, do 22 de maio.
5. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias das axudas reguladas nesta orde as persoas ou entidades:
a) Que se atopen en calquera das circunstancias sinaladas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 13, números 2 e 3, da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. Así mesmo, será de obrigado cumprimento a apreciación recollida no artigo 14 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
b) Que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente, despois dunha decisión previa da Comisión que declarase unha axuda concedida polo mesmo Estado membro ilegal e incompatible co mercado interior, e no cumprimento do artigo 1.4.a) do Regulamento (UE) 2022/2472 da Comisión, do 14 de decembro de 2022.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación de solicitudes e, se é o caso, da correspondente documentación complementaria, será desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o día 30 de novembro de 2026.