lunes, 26 de enero de 2026

AXUDAS DE MEDIDAS DE PROTECCIÓN INTEGRAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO E PARA A PREVENCIÓN E O TRATAMENTO INTEGRAL DA VIOLENCIA DE XÉNERO, 2026

 Consellería de Política Social e Igualdade

ORDE do 19 de decembro de 2025 pola que se regulan as bases para a concesión das axudas establecidas no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, e no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento SI434B).

Obxecto
As axudas do artigo 27 concédense en réxime de concorrencia non competitiva e a súa finalidade é proporcionarlle apoio económico ás mulleres que sofren violencia de xénero. En relación coas axudas de indemnización do artigo 43, concédense en réxime de concorrencia non competitiva e a súa finalidade é facer valer o dereito recoñecido por sentenza xudicial ditada por xulgados e tribunais con sede no territorio galego.

Persoas beneficiarias
1. Para ser beneficiaria das axudas establecidas no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, a solicitante deberá reunir, na data de solicitude da axuda e manter ata o momento en que se resolva a dita solicitude, os seguintes requisitos: a) Ser muller vítima de violencia de xénero segundo o disposto no artigo 1 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro. Esta condición acreditarase con algún dos documentos establecidos no artigo 8.1.a); b) Estar empadroada e ter residencia efectiva en calquera dos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia. No caso das mulleres estranxeiras, tamén será necesario ter permiso de residencia e de traballo; c) Non convivir co agresor; d) Ter especiais dificultades para obter un emprego; e) Carecer de rendas que, en cómputo mensual, superen o 75 % do salario mínimo interprofesional vixente, excluída a parte proporcional de dúas pagas extraordinarias.
Esta axuda poderá percibirse en máis dunha ocasión cando a vítima sufrira violencias diferenciadas acreditadas de forma separada, sempre que se cumpran todos os requisitos establecidos nestas bases reguladoras.
2. En relación coas axudas de indemnización establecidas no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, poderán ser beneficiarias as mulleres vítimas de violencia de xénero e todas as persoas que dependan económica e/ou asistencialmente dunha muller que sofra violencia de xénero. Ademais, entre outros, deberán cumprir os seguintes requisitos: a) Estar empadroada e ter residencia efectiva en calquera dos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia. No caso das mulleres estranxeiras, tamén será necesario ter permiso de residencia; b) Non convivir co agresor; c) Ter dereito á percepción dunha indemnización, por danos e perdas derivados dunha situación de violencia de xénero, recoñecida nunha resolución xudicial firme ditada por un xulgado ou tribunal con sede na Comunidade Autónoma de Galicia; d) Que exista constatación xudicial do incumprimento do deber de satisfacer a indemnización por insolvencia do obrigado ao pagamento; e) Que a persoa beneficiaria se atope nunha situación de precariedade económica como consecuencia da falta de pagamento da indemnización xudicialmente recoñecida.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación de solicitudes comezará transcorridos cinco días hábiles desde da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 27 de novembro de 2026.