Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
Obxecto
Establecer as bases reguladoras das bolsas de formación en biblioteconomía e convocalas para os anos 2026 e 2027.
Beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias as persoas solicitantes que cumpran os seguintes requisitos:a) Posuír algunha das titulacións universitarias seguintes:
– Grao en Biblioteconomía e Documentación.
– Grao en Información e Documentación.
– Grao en Xestión de Información e Documentación Dixital.
– Grao en Lingua e Literatura Galega/Española/Estranxeira/Comparada.
– Grao en Historia.
– Grao en Historia da Arte.
– Grao en Humanidades.
– Grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural.
– Grao en Xestión Cultural.
– Mestrado oficial en materia de bibliotecas, con independencia da titulación de grao de acceso ao dito mestrado.
Para os efectos previstos nesta letra, asimilaranse ao título de grao as titulacións equivalentes segundo o Espazo Europeo de Educación Superior.
A persoa solicitante deberá estar en posesión do título ou acreditar o pagamento dos dereitos para a súa expedición ao remate do prazo de presentación de solicitudes, e ter rematado os estudos conducentes ao título no curso académico 2014/15 ou posterior.
b) Estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Non poderán ser beneficiarias desta axuda:
a) As persoas que desempeñen un emprego remunerado ou gocen doutra bolsa remunerada con fondos públicos, sen prexuízo do sinalado no parágrafo segundo do punto 3 deste artigo.
No caso de ter emprego remunerado ou gozar doutra bolsa ou axuda financiada con fondos públicos no momento de presentación da solicitude, a persoa solicitante comprométese expresamente a renunciar con anterioridade ao momento da incorporación ao centro ao que sexa destinado/a.
b) As persoas que ocupasen un posto de traballo como técnico bibliotecario durante máis de seis meses.
c) As persoas que se beneficiasen anteriormente destas mesmas bolsas durante un período superior aos seis meses.
d) Quen, sendo adxudicatario desta mesma bolsa nunha convocatoria anterior, non se incorporase ao centro de destino ou renunciara a ela logo de iniciado o período de vixencia, sen causa debidamente xustificada. Considérase xustificada a renuncia cando se deba á obtención doutra bolsa ou emprego incompatible con aquela.
e) Aquelas persoas que se atopen nalgún dos supostos previstos no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia ou no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
3. A concesión da bolsa será incompatible con calquera outra bolsa que supoña remuneración directa ou axuda financiada con fondos públicos.
Tamén será incompatible co desempeño dun emprego remunerado, agás os que teñan carácter esporádico cunha duración acumulada inferior a dous meses durante o período de duración da bolsa, sempre que isto non afecte a actividade habitual no exercicio desta.
Prazo de presentación de solicitudes
Un mes desde o día seguinte ao da publicación deste extracto no Diario Oficial de Galicia.