jueves, 29 de enero de 2026

AXUDAS PARA REFORESTACIÓN CON ESPECIES DE FRONDOSAS E/OU CONÍFERAS, 2026

 Consellería do Medio Rural

ORDE do 30 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas, en concorrencia competitiva, para investimentos en reforestación con especies de frondosas e/ou coníferas, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Deselvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da política agrícola común de España para o período 2023-2027, e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento MR605D).

Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas para investimentos en reforestación con especies de frondosas e/ou coníferas, que se concederán en réxime de concorrencia competitiva, e convocar estas axudas para o ano 2026 (código de procedemento MR605D).
2. No marco desta orde inclúense as axudas previstas na intervención 6883, investimentos forestais produtivos, recollida no Plan estratéxico da política agraria común de España 2023-2027 (PEPAC), cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), a través das seguintes subintervencións:
a) Subintervención 6883_01, Investimentos forestais produtivos_1, destinada a financiar actuacións de reforestación produtiva con especies de frondosas (liña II e liña III).
b) Subintervención 6883_02, Investimentos forestais produtivos_2, destinada a financiar actuacións de reforestación produtiva con especies de coníferas (liña I).

Persoas beneficiarias
1. Serán beneficiarias as persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dos terreos obxecto de axuda, entendendo por titulares tanto propietarios como arrendatarios ou xestores.
2. Non poderán ser persoas beneficiarias as empresas en crise ou as que teñan unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior.
3. As persoas beneficiarias deben cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e non estar incursas en ningunha clase de inhabilitación de axudas previstas no seu artigo 10. Ademais, non deben estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
4. As comunidades de montes veciñais en man común (en diante, CMVMC) para poder acceder a estas axudas deberán estar legalmente constituídas e regulamentariamente inscritas no Rexistro Provincial de CMVMC, de acordo co disposto no artigo 57 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e cumprir co disposto no artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e no Decreto 23/2016, do 25 de febreiro, polo que se regula o reinvestimento dos ingresos obtidos polas CMVMC en actuacións de mellora e protección forestal como moi tarde o día en que remate o prazo de solicitude da axuda.
5. Os monte de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo deben cumprir co estipulado no artigo 126 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e no Decreto 16/2024, do 18 de xaneiro, polo que se regula o réxime xurídico e o rexistro de monte de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo.
6. Silvicultor/a activo/a deberá estar inscrito no rexistro correspondente segundo o establecido na Orde do 26 de abril de 2022 pola que se desenvolve a tramitación electrónica das solicitudes para o recoñecemento como agrupación forestal de xestión conxunta e como persoa silvicultora activa (código de procedemento MR608C). Con todo, de conformidade coa excepción prevista no artigo 4, poderán ser persoas beneficiarias aquelas que teñan presentada a solicitude de inscrición dentro do prazo de presentación das solicitudes de axuda, sempre que figuren inscritas antes do pagamento da axuda.
7. As agrupacións forestais de xestión conxunta deberán ter a inscrición no rexistro correspondente segundo o establecido na Orde do 26 de abril de 2022 pola que se desenvolve a tramitación electrónica das solicitudes para o recoñecemento como agrupación forestal de xestión conxunta (código de procedemento MR608B) e como persoa silvicultora activa. Con todo, de conformidade coa excepción prevista no artigo 4, poderán ser persoas beneficiarias aquelas que teñan presentada a solicitude de inscrición dentro do prazo de presentación das solicitudes de axuda, sempre que figuren inscritas antes do pagamento da axuda.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será de 30 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.