Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Obxecto e ámbito de aplicación
1. O obxecto desta orde é a modificación parcial da Orde do 8 de xullo de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para o período 2025-2027 e se procede á primeira convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para o financiamento de accións formativas do Sistema de formación profesional dos graos A, B e C para persoas traballadoras desempregadas, para os anos 2025 e 2026 (DOG núm. 130, do 9 de xullo de 2025).
2. E, así mesmo, proceder á segunda convocatoria de subvencións para os exercicios 2026 e 2027.
Entidades beneficiarias
Poderán solicitar e obter a condición de beneficiarias das subvencións reguladas nesta convocatoria as entidades e centros de formación que, con anterioridade á data de presentación da solicitude, estean acreditados para impartiren no ámbito da Comunidade Autónoma as ofertas formativas do Sistema de formación profesional dos graos A, B e C para as cales soliciten subvención, xa sexa na modalidade presencial ou virtual, entendida esta última como modalidade de teleformación.
Persoas destinatarias da formación
1. As accións formativas obxecto de financiamento dirixiranse prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas. Para tal efecto, a consideración de persoa traballadora desempregada virá determinada pola súa inscrición como demandante no Servizo Público de Emprego de Galicia e a súa situación laboral como non ocupada referida á data de validación da acta de selección polas oficinas de emprego.
Non será precisa a inscrición como demandante no caso de estar inscrita no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil.
2. Ademais das persoas traballadoras desempregadas, poderán participar nas accións formativas reguladas nesta orde as persoas traballadoras ocupadas, ata un límite do 30 % do número de persoas participantes na acción formativa.
Accións formativas subvencionables
Serán subvencionables as accións formativas do Sistema de formación profesional dos graos A, B e C.
Prazo de presentación das solicitudes e entrada en vigor
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto desde o día da entrada en vigor da orde ás 9.00 horas, de conformidade co establecido na disposición derradeira segunda da orde de convocatoria, ata o día 30 de novembro de 2026 ás 20.00 ou, de ser o caso, ata que se esgote o crédito orzamentario dispoñible. No caso de que o día de inicio do prazo sexa inhábil, o prazo comezará o día hábil seguinte.
Esta orde entrará en vigor aos 5 días hábiles seguintes da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Forma e lugar de presentación das solicitudes e documentación complementaria
As solicitudes e documentación complementaria presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado dispoñible na aplicación SIFO, anexo I, accesible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal ou no enderezo directo https://emprego.xunta.es/sifo-solicitudes
Prazo de execución da segunda convocatoria
Na solicitude de subvención, as entidades deberán indicar a data prevista de inicio da acción formativa. En todo caso, as accións formativas deberán comezar no prazo máximo de 3 meses contado desde a data de notificación da resolución de concesión, e requirirán a validación previa do persoal técnico da unidade administrativa competente, a través da aplicación informática SIFO.
A data límite para o remate das accións formativas desta segunda convocatoria será o 31 de marzo de 2027.