martes, 20 de enero de 2026

SUBVENCIÓNS PARA PROXECTOS DE ENERXÍA FOTOVOLTAICA 2026

 Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 23 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria, mediante tramitación anticipada de gasto, de subvencións para proxectos de enerxía fotovoltaica, para o ano 2026, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional nun 60 % do gasto elixible, no marco do programa Galicia Feder 2021-2027 (código de procedemento IN421S).

Obxecto
Apoiar proxectos con fins de aforro enerxético e fomento do uso racional das enerxías renovables. Os proxectos limitaranse a instalacións para a xeración de electricidade mediante paneis solares fotovoltaicos en réxime de autoconsumo (procedemento IN421S).

Persoas beneficiarias
1. Poderán acceder á condición de persoas beneficiarias destas subvencións:
a) As entidades locais de Galicia e entidades dela dependentes.
b) As entidades sen ánimo de lucro.
c) Empresas legalmente constituídas e autónomos, que teñan domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia.
En canto ás empresas de servizos enerxéticos, os centros de consumo en que se actúe deben estar situados en Galicia e corresponder a empresas incluídas no ámbito de actuación destas bases e, en concreto, ás actividades recollidas nesta epígrafe e amparadas polo Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior.
2. As empresas deben contar cun centro de traballo en Galicia ou realizar algunha actividade empresarial xustificable dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. No caso das empresas de servizos enerxéticos, o que debe estar situado no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia son os centros de consumo.
3. As empresas deberán cumprir co criterio de autonomía e demais requisitos que se establecen no anexo I do Regulamento xeral de exención por categorías.
4. Os requisitos para obter a condición de beneficiarios deberanse cumprir, como moi tarde, na data límite de remate do prazo de presentación de solicitudes.
5. As entidades sen ánimo de lucro non poderán disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Prazo para a execución da instalación
O prazo de execución iniciarase unha vez presentada a solicitude de axuda e finalizará na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder o 15 de outubro de 2026, para solicitudes con proxectos que se realicen ata esta data, e o 30 de setembro de 2027, para solicitudes con proxectos que se realicen ata esta data. Estas dúas datas, en cada caso, son as datas últimas admisibles de facturación e pagamento do investimento obxecto da axuda. Dentro deste prazo de execución deberase presentar a solicitude de pagamento. As accións realizadas entre o 16 de outubro de 2026 e o 31 de decembro de 2026 poderán ser imputadas ao 2027.