jueves, 22 de enero de 2026

SUBVENCIÓNS PARA A PARTICIPACIÓN DE PERSOAS ESCRITORAS, ILUSTRADORAS, TRADUTORAS E EDITORAS NAS ACTIVIDADES QUE SE CELEBREN NO SECTOR DO LIBRO 2026

 Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

ORDE do 30 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a participación de persoas escritoras, ilustradoras, tradutoras e editoras nas actividades que se celebren no sector do libro, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento CT221A).

Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras do procedemento de concesión de subvencións a persoas físicas ou xurídicas, que sexan escritoras, ilustradoras, tradutoras ou editoras e que desenvolvan o seu traballo no sector do libro e, maioritariamente, no ámbito da Comunidade Autónoma galega facilitando a súa participación en actividades do dito sector que se celebren no ano 2026, desde o 1 de xaneiro ata o 15 de decembro.
2. As actividades obxecto de subvención son: feiras, festivais, seminarios, encontros obradoiros e eventos de similar natureza, agás as estadías creativas e residencias creativas e literarias.
Enténdese por evento, calquera actividade cuxo contido inclúa a transmisión de coñecementos, contactos e intercambio entre profesionais e expertos nos sectores da creación literaria, tradución, ilustración e edición.
3. Así mesmo, ten por obxecto convocar a dita subvención para o ano 2026.

Persoas e entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde as persoas físicas, sexan autónomos ou non, ou xurídicas, que sexan escritoras, ilustradoras, tradutoras ou editoras que acrediten esta condición e desenvolvan o seu traballo no sector do libro maioritariamente no ámbito da Comunidade Autónoma galega, que cumpran, ademais, todos os seguintes requisitos:
1.a) Acreditar que a/s actividade/s solicitada/s está/n directamente relacionada/s coa súa traxectoria profesional (escritor/a, ilustrador/a, tradutor/a ou editor/a) desde a que participa nesta orde, e a previsión de como a/s dita/s actividade/s van repercutir nela. Deberase cubrir unha memoria xustificativa incluída no formulario da solicitude.
1.b)Terse inscrito, asistido ou participado nunha actividade subvencionable realizada no sector do libro fóra de Galicia, no prazo establecido na presente convocatoria.
1.c) Acreditar o desenvolvemento do seu traballo no sector do libro maioritariamente no ámbito da Comunidade Autónoma galega mediante a publicación de obra literaria en Galicia nos seguintes xéneros: narrativa, poesía, ensaio, cómic, teatro ou literatura infantil e xuvenil. Polo menos deberá terse publicado dúas obras, como persoa escritora, ilustradora, tradutora ou editora nos tres anos inmediatamente anteriores á data de publicación da presente orde e computados desde a data de entrada da solicitude de inscrición no rexistro do Depósito Legal.
2. As persoas xurídicas deben acreditar, a maiores, o seguinte:
2.1. A condición de editoras ou tradutoras de acordo co establecido na presente orde, para o que deberán estar dadas de alta antes do 1 de xaneiro de 2026, no epígrafe 476.1 edición de libros ou 774 tradutores e intérpretes do imposto de actividades económicas, de acordo co establecido na presente orde.
2.2. Ter publicado un mínimo de tres obras ao ano, nos tres anos inmediatamente anteriores á data de publicación desta orde. Para estes efectos, terase en conta que a data do rexistro do depósito legal estea comprendido no dito prazo.

Prazo de presentación de solicitudes
1. O prazo de presentación de solicitudes comezará ás 9.00 horas do día 26 de xaneiro de 2026, e rematará ás 20.00 horas do día 26 de febreiro de 2026, ambos incluídos.
2. Non serán admitidas en ningún caso solicitudes presentadas fóra do prazo e da forma establecida nesta orde.