jueves, 8 de enero de 2026

INDEMNIZACIÓNS POLO SACRIFICIO OBRIGATORIO DE ANIMAIS 2026

 Consellería do Medio Rural

ORDE do 19 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio de animais en execución de programas e actuacións oficiais de vixilancia, loita, control e erradicación das súas enfermidades, e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento MR553C).

Obxecto
1. O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras para a concesión de indemnizacións polo sacrificio/matanza obrigatorios ou morte de animais, ou pola destrución de produtos, no marco de programas ou actuacións oficiais de vixilancia, loita, control ou erradicación de enfermidades animais, e pola morte de animais no contexto das medidas de execución de actuacións sanitarias oficiais impostas pola autoridade competente, ou como consecuencia directa de tratamentos ou con fins de diagnóstico, oficiais, así como nos demais supostos recollidos na Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal, e convocalas para o ano 2026.
2. Esta orde regulará o procedemento de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio de animais en execución de programas e actuacións oficiais de vixilancia, loita, control e erradicación das súas enfermidades, que está recollido na sede electrónica da Xunta de Galicia co código de procedemento MR553C.

Persoas e entidades beneficiarias
1. Poderán optar ás indemnizacións previstas no artigo 1 as persoas físicas e xurídicas, públicas ou privadas, e as entidades sen personalidade xurídica que sexan titulares:
a) De animais que se sacrifiquen despois de resultaren positivos ás probas diagnósticas de peripneumonía contaxiosa bovina, tuberculose, brucelose e leucose no gando vacún, ovino e cabrún, ou por ter convivido con animais enfermos e que sexan considerados sospeitosos polos veterinarios actuantes, ou ben que morran por mor da enfermidade.
b) De animais e os seus produtos de calquera especie, sacrificados/mortos e/ou destruídos por motivos de sospeita e/ou confirmación da presenza dalgunha das encefalopatías esponxiformes transmisibles.
c) De aves reprodutoras ou poñedoras da especie Gallus gallus e reprodutoras da especie Meleagris gallopavo, sacrificadas por orde da autoridade competente dentro dos programas nacionais de control de Salmonella.
d) De aves sacrificadas/mortas por mor da declaración oficial dun foco de influenza aviaria, de enfermidade de Newcastle ou doutra enfermidade das aves declarada oficialmente.
e) De porcos sacrificados/mortos por mor da declaración oficial dun foco de peste porcina clásica ou de peste porcina africana, ou doutras enfermidades porcinas declaradas oficialmente ou durante o desenvolvemento de medidas, probas ou controis ordenados pola autoridade competente.
f) De visóns americanos que se sacrifiquen por resolución da autoridade competente en materia de sanidade animal, ou morran, afectados por enfermidades sometidas a actuacións ou programas sanitarios oficiais.
g) De animais que morran como consecuencia directa de actuacións e tratamentos, ou con fins de diagnóstico, oficiais, e, en xeral, de animais que morran ou reciban a eutanasia no contexto de medidas de execución de actuacións sanitarias oficiais impostas pola autoridade competente.
h) Os demais supostos recollidos na Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal, e na normativa estatal e da Unión Europea de desenvolvemento dos programas e das actuacións sanitarias oficiais de vixilancia, loita control e erradicación de cada enfermidade.
2. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias das indemnizacións reguladas nesta orde as persoas ou entidades que se atopen en calquera das circunstancias sinaladas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 13, números 2 e 3, da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. Así mesmo, será de obrigado cumprimento a apreciación recollida no artigo 14 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Requisitos
1. Para os efectos de ter dereito ás indemnizacións reguladas nesta orde, as persoas/entidades implicadas e titulares das explotacións gandeiras, e as explotacións gandeiras afectadas:
a) Cumprirán e seranlles de aplicación os contidos da normativa en vigor, citada a continuación, que afecten directamente o correcto desenvolvemento dos programas e actuacións oficiais de vixilancia, loita, control e erradicación de enfermidades dos animais: sobre sanidade animal, identificación animal, movemento pecuario, benestar e alimentación animal, e a propia dos programas nacionais de vixilancia, loita, control e erradicación de enfermidades dos animais.
b) Terán a obriga de cumprir o contido do artigo 17 do Real decreto 2611/1996, do 20 de decembro, polo que se regulan os programas nacionais de erradicación de enfermidades dos animais e, polo tanto, non se atoparán incursas en ningunha das circunstancias causantes da perda do dereito á indemnización previstas no artigo 17.2 do citado Real decreto 2611/1996, do 20 de decembro.
c) As explotacións afectadas estarán correctamente rexistradas na Comunidade Autónoma de Galicia, en concreto, figurarán inscritas e con todos os seus datos actualizados no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (Rega), establecido polo Real decreto 479/2004, do 26 de marzo, polo que se establece e se regula o Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras, e no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga), regulado no Decreto 200/2012, do 4 de outubro.
d) Será efectivo o sacrificio obrigatorio de todos os animais incluídos nas resolucións de sacrificio ou/e de baleiro sanitario que fosen emitidas pola autoridade competente.
2. Os servizos de gandaría provinciais da Consellería do Medio Rural, como órganos competentes para a tramitación do procedemento de concesión da indemnización, comprobarán o cumprimento dos requisitos descritos no número 1 anterior.

Inicio do procedemento de concesión
1. O procedemento de concesión iniciarase coa presentación da solicitude de indemnización por parte da persoa interesada, e empregando o formulario que se recolle como anexo I desta orde (código de procedemento MR553C).
2. Será necesaria a presentación dunha solicitude para cada subexplotación gandeira afectada (bovino, ovino/cabrún etc.). No caso dos pequenos ruminantes (gando ovino e cabrún), será suficiente a presentación dunha única solicitude para ambas as dúas subexplotacións, é dicir, unha solicitude única cando ambas as especies se atopen xuntas na explotación.
3. Cada solicitude inclúe unha declaración responsable de titularidade de conta bancaria (datos bancarios). Nela, a persoa solicitante anotará o titular da conta, que será o titular da explotación gandeira, e o número da conta bancaria (código IBAN da conta) que pertenza a ese titular da explotación, para os efectos de pagamento das indemnizacións e, así mesmo, declarará a súa veracidade.

Disposicións para as solicitudes de iniciación
1. As persoas interesadas no procedemento de concesión de indemnizacións que se xeren durante o ano 2026 deberán presentar o formulario de solicitude que se recolle como anexo I desta orde (código de procedemento MR553C).
2. As persoas titulares de explotacións gandeiras, para que teñan dereito a percibir unha ou máis indemnizacións pendentes correspondentes ao ano 2025:
a) A persoa interesada no procedemento que non presentase durante o ano 2025 a/as solicitude/s de indemnización correspondentes a ese ano deberá presentar no ano 2026 unha única solicitude para cada subexplotación afectada, empregando o formulario de solicitude que se recolle como anexo I desta orde (código de procedemento MR553C).
b) Á persoa interesada que si presentase en tempo e forma durante o ano 2025 o/os formulario/s de solicitude (anexo I, código de procedemento MR553C), para cada subexplotación afectada, seralle de aplicación a apreciación que se recolle na disposición adicional segunda desta orde: non será necesario que presente de novo durante o ano 2026 a/as citada/s solicitude/s.

Lugar e forma de presentación das solicitudes
1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
2. A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica (sociedades civís (SC), comunidades de bens (CB), titularidades compartidas (TC) etc.), as persoas físicas que sexan traballadoras autónomas e as persoas representantes dunha das anteriores.
3. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
4. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
5. Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica (persoas físicas que non sexan traballadoras autónomas), opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Prazo de presentación de solicitudes
1. O prazo para a presentación das solicitudes e, se é o caso, da correspondente documentación complementaria, será desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o día 30 de novembro de 2026.
2. A tramitación do procedemento de concesión das indemnizacións establecidas nesta orde levarase a cabo durante todo o exercicio orzamentario do ano 2026.