miércoles, 7 de enero de 2026

AXUDAS DIRIXIDAS ÁS FILLAS E FILLOS MENORES DE 30 ANOS DAS VÍTIMAS MORTAIS POR VIOLENCIA DE XÉNERO, ASÍ COMO A MULLERES GRAVEMENTE FERIDAS COMO CONSECUENCIA DUNHA AGRESIÓN POR VIOLENCIA DE XÉNERO 2026

 Consellería de Política Social e Igualdade

ORDE do 22 de decembro de 2025 pola que se regulan as bases para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas de indemnización económica, dirixidas ás fillas e fillos menores de 30 anos das vítimas mortais por violencia de xénero, así como a mulleres que resultasen gravemente feridas como consecuencia dunha agresión por violencia de xénero, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento SI460A).

Obxecto
O obxecto desta orde é establecer as bases que rexerán a concesión de axudas de indemnización económica dirixidas ás fillas e fillos menores de 30 anos das vítimas mortais por violencia de xénero, de axudas de indemnización económica dirixidas a mulleres que resultasen gravemente feridas como consecuencia dunha agresión por violencia de xénero, así como as axudas para os familiares ascendentes e descendentes en 1º ou 2º grao de consanguinidade das mulleres vítimas mortais por violencia de xénero e dos seus fillos e fillas falecidos, destinadas a sufragar os gastos de traslado, repatriación, funeral, inhumación e/ou incineración das mulleres vítimas mortais por violencia de xénero e, de ser o caso, dos fillos e fillas das vítimas falecidos como consecuencia da violencia de xénero.

Persoas beneficiarias
1. Poderán ser persoas beneficiarias da indemnización prevista na letra a) do artigo 2, en réxime de igualdade, cada un dos fillos e fillas da vítima mortal da violencia de xénero, calquera que sexa a natureza da súa filiación, sempre que na data do falecemento da súa nai cumprisen algún dos seguintes requisitos:
a) Ser menores de idade e estar empadroados en calquera dos municipios da Comunidade Autónoma de Galicia, independentemente da renda familiar.
b) Ser maiores de idade ata 30 anos inclusive, estar empadroados en calquera dos municipios da Comunidade Autónoma de Galicia, e depender economicamente da nai e/ou do pai agresor. Entenderase que existe dependencia económica cando na data do falecemento da nai, as persoas beneficiarias non percibisen rendas, de calquera natureza, que en cómputo anual non superasen o límite de 2 veces o indicador público de renda de efectos múltiples IPREM vixente, nos 12 meses anteriores.
2. Poderán ser persoas beneficiarias da indemnización prevista na letra b) do artigo 2 as mulleres feridas gravemente, con lesións que requiran hospitalización, como consecuencia dunha agresión de violencia de xénero, sempre que na data en que se producisen os feitos se cumprisen os seguintes requisitos:
a) Ser muller, maior de idade ou emancipada.
b) Estar empadroada e ter residencia efectiva en calquera dos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia.
No caso das mulleres estranxeiras, tamén será necesario ter permiso de residencia e de traballo.
c) Atoparse nunha situación de precariedade económica. Entenderase que se produce unha situación de precariedade económica cando os ingresos da unidade familiar de convivencia a que pertenza a solicitante divididos polo número de membros que a compoñen non supere o límite do importe de 2 veces o IPREM vixente, durante os 12 meses anteriores.
3. Poderán ser persoas beneficiarias da indemnización prevista na letra c) do artigo 2 desta orde os familiares ascendentes e descendentes en 1º ou 2º grao de consanguinidade das mulleres vítimas mortais da violencia de xénero e, de ser o caso, dos fillos e fillas da muller vítima falecidos como consecuencia da violencia de xénero, sempre que non tivesen participación no suceso causante.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 1 de decembro de 2026.
As axudas de indemnización económica dirixidas a mulleres que resultasen gravemente feridas como consecuencia dunha agresión por violencia de xénero poderán solicitarse no prazo dun ano desde a curación ou a determinación do alcance das secuelas.