martes, 27 de enero de 2026

SUBVENCIÓNS PARA O IMPULSO DUNHA REDE DE MERCADOS EXCELENTES DE GALICIA E A DINAMIZACIÓN E REVITALIZACIÓN DAS PRAZAS DE ABASTOS 2026

 Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

ORDE do 5 de xaneiro de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para o impulso dunha Rede de mercados excelentes de Galicia e a dinamización e revitalización das prazas de abastos, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento IN223A).

Obxecto
A concesión das subvencións da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para o impulso dunha Rede de mercados excelentes de Galicia e a dinamización e revitalización das prazas de abastos e mercados de Galicia.

Persoas beneficiarias
1. Poderán ser entidades beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases reguladoras:
a) Os concellos galegos que conten cun mercado co selo de Mercado Excelente outorgado de conformidade coa Orde do 12 de decembro de 2025 pola que se regula o procedemento para a obtención e renovación do selo de Mercado Excelente na Comunidade Autónoma de Galicia, ou aqueles que estean no proceso para a súa obtención.
b) As federacións de asociacións de prazas de abastos e mercados, asociacións de vendedores das prazas de abastos e mercados e outras asociacións, sen ánimo de lucro, que estean legalmente constituídas e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia.
No caso de asociacións de vendedores de prazas de abastos, o número de membros asociados deberá supoñer, como mínimo, o 50 % dos postos ocupados na praza de abastos. A estes efectos contarán como unha unidade os postos ocupados polo/a mesmo/a praceiro/a.
No caso das outras asociacións, só poderán ser beneficiarias no caso de que non exista unha asociación de vendedores da praza de abastos para que se solicita a axuda e sempre que conten entre os seus asociados, como mínimo, co 50 % dos/das praceiros/as da dita praza.
As federacións e as asociacións deberán ter unha antigüidade mínima de tres anos na data de publicación desta orde e atoparse ao día na obriga de aprobación das contas anuais pola xunta directiva nos dous últimos exercicios previos a esta orde de convocatoria.
c) As cooperativas de vendedores/as das prazas de abastos que estean legalmente constituídas e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia.

Prazo de presentación de solicitudes
Un mes contado desde as 9.00 horas do día 2 de febreiro de 2026.
O último día de presentación de solicitudes finalizará ás 20.00 horas.