viernes, 23 de enero de 2026

AXUDAS ENCAMIÑADAS Á MODERNIZACIÓN TECNOLÓXICA E DIXITAL NAS ESTACIÓNS DE SERVIZO DE ÁMBITO RURAL DE GALICIA E ACTUACIÓNS DE MELLORA DA SÚA SEGURIDADE 2026

 Consellería de Economía e Industria

ORDE do 9 de xaneiro de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas encamiñadas á modernización tecnolóxica e dixital nas estacións de servizo de ámbito rural da Comunidade Autónoma de Galicia, así como ao desenvolvemento de actuacións dirixidas a mellorar a súa seguridade, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento IN519F).

Obxecto
Regular a concesión de subvencións para a realización de actuacións de modernización tecnolóxica e dixital nas estacións de servizo de ámbito rural da Comunidade Autónoma de Galicia, así como o desenvolvemento de actuacións dirixidas a mellorar a súa seguridade, para o ano 2026, promovendo a mellora da eficiencia operativa, o acceso a servizos financeiros por parte da poboación e o desenvolvemento económico mediante a incorporación de tecnoloxías innovadoras.

Entidades beneficiarias
Poderán ser entidades beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nas bases reguladoras, as pemes legalmente constituídas e os empresarios autónomos, titulares de estacións de servizo que realicen investimentos de acordo co obxecto desta orde para a modernización tecnolóxica e dixital das estacións de servizo sempre e cando cumpran os seguintes requisitos:
a) As estacións de servizo deben estar situadas nos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia de ata 20.000 habitantes, de acordo cos últimos datos publicados polo Instituto Galego de Estatística, ou ben naquelas parroquias que teñen a consideración de zonas pouco poboadas ou áreas rurais, no caso de estaren situadas en concellos de máis de 20.000 habitantes.
b) Que a empresa figure de alta na clase 47.30, Comercio polo miúdo de combustible para automóbiles, do Real decreto 10/2025, do 14 de xaneiro, polo que se aproba a Clasificación nacional de actividades económicas 2025 (CNAE-2025).
c) Ter como mínimo unha persoa empregada contratada por conta allea asignada á estación de servizo para a cal se solicita a axuda. Para as estacións de servizo situadas en concellos cunha poboación inferior a 2.000 habitantes, será suficiente con ter unha persoa empregada contratada por conta allea asignada á estación de servizo para a cal se solicita a axuda ou que a persoa titular sexa un empresario autónomo. Os contratos asinados coas persoas empregadas poderán ser indefinidos, fixos descontinuos ou combinacións equivalentes de xornada, sempre que na estación de servizo se garanta unha presenza mínima equivalente a 20 horas semanais de atención efectiva vinculada ao funcionamento ordinario da instalación.
d) Que a estación de servizo figure inscrita no Rexistro de instalacións de distribución polo miúdo de produtos petrolíferos líquidos.
Os requisitos para obter a condición de persoa beneficiaria deberanse cumprir, como moi tarde, na data límite de remate do prazo de presentación de solicitudes.

Contía
Importe total da convocatoria: 800.000 euros.
Intensidade das axudas: 50 % do importe total do custo elixible da actuación e cun máximo de 30.000 euros por solicitude. Para aquelas actuacións de tipoloxía e.2), de acordo coa clasificación establecida no artigo 3.1 das bases reguladoras, a intensidade das axudas será dun 80 % do importe total do custo elixible das actuacións desa tipoloxía cun máximo de 5.000 euros por solicitude, sempre que se respecte o máximo de 30.000 euros establecido para o conxunto da subvención. Para aquelas actuacións de tipoloxía f), a intensidade das axudas será dun 90 % do importe total do custo elixible das actuacións desa tipoloxía cun máximo de 1.500 euros por solicitude, sempre que se respecte o máximo de 30.000 euros establecido para o conxunto da subvención.

Prazo de presentación de solicitudes
Será de 45 días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.