jueves, 16 de mayo de 2024

CORRECCIÓN DE ERROS.- CONVOCATORIA PROBAS DE ACCESO ÁS ENSINANZAS DEPORTIVAS PARA O CURSO 2024/25

 CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN, FORMACIÓN PROFESIONAL E UNIVERSIDADES

CORRECCIÓN DE ERROS. Resolución de 9 de abril de 2024, da Dirección Xeneral de Formación Profesional, pola que se convocan probas de acceso ás ensinanzas deportivas para o curso 2024/25.

SUBVENCIÓNS PARA A PARTICIPACIÓN DE PERSOAS ESCRITORAS, ILUSTRADORAS , TRADUTORAS E EDITORAS NAS ACTIVIDADES QUE SE CELEBREN NO SECTOR DO LIBRO, 2024

 CONSELLERÍA DE CULTURA, LINGUA E XUVENTUDE

ORDE do 29 de abril de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a participación de persoas escritoras, ilustradoras, tradutoras e editoras nas actividades que se celebren no sector do libro, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento CT221A).

Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras do procedemento de concesión de subvencións a persoas físicas ou xurídicas, que sexan escritoras, ilustradoras, tradutoras ou editoras e que desenvolvan o seu traballo no sector do libro e no ámbito da Comunidade Autónoma galega, facilitando a súa participación en actividades do dito sector que se celebren no ano 2024 (código de procedemento CT221A).
Serán obxecto de subvención os gastos de viaxe referidos ao aloxamento e transporte que permitan a asistencia fóra de Galicia, ata un máximo de dúas actividades por solicitante, realizadas no sector do libro de entre as seguintes: feiras, festivais, seminarios, encontros, obradoiros e estadías creativas e eventos de semellante natureza.
As empresas editoras poderán designar un máximo de dúas persoas do seu cadro de persoal para que asistan a un evento cada unha ou a un único traballador/a para que asista a un máximo de dous eventos.
2. Así mesmo, ten por obxecto convocar a dita subvención para o ano 2024.

Persoas e entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde as persoas físicas, sexan autónomas ou non, ou xurídicas, que sexan escritoras, ilustradoras, tradutoras ou editoras que acrediten esta condición e desenvolvan o seu traballo no sector do libro maioritariamente no ámbito da Comunidade Autónoma galega, e que cumpran, ademais, todos os seguintes requisitos debidamente acreditados:
a) Terse inscrito, ter asistido ou participado nunha actividade subvencionable realizada no sector do libro fóra de Galicia, no prazo establecido na presente convocatoria.
b) Acreditaren o desenvolvemento do seu traballo no sector do libro maioritariamente no ámbito da Comunidade Autónoma galega.
c) Ter publicado obra en Galicia, polo menos unha obra, como persoa escritora, ilustradora, tradutora ou editora, para a cal se solicita a subvención, nos cinco anos anteriores á publicación da presente orde.
2. Non poden beneficiarse das axudas recollidas nesta orde aquelas persoas solicitantes que se atopen nos supostos previstos nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. As persoas xurídicas deben acreditar a condición de editoras ou tradutoras de acordo co establecido nesta orde, para o que deberán estar dadas de alta antes do 1 de xaneiro de 2024, na epígrafe 476.1, edición de libros, ou 774, tradutores e intérpretes, do imposto de actividades económicas, de acordo co establecido na presente orde.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 1 de xullo de 2024 (incluído).

martes, 14 de mayo de 2024

XORNADA DE PRODUCIÓN DE KIWI


 A busca de alternativas produtivas agroforestais en Galicia e a súa posible cooperativización é unha inquedanza constante que o Consello Reitor da Unión de Cooperativas AGACA desexa ofrecer ás persoas que conforman as nosas cooperativas agroalimentarias e o tecido emprendedor no rural galego. É necesario facilitar alternativas produtivas que xeren ingresos para as persoas do noso medio rural, ou mesmo que sexan actividades agroforestais complementarias ás tradicionais actividades silvopastorís.

 

Por tanto, no marco das axudas da Rede Eusumo, convocamos a Xornada de PRODUCIÓN DE KIWI que se desenvolverá online o día 23 de maio. Esta Xornada é para tratar de informar, posibilitar, asesorar e orientar ás persoas con producións e/ou inquedanzas nesta actividade coa finalidade de obter ingresos económicos da mesma de xeito que sexa unha saída económica e/ou laboral no medio rural, ou mesmo para complementar ingresos de actividades que xa están a desenvolver no mesmo. Na Xornada interveñen expertos neste ámbito, e mesmo persoas que nos contarán a súa experiencia na produción de KIWI: mercados, tendencias, zonas de posible implantación, axudas e apoios, aspectos técnicos, …. Achegamos programa previsto.

 

Dende AGACA entendemos que coas novas condicións de temperaturas ocasionadas polo cambio climático, amplíanse as comarcas galegas onde se pode producir este froito.

 

Para poder asistir e participar na Xornada PRODUCIÓN DE KIWI é preciso inscribirse previamente no seguinte enlace

https://agaca.coop/gl/ag_curso/kiwi/

SUBVENCIÓNS A FESTIVAIS DE MÚSICA 2024

 AXENCIA GALEGA DAS INDUSTRIAS CULTURAIS

RESOLUCIÓN do 25 de abril de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a festivais de música e a súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento CT302F).

Finalidade
Fixar as bases reguladoras das subvencións, en concorrencia competitiva, a festivais de música de carácter profesional celebrados en Galicia que, polas súas características, teñan un interese estratéxico para o sector e aprobar a súa convocatoria para o ano 2024.

Persoas beneficiarias
Poderán acceder a estas axudas as persoas físicas (autónomas) ou xurídicas privadas e as súas agrupacións domiciliadas en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, sempre que desenvolvan maioritariamente a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia e cuxo obxecto social lles permita a organización de actividades escénico-musicais.
Tamén poderán obter a condición de persoas beneficiarias destas subvencións as asociacións en cuxo obxecto social se recolla a capacidade para desenvolver o obxecto desta axuda.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte á publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

CONDICIÓNS DE ADHESIÓN Á MARCA FEST GALICIA 2024

 AXENCIA GALEGA DAS INDUSTRIAS CULTURAIS

RESOLUCIÓN do 23 de abril de 2024 pola que se establecen as condicións de adhesión á marca Fest Galicia e os requisitos para a realización de contratos de patrocinio con entidades privadas para a celebración de festivais de música profesionais no ano 2024 (código de procedemento CT302A).

AXUDAS PARA O FOMENTO DE PLANTACIÓNS DE CASTIÑEIRO PARA FROITO E PARA A REXENERACIÓN E/OU MELLORA DE SOUTOS TRADICIONAIS DE CASTIÑEIROS

 CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 30 de abril de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas, en concorrencia competitiva, para o fomento de plantacións de castiñeiro para froito e para a rexeneración e/ou mellora de soutos tradicionais de castiñeiros, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento MR670D). 


Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regulan as axudas para o fomento de plantacións de castiñeiro para froito e para a rexeneración e/ou mellora de soutos tradicionais de castiñeiros, en réxime de concorrencia competitiva, e convocalas para o ano 2024 a través de dúas liñas de axudas:
– Liña I: fomento de plantacións de castiñeiro para froito.
– Liña II: rexeneración e/ou mellora de soutos tradicionais de castiñeiro.
2. As axudas ampáranse nas actuacións incluídas no investimento 3 (I3), Restauración de ecosistemas e infraestrutura verde, do compoñente 4 (C4), Conservación e restauración de ecosistemas mariños e terrestres e a súa biodiversidade, do Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España, e contribuirán ao cumprimento dos obxectivos asociados a esta, de acordo ca normativa reguladora do Mecanismo de recuperación e resiliencia e do Plan de recuperación a nivel europeo e nacional.
3. As actuacións subvencionadas atenderán ao principio de «non causar dano significativo» a ningún dos obxectivos ambientais establecidos no Regulamento (UE) 2020/852 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xuño de 2020, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sustentables, e polo que se modifica o Regulamento (UE) 2019/2088.

Persoas beneficiarias
1. Serán persoas beneficiarias as entidades locais e as persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dos terreos obxecto de axuda, entendendo por titulares tanto propietarios como arrendatarios ou xestores.
2. As persoas beneficiarias deben cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e non estar incursas en ningunha clase de inhabilitación de axudas previstas no seu artigo 10. Ademais, non deben estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
3. As CMVMC deberán estar legalmente constituídas e regulamentariamente inscritas no Rexistro Provincial de CMVMC, de acordo co disposto no artigo 57 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, para poder acceder a estas subvencións e cumprir co disposto no artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e no Decreto 23/2016, do 25 de febreiro, polo que se regula o reinvestimento dos ingresos obtidos polas CMVMC en actuacións de mellora e protección forestal como moi tarde o día en que remate o prazo de solicitude da axuda.
4. Os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo deben cumprir co estipulado no artigo 126 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e no Decreto 16/2024, do 18 de xaneiro, polo que se regula o réxime xurídico e o Rexistro de Montes de Varas, Abertais, de Voces, de Vocerío ou de Fabeo.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será de 30 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

AXUDAS PARA A POSTA EN MARCHA DE CASAS NIÑO DURANTE OS ANOS 2024,2025,2026 E 2027

 CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL E IGUALDADE

ORDE do 26 de abril de 2024 pola que se establecen as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas niño durante os anos 2024, 2025, 2026 e 2027, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS403C).

Obxecto
Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas para a posta en marcha de proxectos de servizos durante os anos 2024, 2025, 2026 e 2027, destinados á atención de nenas e nenos de ata tres anos de idade, mediante o establecemento dunha casa niño, nos núcleos rurais do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia en que non exista ningún outro recurso de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade (código de procedemento BS403C).
Para os efectos desta orde, considéranse núcleos rurais as parroquias do territorio existentes nos concellos de menos de cinco mil habitantes e enténdese por recursos de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade as escolas infantís 0-3 dependentes da Axencia Galega de Servizos Sociais, as escolas infantís 0-3 dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, as escolas infantís 0-3 e puntos de atención á infancia (PAI) dependentes das corporacións locais e as escolas infantís 0-3 dependentes das entidades privadas que reciban axudas da Xunta de Galicia para a gratuidade da atención educativa. Igualmente, entenderase que existen recursos de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade se os devanditos equipamentos de tales servizos están en construción ou previstos nun documento de planificación da Administración autonómica ou local.
2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as ditas axudas para a posta en marcha dos proxectos de casas niño durante os anos 2024, 2025, 2026 e 2027.

Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas para poñer en marcha unha casa niño as persoas físicas que se establezan como empresarias autónomas e as cooperativas de traballo asociado que reúnan os seguintes requisitos:
a) Estar en posesión ou contar, cando menos, cunha persoa socia que o estea no caso de cooperativas de traballo asociado, de calquera das titulacións ou formación que se recollen a seguir, ou equivalentes, ou da formación ou experiencia seguintes:
1º. Técnico/a superior en educación infantil.
2º. Grao en mestre/a de educación infantil/educación primaria.
3º. Grao en pedagoxía, psicoloxía ou educación social.
4º. Diploma que acredite ter realizado o curso de formación integral ou o curso de formación complementaria para futuros/as profesionais das casas niño impartidos pola Xunta de Galicia.
5º. Formación acreditada en áreas relacionadas coa atención á infancia e coidados infantís ou experiencia profesional acreditada neste ámbito.
b) Residir nun núcleo rural do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia en que non exista ningún recurso de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade, ou facelo con anterioridade á posta en marcha do proxecto.
c) Contar cun inmoble nun núcleo rural do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia en que non exista ningún recurso de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade, ou dispoñer del con anterioridade á posta en marcha do proxecto. O dito inmoble estará dotado cos seguintes recursos, para os cales poderá pedir esta axuda:
1º. Sistema de calefacción que cubra todas as estancias dedicadas ao desenvolvemento da iniciativa e conte coa protección dos elementos calefactores precisa para evitar as queimaduras por contacto, os atrapamentos ou outros riscos para a integridade das e dos menores.
2º. Unha sala con iluminación e ventilación naturais directas dun mínimo de 20 metros cadrados, distribuída e organizada con criterios de flexibilidade para dar resposta ás distintas necesidades das nenas e nenos de 0-3 anos.
3º. Dúas zonas, unha para o descanso e outra para a hixiene infantil. A zona de descanso e, de ser o caso, o mesado cambiador, poderán estar integrados na sala principal.
4º. Unha zona para a preparación, almacenamento e conservación de alimentos dotada, cando menos, dun mesado, frigorífico, vertedoiro e microondas.
5º. Elementos de protección como enchufes de seguridade infantil, sempre que se sitúen por debaixo de 1,5 metros, protectores de dedos nas dúas caras das portas, seguros de ventás, barreira de seguridade con porta en zonas con diferentes alturas ou escaleiras e extintor/es para a protección contra incendios.
6º. Un mobiliario e equipamento básico para a atención das nenas e nenos que incluirá, como mínimo, un cambiador de cueiros, berces, sabas, mantas, colchóns, contedor de cueiros, ouriñais, tronas, hamacas, adaptadores de inodoro e materiais didácticos e de xogo axeitados para as idades dos nenos e nenas e con marcación de conformidade europea (CE).
En todo caso, o mobiliario deberá ter bordos romos ou protectores que os cubran para que careza de arestas. Así mesmo, na sala e na zona de descanso, no suposto de estaren nunha estancia separada, os materiais dos solos e das paredes ata unha altura de 1,5 metros deberán ser cálidos, lisos, non porosos, facilmente lavables e aptos para a súa desinfección. Na sala deberá crearse unha superficie continua e non esvaradía, axeitada para gatear.
As estancias e zonas anteriormente citadas deben estar situadas nun único andar. No caso de tratarse dun inmoble non destinado a vivenda, este deberá estar, ademais, en planta baixa.
d) Dispoñer dun plan de actuación cos/cas nenos/as para atender eventuais emerxencias que se poidan producir na casa niño.
e) Acreditar o estado de saúde cunha revisión médica anual. No caso de cooperativas de traballo asociado, esta acreditación deberá estar referida á/ás persoa/s socia/s que desenvolvan o proxecto.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

lunes, 13 de mayo de 2024

AXUDAS Á COLABORACIÓN NO FINANCIAMENTO DE INTERVENCIÓNS ARQUEOLÓXICAS 2024

 CONSELLERÍA DE CULTURA, LINGUA E XUVENTUDE

ORDE do 29 de abril de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas destinadas á colaboración no financiamento de intervencións arqueolóxicas e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento CT104B).

Finalidade
A concesión de axudas, polo procedemento abreviado de concorrencia non competitiva, aos promotores particulares de calquera tipo de obras que afecten un conxunto histórico, zona arqueolóxica ou xacementos catalogados ou inventariados, nos casos en que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ou a figura de planeamento vixente determine a necesidade de realizar intervencións arqueolóxicas, en concepto de colaboración no financiamento do custo da execución do proxecto arqueolóxico realizado de acordo cos requisitos establecidos nos artigos 96 e 97 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

Persoas beneficiarias
Empresarios (persoas físicas ou xurídicas) e as persoas físicas e xurídicas sen ánimo de lucro que promovesen as intervencións arqueolóxicas comprendidas no ámbito da presente orde, desenvoltas en bens inmobles de titularidade privada, sempre que non se atopen en ningún dos supostos dos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei de subvencións de Galicia, e que cumpran os seguintes requisitos:
a) Que as actuacións arqueolóxicas estean autorizadas e fosen realizadas desde o ano 2017 en diante e estean finalizadas na data de publicación desta orde.
b) Que as actuacións se desenvolvesen conforme os proxectos arqueolóxicos presentados e se cumprisen as obrigas de responsabilidade da dirección, de acordo co establecido no Decreto 199/1997, que regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia.
c) Que se acredite a presentación e a entrega dos correspondentes informes valorativos ou das memorias técnicas e da acta de depósito dos materiais de acordo co citado Decreto 199/1997.

Prazo de presentación de solicitudes
Un mes desde o día seguinte ao da publicación deste extracto no Diario Oficial de Galicia.

AMPLIACIÓN DE PRAZO DE SOLICITUDE DO PROGRAMA RETORNA TALENTO FP

 CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN, CIENCIA, UNIVERSIDADES E FORMACIÓN PROFESIONAL

ORDE do 8 de maio de 2024 pola que se acorda a ampliación do prazo para a presentación de solicitudes no procedemento regulado na Orde do 28 de febreiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o programa Retorna Talento FP, para persoas galegas residentes no estranxeiro interesadas en retornar e cursar determinados estudos de formación profesional que se inicien no curso académico 2024/25 en centros educativos de Galicia (código de procedemento ED333B).

BOLSAS PARA A FORMACIÓN DE PERSOAS EXPERTAS EN COOPERACIÓN INTERNACIONAL PARA O DESENVOLVEMENTO 2024

 CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, XUSTIZA E DEPORTES

ORDE do 29 de abril de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de bolsas para a formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento PR809A).

Obxecto
Estas bases teñen por obxecto regular a convocatoria de seis bolsas para a formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento (código de procedemento PR809A).
Os destinos das bolsas serán en Santiago de Compostela, na sede da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea ou, fóra desta, nas oficinas da cooperación española (OCE) da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento.
As bolsas reguladas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

Persoas beneficiarias
As persoas beneficiarias das bolsas serán persoas tituladas universitarias e con veciñanza administrativa en Galicia.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

SUBVENCIÓNS PARA A EXECUCIÓN DE PROXECTOS DE ACCIÓN HUMANITARIA NO EXTERIOR 2024

 CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, XUSTIZA E DEPORTES

ORDE do 26 de abril de 2024 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de acción humanitaria no exterior e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento PR811A).

Obxecto
Estas bases regulan a concesión de subvencións ás organizacións non gobernamentais para a execución de proxectos de acción humanitaria no exterior (procedemento PR811A).
Enténdese por proxectos de acción humanitaria, consonte a iniciativa da Boa Doazón Humanitaria (GHD, nas súas siglas en inglés), aqueles destinados a salvar vidas, aliviar o sufrimento e manter a dignidade humana durante e despois das crises –provocadas por seres humanos ou por desastres naturais–, así como os destinados á prevención e reforzo da capacidade de resposta e a resiliencia para cando se produzan estas situacións.
A acción humanitaria inclúe a protección de vítimas, así como a provisión de auga, comida, saneamento, refuxio, atención sanitaria e outros tipos de asistencia, emprendidos a favor das persoas afectadas, para facilitar o retorno á vida normal e aos seus medios de vida e sustento; tamén incorpora a redución e prevención do risco de desastres.

Entidades beneficiarias
As entidades beneficiarias da concesión de subvencións serán as organizacións non gobernamentais que estean inscritas na sección A: organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento, do Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento e que teñan entre os seus fins o desempeño de actuacións de acción humanitaria ou que demostren contrastada experiencia neste sector.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

AXUDAS Á IMPLANTACIÓN DE MEDIDAS PARA O AVANCE NO CUMPRIMENTO DE CRITERIOS AMBIENTAIS, SOCIAIS E DE GOBERNANZA (ASG) NAS PEMES GALEGAS PARA 2024

 INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 26 de abril de 2024 pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas á implantación de medidas para o avance no cumprimento de criterios ambientais, sociais e de gobernanza (ASG) nas pemes galegas para o ano 2024, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG300F).

Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e teñen por obxecto a posta en marcha de proxectos para o desenvolvemento e mellora de factores ASG (ambientais, sociais e de gobernanza) nas pemes, cuxa finalidade sexa o desenvolvemento e implantación de solucións avanzadas para a produción, transporte e distribución de materias primas, compoñentes, semielaborados e produtos finais, acadando reducións e aforros na utilización de recursos naturais, auga e enerxía e diminucións na xeración de refugallos, subprodutos ou desperdicios, coa tendencia de converter os refugallos en recursos de uso en outros procesos produtivos; e tamén aquelas actuacións dirixidas a desenvolver a responsabilidade social empresarial e avanzar nos mellores modelos de gobernanza nas organizacións.

Persoas beneficiarias
As pequenas e medianas empresas (pemes), segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño de 2014), calquera que sexa a súa forma xurídica, incluídos aos empresarios autónomos, e que teñan un centro de traballo en Galicia no cal se vaia realizar o proxecto.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes, que en ningún caso será inferior a un mes, iniciarase o día hábil seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia desde as 8.00 horas e ata as 14.00 horas do día 15 de setembro de 2024, agás que antes desa data se produza o suposto de esgotamento do crédito.

martes, 7 de mayo de 2024

PROBAS DE ACCESO ÁS ENSINANZAS DEPORTIVAS PARA O CURSO 2024/25

CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN, FORMACIÓN PROFESIONAL E UNIVERSIDADES

RESOLUCIÓN do 9 de abril de 2024, da Dirección Xeral de Formación Profesional, pola que se convocan probas de acceso ás ensinanzas deportivas para o curso 2024/25.

Lugar, prazo e forma de presentación das solicitudes
1. A solicitude de inscrición, tal como indica o artigo 27.1 da Orde do 22 de xullo de 2021, presentarase na secretaría dalgún dos centros públicos docentes vinculados a cada modalidade deportiva, segundo consta na relación do anexo IV. Na modalidade deportiva de fútbol deberá presentarse necesariamente na secretaría do centro elixido para realizar a proba específica.

2. O prazo de inscrición na proba substitutiva do requisito de titulación de educación secundaria obrigatoria e/ou na proba específica de grao medio será o comprendido entre o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e o día 26 de xuño de 2024, ambos incluídos.

3. O prazo de inscrición na proba substitutiva do requisito de titulación de bacharelato será o comprendido entre o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e o día 20 de maio de 2024, ambos incluídos.

4. Para tal fin, os centros docentes deberán expoñer nos seus taboleiros de anuncios o seguinte:

a) Normativa reguladora do procedemento de inscrición nas probas de acceso ás ensinanzas deportivas.
b) Calendario de publicación da listaxe provisional e definitiva de solicitudes admitidas e excluídas, así como dos prazos para presentar reclamacións.
c) Calendario e procedemento para formalizar a matrícula.

5. Os centros docentes facilitaranlles ás persoas interesadas o modelo de solicitude de inscrición para a realización das probas.

6. Á solicitude de inscrición achegarase a documentación que proceda, segundo o caso, para a acreditación dos datos consignados:

a) Copia do DNI, NIE ou pasaporte da persoa solicitante.
b) Orixinal da solicitude de inscrición conforme o modelo facilitado polo centro docente.
c) Xustificante do aboamento dos prezos públicos segundo o Decreto 89/2013, do 13 de xuño, polo que se fixan os prezos públicos correspondentes aos estudos conducentes á obtención dos títulos oficiais nas ensinanzas de música e artes escénicas, de idiomas, deportivas, de conservación e restauración de bens culturais e nos estudos superiores de deseño, salvo en caso de estar exento/a do pagamento.
d) En caso de bonificación ou exención no pagamento do prezo público, documento que o acredite.
e) Certificación académica en que conste o expediente académico e/ou depósito dalgún dos seguintes títulos:
1º. Título de graduado en educación secundaria obrigatoria ou título de bacharelato (ou declarados equivalentes para os efectos académicos), ou certificación académica en que figure que se realizou o depósito do correspondente título.
2º. Título de técnico superior.
3º. Título universitario.
f) Certificado de estudos do ciclo formativo en que figuren as cualificacións das materias cursadas e en que figure que se realizou o depósito do correspondente título.
g) Certificado de superación da proba substitutiva do requisito de titulación, de grao medio ou superior, de acceso ás ensinanzas deportivas.
h) Certificado de superación da proba substitutiva de titulación para acceder aos ciclos formativos de grao medio ou superior de artes plásticas e deseño.
i) Certificado de superación da proba de acceso aos ciclos formativos de grao medio ou superior (parte común) de formación profesional.
j) Certificado de superación da proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos.
k) Certificado de superación da proba substitutiva de titulación para acceder ás ensinanzas artísticas superiores.
l) Resolución do órgano competente en materia de deporte pola que se acredita a consideración de deportista de alto nivel ou de alto rendemento.
m) Certificado de méritos deportivos expedido pola federación española ou autonómica correspondente.
n) Para titulacións obtidas no estranxeiro, achegarase a declaración responsable para a inscrición condicionada, tal como se establece na Orde do 9 de xullo de 2018 reguladora do procedemento de homologación e/ou validación de títulos e estudos estranxeiros de ensinanzas non universitarias.
ñ) Certificado do recoñecemento do grao de discapacidade.

7. As persoas solicitantes da exención da realización da proba substitutiva do requisito de titulación por superar totalmente as probas de acceso á universidade para maiores de 25 anos poderán quedar total ou parcialmente exentas de realizar esta proba, segundo o establecido no punto décimo da Orde do 24 de marzo de 2003 pola que se regulan as probas de madureza e de carácter específico para o acceso ás ensinanzas deportivas, polo que deberán achegar o certificado correspondente onde conste a opción efectuada e a puntuación conseguida. A resolución sobre a exención correspóndelle ao tribunal avaliador.

8. As persoas solicitantes que deban realizar a proba substitutiva do requisito de titulación farano constar na epígrafe correspondente na solicitude de inscrición. No caso de non superar a dita proba, non serán admitidas na proba de carácter específico.


jueves, 2 de mayo de 2024

SUBVENCIÓNS PARA PROXECTOS DE EQUIPAMENTO DE APROVEITAMENTO DE ENERXÍAS RENOVABLES ELÉCTRICAS E DE AFORRO E EFICIENCIA ENERXÉTICA NAS EMPRESAS DE PRODUCCIÓN AGRÍCOLA PRIMARIA PARA O ANO 2024

 AXENCIA INSTITUTO ENERXÉTICO DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 18 de abril de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para proxectos de equipamentos de aproveitamento de enerxías renovables eléctricas e de aforro e eficiencia enerxética nas empresas de produción agrícola primaria para o ano 2024, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da política agrícola común 2023-2027 en Galicia (código de procedemento IN421L).

Obxecto
Regular a concesión de subvencións para a instalación de equipamentos de aproveitamento de enerxías renovables eléctricas e de aforro e eficiencia enerxética nas empresas de produción agrícola primaria que cumpran cos requisitos e condicións establecidos no articulado desta resolución.

Persoas beneficiarias
1. Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases:
a) As empresas legalmente constituídas e os empresarios autónomos, que teñan domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia, incluídas no sector de produción agrícola primaria.
Para os efectos desta resolución, consideraranse sector de produción agrícola primaria as actividades incluídas na sección A e, en concreto, as clases da 1.11 á 02.40 do CNAE-2009, ambas incluídas. Tamén serán subvencionables as actividades recollidas no IAE que se correspondan con estas clases do CNAE 2009.
b) As empresas de servizos enerxéticos que xestionen total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía. Os centros de consumo en que se actúe deben estar situados en Galicia e corresponder a empresas incluídas no ámbito de actuación destas bases e, en concreto, desenvolver algunha das actividades recollidas na alínea anterior.

Contía da axuda
A contía da axuda será do 30 % do custo elixible da nova instalación, cun máximo de 100.000 € por proxecto e de 300.000 € por empresa, salvo no suposto de instalacións de autoconsumo colectivo en que se establece unha axuda máxima de 500.000 € por proxecto e de 500.000 € por empresa. A intensidade da axuda incrementarase un 20 % no caso de axudas concedidas a pequenas empresas e un 10 % no caso de medianas empresas.

Forma e prazo de presentación de solicitudes
1. As solicitudes (anexo I) subscribiranas directamente os interesados ou persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.
2. O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao de publicación desta resolución no DOG, ás 9.00 horas. Se o remate do prazo coincide en día inhábil prorrogarase ata o seguinte día hábil.
3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega. Para o acceso á aplicación de presentación das solicitudes será necesario o NIF e o contrasinal determinado polas persoas interesadas.

Prazo para a execución da instalación
A data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 15 de outubro de 2024.