martes, 8 de agosto de 2023

SUBVENCIÓNS EMPRENDEMENTO PLUS 2023-2024

CONSELLERÍA DE PROMOCIÓN DO EMPREGO E IGUALDADE

ORDE do 13 de xullo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións Emprendemento Plus para apoiar o investimento e a creación de emprego co obxectivo de fortalecer e consolidar iniciativas de emprendemento de persoas autónomas e pemes, susceptibles de seren cofinanciadas no marco do programa Galicia Feder 2021-2027 (apoio ao investimento) e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para as anualidades 2023-2024 (código de procedemento TR880B).

Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria pública de subvencións Emprendemento Plus para iniciativas de emprendemento de persoas traballadoras autónomas e pequenas e medianas empresas, que na data de presentación de solicitude de axuda non teñan máis de 42 meses de antigüidade desde a data de constitución ou alta, así como a data de inicio da súa actividade económica, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2023 (código de procedemento TR880B), a través dos seguintes programas de axudas:
a) Programa I. Emprendemento Plus Investimento.
Este programa ten por obxecto apoiar a continuidade e a consolidación de iniciativas de emprendemento de persoas autónomas e pemes que teñan unha antigüidade máxima de 42 meses, mediante o apoio de investimentos realizados nas iniciativas obxecto da axuda, tal e como se describe no artigo 25 da convocatoria.
b) Programa II. Emprendemento Plus Emprego
Este programa ten por obxecto o fomento e a consolidación do emprego por parte de autónomos e pequenas empresas de nova creación (máx. 42 meses) para promover a contratación de persoas desempregadas.
A finalidade deste programa é xerar emprego estable para persoas desempregadas, mediante unhas liñas de incentivos á contratación por conta allea, cuxas particularidades se recollen no artigo 27, e que inclúe dúas modalidades de axudas:
a) Incentivos á contratación indefinida inicial de persoas desempregadas.
b) Incentivos á contratación de fixos descontinuos, para contratos de duración dun mínimo de 9 meses e a xornada completa.
2. Estes dous programas (investimento e emprego) obxecto da convocatoria son compatibles entre si, pero para optar ao Programa II Emprendemento Plus Emprego, será necesario solicitar a axuda ao investimento establecida no Programa I Emprendemento Plus Investimento.
Para poder optar ao Programa I: Investimento non é necesario solicitar o Programa II de Emprego.
3. A finalidade, polo tanto, é apoiar o fortalecemento e consolidación de iniciativas de emprendemento que teñan unha antigüidade máxima de 42 meses, para impulsar a creación de emprego mediante axudas á consolidación de actividades económicas viables, que deben contribuír á diversificación económica, crecemento de emprego, sustentabilidade e equilibrio territorial, tanto en termos económicos como sociais. En concreto, iniciativas de emprendemento destinadas ás seguintes actividades:
1. Industrias, fábricas e locais destinados á produción de bens e materiais.
2. Transformación e/ou comercialización de produtos
3. Prestación de servizos a empresas en calquera sector (agricultura, silvicultura, sector industrial e de servizos…).
4. Prestación de servizos sociais (gardarías, coidado de anciáns, de persoas con discapacidade, granxas escola…).
5. Actividades de ocio, recreativas, deportivas.
6. Artesanía e actividades artesanais.
7. Actividades baseadas nas TIC, innovación tecnolóxica e comercio electrónico.
8. Actividades nos sectores da enxeñaría, arquitectura, servizos técnicos, limpeza industrial, contabilidade, veterinaria e formación.
9. Comercio polo miúdo de produtos.
10. Sector hostalaría: exclusivamente dirixido á creación de novos hoteis e restaurantes situados en construcións patrimoniais singulares (pazos, muíños, patrimonio industrial, pallozas, faros…) que fagan uso do produto de proximidade co obxectivo de desenvolver propostas de valor arredor de recursos naturais, patrimoniais, culturais e turísticos.

Entidades beneficiarias e requisitos
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas traballadoras autónomas, as sociedades mercantís, as sociedades cooperativas e laborais, empresas de inserción, centros especiais de emprego, así como entidades sen personalidade xurídica tales como comunidades de bens, sociedades civís etc., sempre que cumpran a condición de peme segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías).
2. Para seren beneficiarias deberán cumprirse os dous requisitos seguintes:
a) Que se constitúan ou dean de alta, segundo a natureza xurídica da entidade que se trate, con 42 meses de antigüidade como máximo ata a data de presentación da solicitude.
b) Que iniciasen a súa actividade económica con 42 meses de antigüidade como máximo ata a data de presentación da solicitude.
3. Cando se trate de agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas sen personalidade xurídica, segundo o descrito no artigo 8.3 da Lei 9/2007, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán, igualmente, a consideración de beneficiarias. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigacións que, como beneficiario, corresponden á agrupación.
4. As persoas interesadas e as iniciativas de emprendemento deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Que teñan o seu domicilio social, fiscal e/ou un centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Que sexan viables técnica, económica e financeiramente.
c) Figurar inscritas como tales nos correspondentes rexistros administrativos da Comunidade Autónoma de Galicia e ter efectuado a comunicación previa do inicio da actividade ou da apertura do establecemento segundo o previsto no artigo 24 da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.
d) Ter presentado, de ser o caso, as contas anuais do último ano no Rexistro Mercantil ou no Rexistro de Cooperativas, segundo corresponda á súa forma xurídica.
e) Ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.
f) Estar ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e da Seguridade Social para obter subvencións.
g) Non ter sido sancionadas mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións.
h) Estar de alta no imposto de actividades económicas.
i) Desenvolver a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia (segundo a alta no imposto de actividades económicas ou no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal de Administración Tributaria, modelo 036 ou 037).
5. Establécense as seguintes excepcións:
a) Establecidas polo artigo 4 da Lei 9/2013, do 19 de decembro, de emprendemento de Galicia:
Non se considerarán persoas emprendedoras:
i) As persoas físicas con relación a aquelas actividades que se leven a cabo no ámbito de dirección e organización doutra persoa física ou xurídica; singularmente, as denominadas persoas traballadoras autónomas dependentes previstas no capítulo III do título II da Lei 20/2007, do 11 de xullo, reguladora do Estatuto do autónomo.
ii) As persoas físicas cuxa actividade económica se leva a cabo a través dunha sociedade patrimonial.
iii) As persoas físicas cuxa actividade se limita pura e simplemente á mera tenza de capital ou ao desempeño do cargo de conselleiro/a ou membro dos órganos de administración nas empresas que revistan a forma xurídica de sociedade.
iv) As persoas físicas ou as persoas xurídicas en que algún/algunha dos/as seus/súas socios/as se encontre inhabilitado/a, en España ou no estranxeiro, como consecuencia dun procedemento concursal, se encontre procesado/a ou, tratándose do procedemento a que se refire o título III do libro IV da Lei de axuizamento criminal, se teña ditado auto de apertura do xuízo oral, ou teña antecedentes penais, por delitos de falsidade contra a facenda pública e contra a Seguridade Social, de infidelidade na custodia de documentos e violación de segredos, de branqueo de capitais, de receptación e outras condutas afíns, de malversación de bens públicos, contra a propiedade, ou que estea inhabilitado/a ou suspendido/a, penal ou administrativamente, para exercer cargos públicos ou de administración ou dirección de entidades financeiras.
v) No caso de sociedades unipersoais ou persoas autónomas, non poderán ser consideradas emprendedoras as persoas que teñan a condición de socio ou socia único/a noutra empresa unipersoal ou que leven dados de alta no réxime de persoas autónomas máis de corenta e dous meses.
vi) As persoas físicas ou as persoas xurídicas mentres desenvolvan actividades relacionadas coa actividade bancaria, seguros e fondos de pensións, e aquelas que afecten a seguridade nacional.
b) Establecidas pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:
Non poderán ter a condición de beneficiarias as empresas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño), ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada lei de subvencións.
c) Así mesmo, non se concederán axudas ás pequenas e medianas empresas que desenvolvan as seguintes actividades:
i) A fabricación de armamento, armas e municións.
ii) Os xogos de azar coas instalacións conexas.
iii) A transformación ou distribución de tabaco.
iv) As actividades de venda e/ou alugamento de inmobles.
6. O/as solicitantes da axuda cubrirán no formulario electrónico de solicitude unha declaración responsable de non atoparse en ningunha situación que as exclúa de ser beneficiarias conforme este artigo.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para presentar solicitudes de axudas Emprendemento Plus será dun mes contado desde o día seguinte hábil ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.