lunes, 28 de agosto de 2023

AXUDAS DE APOIO Á ETAPA PREDOUTORAL NAS UNIVERSIDADES DO SISTEMA UNIVERSITARIO DE GALICIA

 CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN, FORMACIÓN PROFESIONAL E UNIVERSIDADES

ORDE do 1 de agosto de 2023, conxunta da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e da Consellería de Economía, Industria e Innovación, pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas de apoio á etapa predoutoral nas universidades do Sistema universitario de Galicia, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema galego de I+D+i, cofinanciadas parcialmente no ámbito das universidades do Sistema universitario de Galicia pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2023 (códigos de procedemento ED481A e IN606A).

Obxecto
O obxecto desta convocatoria é outorgar axudas ás universidades do SUG, aos organismos públicos de investigación de Galicia, ás fundacións de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación Profesor Novoa Santos, Fundación Biomédica Galicia Sur) e aos centros do CSIC radicados en Galicia que contraten persoas tituladas superiores para a súa formación como doutoras e doutores nos seus centros.
Este programa procura a formación de persoas investigadoras para a obtención do título de doutora ou doutor e a adquisición das competencias e habilidades relacionadas coa investigación dentro dun programa de doutoramento. Tamén ten por obxecto financiar a contratación laboral durante un período de capacitación para a formación posdoutoral dunha duración máxima dun ano de aquelas persoas contratadas predoutorais que obteñan o título de doutora ou doutor antes do inicio do último ano de contrato.
Ademais, co obxecto de que poidan acadar a mención de doutora ou doutor internacional, de acordo co establecido no Real decreto 99/2011, do 28 de xaneiro, fináncianse estadías de tres meses de duración no estranxeiro.

Entidades beneficiarias
As universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG), os organismos públicos de investigación de Galicia, as fundacións de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación Profesor Novoa Santos, Fundación Biomédica Galicia Sur) e os centros do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), que contraten as persoas seleccionadas a través dun contrato predoutoral de duración determinada e con dedicación a tempo completo, en virtude do cal a persoa seleccionada quedará vinculada á institución onde desenvolva a súa actividade, asumindo ambas as partes as obrigas contractuais que deriven del e que, en todo caso, se adecuarán ao contido da solicitude de axuda.
Poderán acceder a estas axudas os organismos e entidades sinalados no parágrafo anterior que presenten como candidatas a ser destinatarias delas persoas que cumpran, na data de peche da convocatoria, os requisitos que se indican no artigo 2 da convocatoria.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación será dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.