martes, 8 de agosto de 2023

PROGRAMA UNICO-BONO SOCIAL

 AXENCIA PARA A MODERNIZACIÓN TECNOLÓXICA DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 4 de xullo de 2023 pola que se convocan subvencións para o ano 2023, en réxime de concorrencia non competitiva, do Programa de emisión de bonos dixitais para colectivos vulnerables (Programa UNICO-Bono social), enmarcado no investimento C15.I3 do compoñente 15 do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU (código de procedemento AP400A).

Obxecto
1. Convocar a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, do Programa de emisión de bonos dixitais para colectivos vulnerables (Programa UNICO-Bono social), enmarcado no investimento C15.I3 do compoñente 15 do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, para o exercicio 2023.
2. Aprobar o formulario que se inclúe como anexo I da resolución para a solicitude dos bonos dixitais para a conectividade de colectivos vulnerables no exercicio 2023.
3. Así mesmo, aprobar tamén os anexos II, III, IV e V como documentación complementaria para a solicitude dos bonos no ano 2023, nos termos recollidos na bases reguladoras aprobadas pola Resolución do 28 de xullo de 2022, da directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

Beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias do bono dixital as persoas que xa sexan beneficiarias das prestacións públicas da renda de inclusión social de Galicia (Risga) da Xunta de Galicia ou do ingreso mínimo vital (IMV) do Goberno de España.
2. Así mesmo, tamén poderá ser beneficiaria calquera outra persoa física maior de idade con ausencia ou déficit grave de recursos económicos ou que se encontre en situación ou risco de exclusión social. No caso da exclusión social, verificarase a concorrencia adicional dalgún dos factores de exclusión establecidos no artigo 3 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.
3. Considerarase ausencia ou déficit grave de recursos económicos cando na unidade familiar o nivel de renda sexa igual ou inferior a:
a) 1,25 veces o IPREM, se non existe unidade familiar ou non hai menores nela.
b) 1,75 veces o IPREM, se hai menores na unidade familiar.
4. En calquera caso, as persoas beneficiarias deberán estar empadroadas e ter residencia constatada polos servizos sociais comunitarios básicos en calquera dos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia.
5. Non poderán obter a condición de beneficiarias aquelas persoas nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursas nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable da persoa interesada, con independencia das comprobacións que efectúe o órgano xestor.
6. Só se poderá conceder un bono dixital por persoa física e por unidade familiar. Entenderase por unidade familiar, segundo o establecido no artigo 82 da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas e de modificación parcial das leis dos impostos sobre sociedades, sobre a renda de non residentes e sobre o patrimonio:
a) A integrada polos cónxuxes non separados legalmente e, se os houbese:
1.º Os fillos menores, con excepción dos que, co consentimento dos pais, vivan independentes deles.
2.º Os fillos maiores de idade incapacitados xudicialmente suxeitos a patria potestade prorrogada ou rehabilitada.
b) Nos casos de separación legal, ou cando non existise vínculo matrimonial, a formada polo pai ou a nai e todos os fillos que convivan cun ou con outro e que reúnan os requisitos a que se refire a letra a) deste artigo.

Presentación de solicitudes
1. O prazo para presentar as solicitudes dos bonos dixitais comezará o día seguinte ao da publicación no DOG desta relación e rematará o 15 de novembro de 2023.
2. As persoas interesadas poderán presentar as solicitudes, preferiblemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado, anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes tamén presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Para a presentación das solicitudes electrónicas poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
3. Recoméndase a presentación de solicitudes a través dun/dunha autorizado/a, como pode ser o/a traballador/a social do correspondente concello. Neste caso, o/a traballador/a social deberá achegar, xunto coa solicitude, a autorización para a presentación electrónica recollida no anexo V da convocatoria.