martes, 8 de agosto de 2023

AXUDAS BONOS TALENTO EMPRESA 2023-2024

 CONSELLERÍA DE PROMOCIÓN DO EMPREGO E IGUALDADE

ORDE do 3 de xullo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas Bonos Talento empresa, para a realización de proxectos formativos de curta duración que desenvolvan as entidades beneficiarias, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2023-2024 (código de procedemento TR302D).

Obxecto e finalidade
1. Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión dos Bonos Talento empresa, destinados á formación non formal mediante a realización de proxectos formativos de curta duración que teñan como obxectivo mellorar as capacidades das empresas e contribuír ao desenvolvemento profesional dos seus cadros de persoal.
2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse estas axudas para o período 2023-2024, en réxime de concorrencia non competitiva, e as axudas concedidas no marco desta orde axustaranse ao establecido no Regulamento (UE) nº 651/2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.

Entidades beneficiarias
1. Poderán solicitar as subvencións previstas nesta orde as microempresas e pequenas empresas, así como as entidades do terceiro sector da acción social, segundo as definicións do artigo 3 desta orde, validamente constituídas e con actividade ininterrompida, cando menos, desde tres anos antes da data de publicación desta convocatoria, con centro de traballo en Galicia, onde deberán desenvolver a actividade para a cal solicitan a subvención, que posúan capacidade técnica e financeira suficiente para a execución das accións subvencionadas e non incorran nas circunstancias establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Non poderán ser beneficiarias dos Bonos Talento empresa as microempresas e pequenas empresas en crise segundo as definicións do artigo 3 desta orde, nin aquelas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
2. Tamén poderán ser beneficiarias as persoas traballadoras autónomas que teñan contratadas ao seu cargo persoas traballadoras por conta allea, validamente inscritas no réxime especial de traballadores autónomos ou no réxime especial de traballadores do mar por conta propia, con centro de traballo en Galicia e cunha antigüidade como cotizante igual ou superior a tres anos ininterrompidos inmediatamente anteriores á data de publicación desta convocatoria.
Non poderán ser beneficiarias as persoas traballadoras autónomas en situación de autoemprego societarias, en calquera das súas formas. Así mesmo, quedan excluídas desta orde as persoas traballadoras autónomas colaboradoras e familiares que, de maneira habitual, realizan traballos para persoas traballadoras autónomas ou mutualistas de colexio profesional e que non teñan a condición de persoas traballadoras por conta allea conforme o establecido no artigo 1.3.e) do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro.
3. Non poderán ser entidades beneficiarias destas axudas as administracións públicas, as sociedades públicas, as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas, os centros especiais de emprego, as entidades de formación, así como as entidades sen ánimo de lucro, agás as entidades do terceiro sector da acción social, de conformidade coa definición do artigo 3 desta orde. Así mesmo, non poderán ser beneficiarias as persoas socias de sociedades mercantís ou sociedades laborais.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia ata o 29 de setembro de 2023, ou ata que se produza o esgotamento do crédito asignado a esta convocatoria. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.