miércoles, 9 de agosto de 2023

AXUDAS A EMPRESAS, AUTÓNOMOS, ASOCIACIÓNS E FUNDACIÓNS DE GALICIA PARA O FINANCIAMENTO DE ACTUACIÓNS EN MATERIA DE RESIDUOS DE COMPETENCIA MUNICIPAL

 VICEPRESIDENCIA SEGUNDA E CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E VIVENDA

ORDE do 26 de xullo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a empresas, autónomos, asociacións e fundacións de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da Unión Europea no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2023 e 2024 (código de procedemento MT975R).

Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de subvencións, polo procedemento de concorrencia competitiva, a empresas, autónomos, asociacións e fundacións de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para o ano 2023 e 2024 (código de procedemento MT975R).

Entidades beneficiarias
1. Con carácter xeral, poderán ser beneficiarias destas axudas, pequenas e medianas empresas (pemes), segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado da UE (Regulamento xeral de exención por categorías), calquera que fose a súa forma xurídica que, cumprindo o establecido neste artigo, desenvolvan ou materialicen o proxecto ou actuación obxecto da subvención no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, así como as grandes empresas, que se entenderá que cumpren a dita condición ao non poder ser consideradas pemes, conforme o anexo I do Regulamento (UE) nº 651/214 da Comisión, do 17 de xuño de 2014.
2. Considerarase empresa, para os efectos das presentes bases reguladoras, e segundo o artigo 1 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, toda entidade, independentemente da súa forma xurídica, que exerza unha actividade económica incluídas as asociacións e fundacións sen ánimo de lucro. Inclúense nesta definición, en particular, os autónomos, comunidades de bens e calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda que carecendo de personalidade xurídica, leven a cabo actividade empresarial.
3. Cando se trate de agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica e sempre que se axuste ao sinalado no punto 2 deste artigo, poidan desenvolver o proxecto, actividade ou comportamento para o que se solicita a axuda deberase facer constar expresamente tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada un dos integrantes da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a condición de beneficiarios. Deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación con poderes bastantes para cumprir coas obrigas propias dos beneficiarios dunha subvención. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 39 e 65 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4. Unha empresa non pode concorrer á convocatoria de maneira simultánea e para a mesma actuación de maneira individual e a través dunha agrupación en que se integre. De darse o caso, inadmitirase a solicitude que, de conformidade coa data de presentación, fose posterior no tempo. En cambio, si será posible que unha mesma empresa concorra a esta convocatoria de maneira simultánea para as diferentes liñas subvencionables a que se refire o artigo 3, para o que deberá presentar unha solicitude para cada unha das liñas subvencionables, de ser o caso.
5. Non poderán ter a condición de beneficiarios:
a) As entidades ou empresas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
b) As entidades ou empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise ao abeiro da definición do artigo 2.18 do Regulamento xeral de exención (Regulamento (UE) nº 651/2014), sempre que a situación de empresa en crise fose anterior ao 31 de decembro de 2019.
c) As entidades ou empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
d) No caso de que a subvención supere os 30.000 € e a entidade solicitante estea incluída no ámbito de aplicación subxectivo da Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade en operacións comerciais, e cumpra os requisitos establecidos no artigo 258 do Real decreto lexislativo 1/2010, do 2 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de sociedades de capital para os efectos de presentación da conta de perdas e ganancias abreviada, as empresas que incumpran os prazos de pagamento previstos na mencionada lei.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.