martes, 8 de agosto de 2023

PROGRAMA DESEÑAPEME E INNOVAPEME 2023

 AXENCIA GALEGA DE INNOVACIÓN

RESOLUCIÓN do 29 de xuño de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a mellora da capacidade de innovación das empresas en Galicia, a través do financiamento das actividades integradas en plans de deseño para a innovación e a sustentabilidade e plans de innovación en procesos e organización (Deseñapeme e Innovapeme), cuxa actividade se enmarca nas prioridades estratéxicas da RIS3, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento IN848D).

Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión das axudas da Axencia Galega de Innovación dirixidas ás microempresas, pequenas e medianas empresas (pemes) con domicilio social ou centro de traballo en Galicia, destinadas ao financiamento das actividades integradas en plans de deseño para a innovación e a sustentabilidade e en plans de innovación en procesos e organización, segundo a súa finalidade, e que lles permitan o fortalecemento naquelas áreas que sexan relevantes para a sistematización e internacionalización dos procesos de innovación da empresa, e estean aliñados cos retos da RIS3 para Galicia (código de procedemento IN848D). Deste xeito, nestas axudas diferéncianse dous tipos de plans:
• Plans de deseño para a innovación e a sustentabilidade (liña 1-Deseñapeme), que comprenden aqueles procesos destinados á resolución de problemas e exploración de oportunidades, pode incluír innovacións non tecnolóxicas ou tecnolóxicas, e ten un alcance ou aplicación nos eidos de creación de novos produtos, deseño de produtos ou redeseño de existentes, deseño de servizos e experiencias a través dos servizos, e a estratexia de marca e posicionamento desta. Así como as actividades de apoio e asesoramento en materia de innovación que a complementan.
• Plans de innovación en procesos e organización (liña 2-Innovapeme), constituídos por un conxunto completo e coherente de actividades enfocadas a implementar melloras significativas nas funcións empresariais relacionadas coa produción, prestación e distribución de produtos, bens e servizos, así como nos métodos organizativos e prácticas comerciais empregadas pola empresa, e que permitan incrementar a capacidade innovadora dando lugar a diferenzas substanciais, non exclusivamente tecnolóxicas, coas prácticas anteriores.
2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as ditas axudas para o ano 2023 en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva; as axudas concedidas no marco da presente resolución axustaranse ao establecido no Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do tratado, publicado no Diario Oficial de la Unión Europea (DOUE núm. 187, do 26.6.2014).

Entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as microempresas, pequenas e medianas empresas, así como as entidades do terceiro sector de acción social, conforme as definicións contidas no artigo 2, validamente constituídas no momento da presentación da solicitude, con domicilio social ou un centro de traballo en Galicia, onde deberán desenvolver as actividades para as que se solicita a axuda. As entidades do terceiro sector deben ter actividade económica e entrar dentro da categoría económica de peme indicada no punto 3 do artigo 2.
2. As entidades beneficiarias das axudas deberán contar con capacidade administrativa, financeira e operativa suficiente para a execución da axuda que se lles conceda, cuxas condicións se determinarán no documento que establece as condicións da axuda (DECA), conforme o disposto no artigo 23 da presente resolución.
3. Quedan excluídos da presente convocatoria e non poderán adquirir a condición de beneficiarios destas axudas:
a) Para a liña 1: as pemes que xa resultasen beneficiarias dunha axuda no programa Deseñapeme do ano 2021 (Resolución do 28 de xuño de 2021, DOG núm. 125, do 2.7.2021) ou do ano 2022 (Resolución do 5 de abril de 2022, DOG núm. 76, do 21.4.2022), e non presentasen renuncia expresa a esta con posterioridade á súa resolución de concesión.
b) Para a liña 2: pemes que xa resultasen beneficiarias dunha axuda no programa Innovapeme do ano 2020 (Resolución do 15 de setembro de 2020, DOG núm. 196, do 20.9.2020), do ano 2021 (Resolución do 8 de outubro de 2021, DOG núm. 203, do 21.10.2021) ou do ano 2022 (Resolución do 4 de abril de 2022, DOG núm. 73, do 18.4.2022), e non presentasen renuncia expresa a esta con posterioridade á súa resolución de concesión.
c) As pemes en crise conforme a definición contida no artigo 2.3 desta convocatoria. A Axencia Galega de Innovación realizará as comprobacións necesarias para garantir que as empresas beneficiarias teñen a condición de peme, e que se cumpren as condicións establecidas no artigo 2.18 do Regulamento (UE) 651/2014, do 17 de xuño, da Comisión, para considerar a unha empresa en crise.
d) As pemes nas cales concorra algunha das prohibicións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, nin aquelas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
e) Tampouco poderán obter a condición de beneficiarias as empresas que non cumpran os requisitos establecidos no artigo 13 da Lei xeral de subvencións. En particular, as entidades que incumpran os prazos de pagamento a que se refire o artigo 13.3.bis da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
f) As asociacións, as fundacións e, en xeral, as entidades sen ánimo de lucro, a excepción das entidades do terceiro sector de acción social sinaladas no artigo 4 e de conformidade coa definición do artigo 2.
g) As entidades e sociedades públicas con personalidade xurídica propia vinculadas ou dependentes das administracións públicas, así como aquelas pertencentes á Administración institucional, calquera que sexa a Administración en que se integren.
h) Calquera ente, organismo ou entidade con personalidade xurídica propia, que se teñan creado especificamente para satisfacer necesidades de interese xeral que non teñan carácter industrial ou mercantil, sempre que un ou varios suxeitos pertencentes ao sector público financien maioritariamente a súa actividade, controlen a súa xestión, ou nomeen a máis da metade dos membros do seu órgano de administración, dirección ou vixilancia, de acordo co establecido no artigo 3.1 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.