miércoles, 9 de agosto de 2023

PROGRAMA REENCONTROS CON GALICIA 2023

 PRESIDENCIA DA XUNTA DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 10 de xullo de 2023, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a participación no programa Reencontros con Galicia dirixido a persoas emigrantes maiores de 65 anos que residan en América, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento EM926G).

Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas correspondentes ao programa Reencontros con Galicia para o ano 2023, que ten por finalidade facilitarlles ás persoas maiores da Galicia exterior, mediante un período de estadía na residencia dependente da Xunta de Galicia en Panxón (Nigrán) e posteriormente coas súas familias, o contacto coa realidade galega e o encontro cos seus familiares.
As axudas consistirán no financiamento do custo da viaxe de ida e volta desde os seus países de residencia ata Galicia e da estadía na residencia das persoas emigrantes galegas con escasos recursos económicos.
2. Así mesmo, é obxecto desta resolución convocar estas axudas para o ano 2023, código de procedemento EM926G.

Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias deste programa as persoas que cumpran os seguintes requisitos:
a) Ser unha persoa emigrante galega.
b) Ter a nacionalidade española.
c) Residir en América de maneira continuada, como mínimo, durante os dez (10) últimos anos naturais (2013-2023).
d) Ter 65 anos feitos na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.
e) Non ter participado nos últimos cinco (5) anos naturais en programas de viaxes a Galicia organizados pola Secretaría Xeral da Emigración, isto é, desde 2018 en diante.
f) Valerse por si mesmas e non padecer trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e estar en condicións de realizar unha viaxe de longa duración, circunstancias que deberán acreditar mediante os correspondentes certificados médicos.
g) Ter uns ingresos persoais inferiores a tres veces o importe das bases de cálculo da prestación por razón de necesidade do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións do Estado español para o ano 2023, segundo o país de residencia. Se a persoa solicitante convive con outra ou outras persoas nunha mesma unidade económica familiar, a contía anterior virá determinada pola suma do límite máximo de ingresos persoais máis o resultado de multiplicar o 70 % da devandita cifra polo número de persoas que convivan menos unha.
Para optar ás prazas coas viaxes financiadas ao cen por cento pola Secretaría Xeral da Emigración, o límite máximo de ingresos da persoa solicitante non poderán superar a contía resultante de multiplicar por 2,5 o importe das bases de cálculo da prestación por razón de necesidade do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións do Estado español para o ano 2023, segundo o país de residencia, e no caso de que conviva con outra ou outras persoas nunha mesma unidade económica familiar, a contía determinada pola suma dese límite máximo de ingresos persoais máis o resultado de multiplicar o 70 % da devandita cifra polo número de persoas que convivan menos unha. O resto das persoas solicitantes terá que pagar cincocentos (500) euros para contribuír aos gastos do desprazamento desde o país de orixe ata Galicia.
Terán a consideración de rendas ou ingresos computables todo tipo de rendas, mesmo as axudas públicas ou privadas, os bens ou dereitos de que dispoña anualmente a persoa beneficiaria e/ou a súa unidade económica familiar, derivadas tanto do traballo coma do capital, así coma calquera outro substitutivo daqueles.
Entenderase como unidade económica familiar a integrada pola persoa solicitante e, de ser o caso, o seu cónxuxe, parella de feito ou relación análoga de afectividade, así como os/as fillos/as e parentes por consanguinidade ou adopción ata o segundo grao, sempre que convivan coa persoa solicitante.
h) Contar co consentimento de familiares ata o cuarto grao de consanguinidade ou afinidade para que residan con eles se deciden prolongar a súa estadía en Galicia.
2. As persoas solicitantes poderán vir acompañadas polas unidas a elas por matrimonio, unión de feito ou relación análoga de afectividade, coa condición de que teñan a súa residencia en América, leven convivindo coa persoa solicitante polo menos un ano, cumpran os requisitos establecidos nas alíneas e) e f) e presenten a documentación xustificativa.
O feito de levar convivindo polo menos un ano poderase probar por medio da inscrición no rexistro correspondente, por manifestación expresa mediante acta de notoriedade ou por calquera outro medio admisible en dereito. Para o caso de ter descendencia en común, chegará con acreditar a convivencia.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.