miércoles, 9 de agosto de 2023

SUBVENCIÓN PARA A PARTICIPACIÓN DE PERSOAS CREADORAS GALEGAS EN RESIDENCIAS LITERARIAS FÓRA DE GALICIA 2023

 CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN, FORMACIÓN PROFESIONAL E UNIVERSIDADES

ORDE do 12 de xullo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a participación de persoas creadoras galegas en residencias literarias fóra de Galicia, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento CT215D).

Obxecto
1. Esta convocatoria ten por obxecto establecer as bases reguladoras do procedemento de concesión de subvencións para estadías en residencias literarias que se realicen fóra de Galicia, dirixidas a profesionais da creación literaria galegos para fomentar a difusión da cultura galega e o impulso de relacións de cooperación con outros organismos e centros culturais de referencia (código de procedemento CT215D).
As estadías terán como finalidade que as persoas creadoras realicen a tradución das súas obras, que a súa estadía sexa necesaria para o proceso de investigación previo á creación da obra obxecto da residencia ou que precisen dun espazo e ambiente de traballo que lles permita continuar co desenvolvemento dun proxecto xa iniciado.
2. Para os efectos desta orde, considéranse persoas creadoras as definidas polo artigo 5.1 da Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e a lectura de Galicia: as que interveñen no proceso de creación do libro nos correspondentes labores de escritura, tradución, deseño gráfico e ilustración do libro.
3. Para os efectos da presente orde, considéranse:
3.1. Gastos de viaxe: inclúe os gastos asociados ao desprazamento (ida e volta) da persoa participante ao lugar de realización da residencia.
3.2. Gastos de transportes internos: inclúe os gastos xerados polo uso de medios de transporte para desprazamentos na localidade ou localidades de realización da residencia apoiada, incluídos os gastos xerados polos traslados desde e cara ao aeroporto ou estación de chegada ou partida; gastos para o desprazamento entre localidades se a participación da persoa creadora ten lugar en distintas localizacións; ou gastos xerados polo traslado cara a ou desde a localidade de realizaicón da residencia cando o traxecto cuberto polo billete principal, incluído dentro dos gastos de viaxe, non cubra a totalidade do percorrido.
3.3. Gastos de aloxamento e manutención: corresponde cos gastos xerados durante a estadía da persoa participante no lugar de realización da residencia.
3.4. Gastos de subscrición dunha póliza de seguro de viaxe: corresponde cos gastos de contratación dunha póliza de seguro que cubra os gastos das eventualidades que poidan xurdir durante a viaxe das persoas creadoras subvencionadas.
3.5. Gastos de subscrición dunha póliza de seguro médico: corresponde cos gastos de contratación dunha póliza de seguro que cubra os gastos das eventualidades de saúde que poidan xurdir durante a estadía das persoas residentes.
4. Só se financiarán os gastos realizados que respondan de xeito directo e indubidable á natureza da actividade subvencionada e resulten estritamente necesarios para a súa realización.
5. De acordo co artigo 31.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, a persoa beneficiaria da subvención deberá xustificar que os gastos subvencionables deberán ter sido aboados nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial de aplicación ou, na súa falta, nos establecidos na Lei 3/2004, de morosidade nas operacións comerciais.
6. Así mesmo, ten por obxecto convocar a dita subvención para o ano 2023.

Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde aquelas persoas físicas, autónomas ou non, a que se refire o artigo 1 da orde:
Persoas físicas, sexan autónomas ou non, que interveñan no proceso de creación do libro nos correspondentes labores de escritura, tradución, deseño gráfico e ilustración do libro e que acrediten esta condición e desenvolvan o seu traballo no ámbito da Comunidade Autónoma galega.
2. As persoas solicitantes deben estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

Prazo de presentación de solicitudes
1. O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 31 de outubro de 2023.
Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o derradeiro día do mes.