lunes, 28 de agosto de 2023

PROGRAMA SERVIZO VOLUNTARIO XUVENIL

 CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL E XUVENTUDE

ORDE do 1 de agosto de 2023 pola que se regulan as bases que rexerán a concesión das subvencións ás entidades de acción voluntaria e entidades locais enmarcadas no programa Servizo de voluntariado xuvenil, así como proxectos de voluntariado interxeracional no medio rural, con base no proxecto piloto Talento interxeracional no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento BS320A).

Obxecto e finalidade
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerá o procedemento de concesión das subvencións dirixidas a entidades de acción voluntaria e a entidades locais enmarcadas no programa Servizo de voluntariado xuvenil que realicen proxectos do dito programa, así como proxectos de voluntariado interxeracional no medio rural, con base no proxecto piloto Talento interxeracional no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, desde o 1 de xaneiro ata o 31 de outubro de 2023, e proceder á súa convocatoria para o ano 2023.
2. Estes programas consisten en instar á participación nas entidades de acción voluntaria e nas entidades locais inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia das persoas mozas galegas para a súa colaboración como persoas voluntarias na realización dos proxectos de voluntariado que se presenten ao abeiro desta convocatoria e dentro dos sectores de actuación establecidos na Lei 10/2011, do 28 de novembro, de acción voluntaria. Ademais, nesta convocatoria subvencionaranse actuacións que posibiliten a participación destas persoas mozas en grupos interxeracionais orientados ao desenvolvemento de proxectos de voluntariado enmarcados nas actividades vinculadas co proxecto piloto Talento interxeracional, descrito na letra j) do artigo 2.2 da orde.
3. Estas axudas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

Entidades beneficiarias
1. As entidades beneficiarias das axudas serán as entidades de acción voluntaria e as entidades locais que realicen proxectos de voluntariado enmarcados no programa Servizo de voluntariado xuvenil do ano 2023.
Así mesmo, terán a condición de entidades beneficiarias as entidades locais de carácter rural que realicen actividades relacionadas co proxecto piloto Talento interxeracional no eixe 3. Cohesión social e territorial, política panca VIII, Nova economía dos coidados e políticas de emprego do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, onde se encontra o compoñente 22, Plan de choque para a economía dos coidados e reforzo das políticas de igualdade e inclusión.
Para os efectos desta orde, considéranse entidades locais de carácter rural aqueles concellos que contan con algunha zona, no nivel de parroquia, con baixa densidade de poboación (ZDP) segundo a clasificación publicada polo Instituto Galego de Estatística GU2016 (https://www.ige.eu/web/mostrar_paxina.jsp?paxina=003003001&idioma=gl). Teñen a consideración de entidades locais de carácter rural todos os concellos galegos agás os concellos de Cambre, A Coruña, Culleredo, Ferrol, Narón, Oleiros, Santiago de Compostela, Lugo, Barbadás, Ourense, Poio, Pontevedra e Vigo.
2. As entidades locais poderán concorrer á convocatoria de xeito individual ou conxuntamente baixo as fórmulas de agrupación, asociación, mancomunidade ou calquera outra similar. Tamén poderán concorrer as entidades locais que sexan resultado dunha fusión doutras anteriores.
3. No caso de proxectos vinculados con actividades establecidas na letra j) do artigo 2.2 desta orde, as entidades deberán desenvolver os seus proxectos en calquera dos concellos galegos que teñan a consideración de entidade local de carácter rural, sen necesidade de que a súa actividade principal ou sede social radique nalgún deles.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Outros datos
Para ter acceso á subvención requírese obter un mínimo de 50 puntos na avaliación técnica dos proxectos. Unha vez esgotado o crédito, aquelas solicitudes que non obtiveron subvención aínda que conten con 50 puntos ou máis pasarán a formar parte dunha lista de reserva, que seguirá a orde de prelación establecida e á cal se acudirá no caso de se producir a renuncia dalgunha das subvencións concedidas.
A contía da axuda outorgada non poderá superar os 4.800,00 euros por proxecto, que correspondería a un proxecto de oito (8) persoas voluntarias colaborando 6 horas ao día por un total de 60 días, ou a contía de 12.000,00 € por proxecto, que correspondería a un proxecto de vinte (20) persoas voluntarias colaborando 6 horas ao día por un total de 60 días, naqueles casos en que se poida solicitar ata un máximo de vinte (20) persoas voluntarias por proxecto. Polo tanto, con carácter xeral, eses serán os importes máximos por solicitude, importes que se duplicarán no caso de acceder á subvención para dous proxectos nos termos que establece o artigo 8 da orde.