martes, 29 de agosto de 2023

CONTRATOS FORMATIVOS PARA PERSOAS MOZAS MENORES DE 30 ANOS 2023

 CONSELLERÍA DE PROMOCIÓN DO EMPREGO E IGUALDADE

ORDE do 9 de agosto de 2023 pola que se aproban as bases reguladoras para promover a práctica profesional e a formación en competencias brandas das persoas mozas menores de 30 anos mediante contratos formativos, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento TR353C).

Obxecto
Esta convocatoria ten por obxecto fixar as bases reguladoras e proceder á convocatoria para o ano 2023 de subvencións para a contratación por conta allea, que realicen as empresas e persoas empregadoras, para facilitar a mozas e mozos menores de 30 anos en situación de desemprego un período de práctica profesional acompañada dun proceso de formación para o emprego (código de procedemento TR353C).

Persoas empregadoras e empresas beneficiarias
Poderán ser persoas e empresas beneficiarias dos incentivos previstos nesta orde as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas, as comunidades de bens e sociedades civís que contraten persoas mozas traballadoras por conta allea, para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nesta orde.
Tamén poden ser beneficiarias os centros especiais de emprego, e as empresas de inserción laboral que contraten persoas mozas traballadoras por conta allea, para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, excepto para celebrar contratos con persoas con discapacidade e contratos con persoas en situación ou risco de exclusión social, respectivamente.

Gastos subvencionables
Serán subvencionables ao abeiro deste programa as contratacións por conta allea de persoas mozas mediante a subscrición de:
– Contratos para a obtención da práctica profesional.
– Contratos de formación en alternancia.
Os contratos terán unha duración mínima de 12 meses e deberán ser a xornada completa.
O período durante o que se teñen que producir os contratos formativos para que sexan subvencionables comprende desde o 16 de outubro de 2022 ata o 30 de novembro de 2023.

Contía dos incentivos
A contía máxima da subvención que se concederá con carácter xeral será de:
a) Incentivo á contratación, por cada persoa moza con contrato formativo de 12 meses a xornada completa:
– Nos grupos de cotización 1 e 2: 16.625 €.
– Nos grupos de cotización 3 a 7: 13.300 €.
– Nos grupos de cotización 8 a 11: 9.975 €.
b) Incentivo á formación, por cada persoa moza contratada, para a impartición dun programa formativo en competencias brandas, cunha duración mínima de 60 horas:
– 2.000 € para formación presencial.
– 1.000 € para teleformación.

Presentación de solicitudes e prazo
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
O prazo xeral para a presentación das solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará o día seguinte ao da súa publicación e rematará o 2 de outubro de 2023.