lunes, 28 de agosto de 2023

PROGRAMA RETORNA TALENTO FP

 CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN, FORMACIÓN PROFESIONAL E UNIVERSIDADES

ORDE do 4 de agosto de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o programa Retorna Talento FP, para persoas galegas residentes no estranxeiro interesadas en retornar e cursar determinados estudos de formación profesional que se inicien no curso académico 2023/24 en centros educativos de Galicia (código de procedemento ED333B).

Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases e convocar o procedemento de concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de cento oito (108) bolsas Retorna Talento FP para cursar determinadas ensinanzas de formación profesional que se inicien no curso 2023/24 en centros da Comunidade Autónoma de Galicia. Este procedemento habilitarase na Guía de procedementos e servizos co código ED333B.
Establécense as seguintes modalidades de bolsas:
1. Modalidade A: programas específicos básicos.
Corenta e oito (48) bolsas para cursar as ensinanzas de formación específica básica que se detallan no anexo III. As persoas solicitantes poderán concorrer ás distintas ensinanzas ofertadas, para o que deberán establecer unha orde de preferencia na súa solicitude.
O alumnado seleccionado cursará as devanditas ensinanzas na modalidade presencial durante o curso 2023/24.
2. Modalidade B: ciclos de formación profesional dual.
Sesenta (60) bolsas para cursar os ciclos de formación profesional dual que se indican no anexo IV. As persoas solicitantes poderán concorrer ás distintas ensinanzas ofertadas, elixindo a súa primeira opción como preferente, e sinalando na solicitude as restantes opcións segundo a súa orde de preferencia.
Nesta modalidade a formación terá unha duración de dous cursos académicos. Durante o curso 2023/24, o alumnado cursará un período inicial na modalidade semipresencial e a distancia, que poderá desenvolver desde o seu país de residencia, seguido dun período na modalidade presencial dual, que se desenvolverá na empresa. O curso 2024/25 desenvolverase na modalidade semipresencial e a distancia dual, cunha primeira parte de formación semipresencial e a distancia que se impartirá desde o centro educativo, seguida dunha parte de formación presencial que se desenvolverá no centro de traballo.

Persoas beneficiarias
Poderá concorrer a esta convocatoria a cidadanía galega residente no exterior e que cumpra o disposto no artigo 4. Requisitos.
Quedan excluídas desta convocatoria as persoas que xa fosen beneficiarias da bolsa convocada mediante a Orde do 4 de agosto de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o programa Retorna Mocidade, para persoas galegas residentes no estranxeiro interesadas en retornar e cursar determinados estudos de formación profesional no curso académico 2022/23 en centros educativos de Galicia, ou outras bolsas de edicións anteriores.
Quedan excluídas desta convocatoria aquelas persoas que xa fosen beneficiarias das bolsas de excelencia para a mocidade exterior (BEME), convocadas pola Secretaría Xeral da Emigración.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para presentar solicitudes será de 30 días naturais, que se contarán desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia (DOG) e finalizará ás 23.59.59 horas (hora peninsular española) do día en que finalice o dito cómputo.