martes, 29 de agosto de 2023

BOLSAS PARA A REALIZACIÓN DE ESTUDOS NO CENTRO SUPERIOR DE HOSTALARÍA DE GALICIA 2023/24

 AXENCIA DE TURISMO DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 4 de agosto de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de bolsas para a realización de estudos no Centro Superior de Hostalaría de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o curso 2023/24 (código de procedemento TU200A).

Obxecto e réxime
Estas bases teñen por obxecto o establecemento de bolsas de matrícula, en réxime de concorrencia competitiva, para o alumnado que curse as titulacións que imparte o Centro Superior de Hostalaría de Galicia (CSHG), para o curso 2023/24, código de procedemento TU200A.

Persoas beneficiarias
1. Poderá solicitar estas bolsas o alumnado que reúna os requisitos académicos e económicos que establece esta resolución e teña feito, se procede, o anticipo de matrícula.
2. No caso de que non se outorguen a totalidade das bolsas incluídas para a convocatoria do curso 2023/24, poderán outorgarse ao alumnado do resto de cursos, sempre que reúnan os requisitos establecidos para a obtención das bolsas no artigo 4 destas bases, salvo o de cursar o primeiro curso.
En todo caso só poderá obter bolsa neste suposto o alumnado que non obtivese bolsa en ningunha ocasión anterior e superase o curso nas convocatorias de xuño, a excepción do stage.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.
Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Aboamento e xustificación
A bolsa non supón a entrega efectiva de diñeiro ao/á alumno/a a que lle foi concedida. A concesión da bolsa supón a posibilidade de matricularse nas titulacións sen necesidade de aboar o importe que lle foi concedido segundo o tipo de bolsa.
Unha vez publicada a resolución de concesión no Diario Oficial de Galicia, a persoa beneficiaria poderá aplicar o desconto correspondente sobre o prezo da matrícula segundo o tipo de bolsa que lle foi concedido.