martes, 29 de agosto de 2023

PROGRAMA DE APOIO A MULLERES NOS ÁMBITOS RURAL E URBANO 2023

 CONSELLERÍA DE PROMOCIÓN DO EMPREGO E IGUALDADE

ORDE do 1 de agosto de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao financiamento do Programa de apoio a mulleres nos ámbitos rural e urbano, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2023 (código de procedemento TR332E).

Obxecto
A presente orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria pública, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións do Programa de apoio a mulleres nos ámbitos rural e urbano (código de procedemento TR332E), dirixida á mellora da capacitación e inserción laboral das mulleres das áreas rurais e urbanas.
Constitúe unha actuación incluída no investimento 2, Emprego, muller e transversalidade de xénero nas políticas públicas de apoio á activación para o emprego, comprendida no compoñente 23 Novas políticas públicas para un mercado de traballo dinámico, resiliente e inclusivo do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, aprobado polo Consello de Ministros o 27 de abril de 2021, e pola Decisión de execución do Consello relativa á aprobación da avaliación do Plan de recuperación e resiliencia de España (Council Implementing Decision-CID), do 13 de xullo de 2021.
Será obxecto das subvencións reguladas nesta orde a atención personalizada ás mulleres de áreas rurais e urbanas participantes en itinerarios individualizados que combinen accións de diferente natureza, tales como orientación laboral, asesoramento, información, formación, adquisición de competencias e habilidades transversais, que faciliten a inserción laboral e o acompañamento no emprego, e teñan por obxecto a súa capacitación e inserción laboral, nos ámbitos que se establecen nos artigos 4 e 5, fortalecendo ao tempo a igualdade efectiva e a non discriminación no acceso ao emprego.

Entidades beneficiarias da subvención
Poderán ser beneficiarias da subvención as entidades con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro que acrediten experiencia na realización de accións dirixidas ao acompañamento de persoas desempregadas, axustado ao seu perfil de empregabilidade, en procesos de inserción laboral por conta allea ou propia.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación de solicitudes comprenderá desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia ata o 16 de outubro de 2023.