viernes, 4 de enero de 2019

TARXETA BENVIDA ANO 2019

CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL


Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases polas que se rexerá a concesión dunha axuda económica para as familias que no ano 2019 teñan un fillo/a, adopten ou sexan declaradas en situación de garda con fins adoptivos e para aquelas outras que, tendo obtido a axuda no ano 2018, experimentaran unha variación á baixa da renda da unidade familiar que implique ter dereito á ampliación regulada no artigo 4.2, e proceder á súa convocatoria (código do procedemento BS403B).

2. A axuda farase efectiva a través da tarxeta benvida, a cal só poderá ser utilizada en farmacias, parafarmacias, supermercados, tendas de alimentación e establecementos de puericultura ou especializados en artigos e produtos para a infancia.

 Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias desta axuda aquelas persoas residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que se atopen nun dos seguintes supostos:
a) Ter fillas ou fillos nados/as entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2019.
b) Ter constituída a adopción ou ser declarado/a en situación de garda con fins adoptivos dun ou máis nenos/as entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2019.
2. Así mesmo, poderán beneficiarse da axuda as galegas e galegos e os seus descendentes que se atopen en calquera dos dous supostos anteriores e, tendo residido fóra de España, retornen a Galicia durante o ano 2019.
3. Igualmente poderán beneficiarse da ampliación prevista no artigo 4.2 aquelas familias que obtiveran a axuda no ano 2018 e experimentaran unha variación á baixa da renda da unidade familiar que implique ter dereito á dita ampliación.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contados desde o día seguinte a aquel en que se produce o nacemento ou se dita a resolución administrativa ou xudicial para os supostos de garda con fins adoptivos e de adopción. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día do nacemento ou do día no que se ditou a resolución de adopción ou de garda con fins adoptivos.
No suposto de que a persoa solicitante sexa emigrante retornada a Galicia en 2019 e sempre que o fillo ou filla nacera con anterioridade ao seu regreso, este prazo de dous meses contarase a partir do día seguinte a aquel que conste na documentación que acredite fidedignamente a data de retorno a España. Así mesmo, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal da data que figure na dita documentación acreditativa.
Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao seguinte día hábil e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.