martes, 8 de enero de 2019

CONVOCATORIAS PROBAS DE CONSTATACIÓN DE COMPETENCIA PROFESIONAL DE XESTRO DE TRANSPORTE EN EMPRESAS DE TRANSPORTE POR ESTRADA

CONSELLERÍA DE INFRAESTRUTURAS E MOBILIDADE


Convocatoria.
Convócanse, para o ano 2019, as probas de constatación da competencia profesional para o desempeño das funcións de xestor de transporte en empresas de transporte por estrada, tanto na súa modalidade de mercadorías como na de persoas viaxeiras, que terán lugar na Comunidade Autónoma de Galicia de acordo co calendario e demais condicións previstas nesta resolución (procedementos IF312A e IF312B).

Calendario.
a) No ano 2019 realizaranse dúas convocatorias que terán lugar (preferentemente en sábado, domingo ou festivo) entre os períodos abranguidos entre:
– Primeira convocatoria: entre o 30 de marzo de 2019 e o 2 de xuño de 2019.
– Segunda convocatoria: entre o 5 de outubro de 2019 e o 1 de decembro de 2019.
b) As persoas aspirantes que cumpran os requisitos para presentárense ás probas poderán facelo a calquera das convocatorias, ou ás dúas sucesivamente; igualmente, en calquera delas poderán presentarse á modalidade de xestor de transporte para empresas de transporte de mercadorías por estrada e á de xestor de transporte para empresas de transporte de persoas viaxeiras por estrada, ou só a unha delas.

Requisitos das persoas aspirantes.
Para poder participar nas probas de xestor de transporte será preciso reunir os seguintes requisitos no momento da fin do prazo de presentación de solicitudes:
a) Ter residencia habitual en Galicia.
Para tal efecto, presumirase que a residencia habitual da persoa aspirante está no lugar en que figure o seu domicilio no documento nacional de identidade en vigor; só se admitirá que o domicilio sexa distinto do que apareza no referido documento cando se dea algunha das seguintes circunstancias:
– Que a persoa aspirante acredite que tivo o seu domicilio en Galicia, cando menos, durante cento oitenta e cinco (185) días naturais do último ano, contados desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes para concorrer aos exercicios.
– Que a persoa aspirante acredite que, sen cumprir o requisito do punto anterior, se viu obrigada por razóns familiares ou profesionais a cambiar a súa residencia en Galicia; non obstante, non se entenderá cumprida esta exixencia nin cando se trate de estadías temporais nunha localidade para a realización dunha actividade de duración determinada, nin cando se trate de supostos de asistencia a unha universidade, escola ou centro docente.
b) Xustificar a posesión da formación académica previa que, de ser o caso, exixa a normativa vixente no momento de publicarse esta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Inscrición.
A presentación da solicitude de inscrición, a achega de documentación complementaria e mais o pagamento da taxa deberán realizarse de forma telemática, por aplicación do artigo 56 da Lei 16/1987, do 30 de xullo, de ordenación dos transportes terrestres, de acordo co establecido nos puntos seguintes. Seguirase, para o efecto, o procedemento dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), co código IF312A.
4.1. Presentación de solicitudes.
As solicitudes axustaranse ao modelo incorporado como anexo I desta resolución, e presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.
Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráse para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.
Para a apresentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).