jueves, 10 de enero de 2019

BOLSAS DE FORMACIÓN PARA A REALIZACIÓN DE PRÁCTICAS EN MATERIA DE POLÍTICAS E PROGRAMAS EUROPEOS NO ÁMBITO DA INNOVACIÓN E A INVESTIGACIÓN

VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA


Obxecto
Estas bases regulan as condicións polas que se rexerá a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de bolsas de formación para persoas cun título universitario, para a realización de prácticas en materia de políticas e programas europeos no ámbito da innovación e a investigación (código de procedemento PR770M).

Duración e lugar de realización das bolsas
1. O programa formativo das bolsas terá unha duración máxima de doce (12) meses.
A convocatoria anual da FGE determinará a duración exacta das bolsas.
2. O lugar de desenvolvemento das bolsas será a oficina da FGE en Bruxelas, podendo realizar tamén breves períodos formativos nas dependencias de Gain en Santiago de Compostela ou onde esta indique.

Requisitos das persoas beneficiarias para obter a bolsa
Poderán optar á obtención das bolsas as persoas que reúnan os seguintes requisitos, que deberán posuír no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes:
1. Ter a nacionalidade española ou ser nacional dun Estado membro da Unión Europea.
2. Ser natural de Galicia, ser fillo/filla de galegos ou acreditar a súa residencia en Galicia polo menos desde os dous anos anteriores á publicación da convocatoria e nivel B2 nalgunha das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia.
3. Posuír un título universitario de grao, licenciatura, enxeñaría ou equivalente ou acreditar o pagamento dos dereitos para a súa expedición. Os estudos conducentes a obtención do título deberon terse rematado dentro dos seis anos anteriores ao da publicación da convocatoria.
4. Posuír un nivel B2 ou superior en lingua inglesa.
5. Posuír a capacidade funcional necesaria para o desempeño das funcións que deriven do obxecto desta bolsa.
6. Non estar incursas nas prohibicións para obter a condición de persoa beneficiaria sinaladas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño).
7. Non ter gozado anteriormente doutra bolsa da FGE en convocatorias anteriores, excepto que na convocatoria do ano inmediatamente anterior fose chamado da lista de suplentes e gozase da bolsa por un período de tempo non superior a 3 meses.

Presentación de solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
2. Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.
3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).