viernes, 11 de enero de 2019

OBRADOIROS E AXUDAS Á DIXITALIZACIÓN INDUSTRIA 4.0

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA


Obradoiros

Obxecto
Os obradoiros concíbense como espazos de encontro entre empresas para explorar solucións tecnolóxicas e vías de colaboración que dean lugar a proxectos de implementación de ferramentas dixitais colaborativas sectoriais susceptibles de optar ás axudas establecidas nestas bases ou noutras convocatorias, ou ben oportunidades de hibridación intersectorial.

Beneficiarios
Os organismos intermedios de carácter empresarial de Galicia. Entenderase como tal para os efectos destas bases:
a) Entidades con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro, con domicilio social ou centro de traballo en Galicia, que pertenzan a unha das seguintes categorías: asociacións empresariais, fundacións empresariais ou universidade-empresa ou clústeres empresariais.
b) Centros tecnolóxicos e centros de apoio á innovación tecnolóxica domiciliados en Galicia e que estean inscritos no rexistro establecido para o efecto polo Ministerio de Ciencia e Innovación (Real decreto 2093/2008, do 19 de decembro, polo que se regulan os centros tecnolóxicos e os centros de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal e se crea o rexistro de tales centros, BOE número 20, do 23 de xaneiro de 2009).

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará o 15 de marzo de 2019.

Axudas ás pemes

Obxecto
As axudas ás pemes van destinadas á posta en marcha de proxectos cuxa finalidade sexa a implantación de solucións para o soporte dixital de procesos dunha empresa ou para proxectos de interconexión dixital de procesos entre unha peme galega e outras empresas ou entre dúas ou máis pemes galegas como poden ser ordes de fabricación distribuída, sistemas de facturación, procesos entre un líder industrial cara ás pemes que conforman a súa cadea de valor.
Os proxectos poderán ser de dúas modalidades:
a) Proxectos colectivos, nos cales un grupo de empresas (opcionalmente coordinadas por un organismo intermedio colaborador) aborda unha das seguintes tipoloxías de proxecto:
1º) Propoñen utilizar e implantar un determinado sistema nas súas interaccións dixitais.
2º) Propoñen a implantación dun sistema de dixitalización, dalgún proceso ou de xestión integral, especificamente deseñado ou desenvolvido para o seu ámbito de actividade.
b) Proxectos individuais nos cales unha peme aborda unha das seguintes tipoloxías de proxecto:
1º. Desenvolvemento dunha interface dixital para as súas interaccións de negocio, ou adopción/implantación dunha solución de interacción xa existente cos seus clientes ou provedores.
2º. Implementación de sistemas encamiñados á dixitalización de procesos concretos ou de xestión integral (ERP, CRM e similares), interconexión de elementos físicos e virtuais, tratamento de datos captados (intelixencia de negocio, bigdata e similares) e ciberseguridade.
3º. Sistemas de intelixencia artificial, aprendizaxe automática e toma de decisións autónomas.
Os proxectos da modalidade a) terán preferencia sobre os da modalidade b).

Beneficiarias
As pequenas e medianas empresas (pemes), segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño de 2014), que sexan sociedades con personalidade xurídica propia ou autónomos e que teñan un centro de traballo en Galicia no cal se vaia realizar o proxecto.
As pemes poderán solicitar axudas á tipoloxía de proxectos individuais descritos no artigo 5.b) das bases.
Para poder solicitar as axudas á tipoloxía de proxectos colectivos descritos no artigo 5.a) das bases, os interesados deberán, previamente, constituír unha agrupación das previstas no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que terá que estar formada, polo menos, por dúas pemes con centro de traballo en Galicia.

Os prazos de presentación de solicitudes serán os seguintes:
Liña IG240.1 Axudas: desde o día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia ata o 15 de marzo de 2019.
Liña IG240.2 Axudas: desde o 3 de xuño de 2019 ata o 20 de setembro de 2019.