lunes, 7 de enero de 2019

MODIFICACIÓN DAS SUBVENCIÓNS DO PROGRAMA DE INFRAVIVENDA DO PLAN REHAVITA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E VIVENDA


Artigo único. Modificación da Orde do 26 de decembro de 2017, pola que se establecen as bases reguladoras aplicables á concesión das subvencións do Programa de infravivenda do Plan rehaVIta: Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018

1. Modifícase o artigo 4 da Orde do 26 de decembro de 2017, que queda redactado como segue:
«Artigo 4. Actuacións subvencionables
Consideraranse actuacións subvencionables a execución de obras de rehabilitación en edificacións e vivendas, co obxecto de que estas acaden unhas mínimas condicións de habitabilidade.
En concreto, serán subvencionables con a cargo este programa as actuacións que teñan por obxecto:
– A reforma ou rehabilitación de elementos exteriores.
– A mellora das condicións estruturais e de seguranza.
– A mellora da accesibilidade da edificación ou das vivendas.
– A mellora da habitabilidade. Dentro destas últimas, será subvencionable a execución de obras que eviten a entrada no edificio do gas radón ou a adopción de medidas que garantan a súa eliminación do interior das vivendas».

2. Modifícase o número 4 do artigo 5 da Orde do 26 de decembro de 2017, que queda redactado como segue:
«4. O custo total das actuacións subvencionables poderá incluír os honorarios dos profesionais que interveñan, os informes técnicos e certificados necesarios, os gastos derivados da tramitación administrativa e outros gastos xerais similares, sempre que todos eles estean debidamente xustificados. Tamén serán subvencionables os gastos xerais de estrutura que inciden sobre o contrato referido no artigo 131 do Real decreto 1098/2001, do 12 de outubro, polo que se aproba o Regulamento xeral da Lei de contratos das administracións públicas: gastos xerais e beneficio industrial. Así mesmo, no custo total das obras incluiranse os gastos derivados de impostos, taxas e tributos».

3. Modifícase artigo 5, coa inclusión dun novo número 5, coa seguinte redacción:
«5. Nas actuacións de reparación, rehabilitación ou conservación de fachadas, carpintaría exterior ou cuberta das edificacións seguiranse os criterios fixados na Guía de cor e materiais elaborada pola Xunta de Galicia».

4. Modifícase o artigo 6, que queda redactado como segue:
«Artigo 6. Concellos beneficiarios
1. Poderán ser beneficiarios destas axudas os concellos de Galicia que cumpran cos seguintes requisitos:
a) Contar con menos de 10.000 habitantes. Para estes efectos, tomaranse como referencia as últimas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes, publicadas polo Instituto Galego de Estatística na data da publicación da correspondente convocatoria.
b) Ter cumprido co deber de remisión ao Consello de Contas de Galicia das contas xerais do exercicio inmediatamente anterior ao ano da convocatoria, no cal o seu prazo de presentación estivese vencido.
2. Non poderán ser beneficiarios destas axudas aqueles concellos que estean nalgún dos supostos previstos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Tampouco poderán ser beneficiarios destas axudas, nos termos que se establezan na correspondente convocatoria, aqueles concellos que téndoselle concedido unha subvención en virtude deste programa, non a xustificasen debidamente e non tivesen renunciado a ela no prazo dun mes, contado desde a data de notificación da resolución de concesión».

5. Modifícanse os números 1, 2 e 5 do artigo 10, que quedan redactados como segue:
«1. A solicitude de concesión realizarase conforme o modelo que se incorpora como anexo I da resolución de convocatoria. Deberá dirixirse á Área Provincial do IGVS onde estea situada a edificación ou a vivenda».
«2. No caso de que os concellos pretendan financiar varias actuacións a través desta convocatoria, deberán presentar unha solicitude para cada unha delas. Ningún concello poderá realizar dúas solicitudes diferentes para a mesma infravivenda na mesma convocatoria anual, nin poderá solicitar unha subvención para traballos correspondentes a actuacións xa subvencionadas en convocatorias anteriores na mesma infravivenda».
«5. No modelo de solicitude realizaranse as declaracións que se determinen na resolución de convocatoria».

6. Modifícase o artigo 11 da Orde do 26 de decembro de 2017, que queda redactado como segue:
«Coa solicitude achegarase a documentación que se estableza na correspondente resolución de convocatoria».

7. Modifícase o número 2 do artigo 16 da Orde do 26 de decembro de 2017, que queda redactado como segue:
«2. O procedemento iníciase de oficio, mediante a correspondente publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución de convocatoria ditada pola persoa titular da Presidencia do IGVS».

8. Modificase o punto f) do artigo 20.1 da Orde do 26 de decembro de 2017, que queda redactado como segue:
«f) Copia de tres ofertas, de conformidade co establecido no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no suposto de que o importe do gasto subvencionable da actuación supere a contía de 40.000 euros. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, debendo xustificar expresamente nunha memoria a elección, cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.