martes, 14 de febrero de 2023

SUBVENCIÓNS Á PROGRAMAS DE INTERESE XERAL PARA FINS DE CARÁCTER SOCIOSANITARIO NO ÁMBITO DOS TRASTORNOS MENTAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 18 de xaneiro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca, polo procedemento de anticipado de gasto, o procedemento para a concesión de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter sociosanitario no ámbito dos trastornos mentais (código de procedemento SA500A).

Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e proceder á convocatoria de axudas ás entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro, destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter sociosanitario no ámbito dos trastornos mentais e dos trastornos adictivos (código de procedemento SA500A).
O contido dos programas que se desenvolverán durante o ano 2023 deberá axustarse, de conformidade coa tipoloxía de cada programa recollido no anexo I, ás seguintes liñas de actuación:
Liña I. Proxectos de investimento en melloras en centros sanitarios e sociosanitarios cuxa actividade principal sexa o desenvolvemento de programas asistenciais e psicosociais ou preventivos en materia de trastornos mentais (incluídos os trastornos adictivos).
Liña II. Programas de intervención comunitaria en persoas con trastorno mental severo (incluídos os trastornos adictivos).
Liña III. Programas de promoción do desenvolvemento de contornas protectoras no ámbito dixital e prevención terciaria en adiccións comportamentais e outras adiccións.
Liña IV. Programas de incorporación social e fomento do emprego en persoas con trastornos mentais (incluídos os trastornos adictivos).
Liña V. Programas de prevención do suicidio.
Habilítase na sede electrónica da Xunta de Galicia o código SA500A para este procedemento administrativo.

Entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as entidades definidas no artigo 2 da Lei 43/2015, do 9 de outubro, do terceiro sector de acción social, e outras organizacións, sempre que cumpran os seguintes requisitos:
a) Estar legalmente constituídas, polo menos, con dous anos de antelación á data da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia e debidamente inscritas no correspondente rexistro administrativo de ámbito autonómico. As entidades solicitantes deberán de estar inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS). O cumprimento deste requisito será comprobado de oficio pola Administración. Este requisito entenderase cumprido coa presentación da solicitude de inscrición dentro do prazo de presentación das solicitudes que establece o artigo 8.3. En todo caso, a entidade deberá de estar debidamente inscrita no momento de pagamento da subvención.
b) Carecer de ánimo de lucro.
c) Ter o seu domicilio social ou delegación na Comunidade Autónoma de Galicia.
d) Non atoparse en ningunha das situacións establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. A acreditación de non estaren incursas nas ditas circunstancias realizarase mediante declaración responsable da persoa representante da entidade.
e) Que teña entre os seus fins estatutarios principais actividades de axuda e apoio orientadas aos colectivos a que se dirixe a subvención: persoas con trastorno mentais ou persoas con trastornos adictivos.
f) As entidades que formen parte dunha federación ou persoa xurídica similar de ámbito autonómico poderán solicitar as axudas a través de estas.
g) Desenvolver as súas actividades de xeito efectivo, contando con medios persoais e materias necesarios, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
Todos os requisitos sinalados deberán cumprirse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e manterse durante todo o período de execución do programa subvencionado.
2. Dentro dos límites da lexislación autonómica tamén poderán ser beneficiarias as agrupacións de organizacións sen personalidade xurídica nos seguintes termos:
a) Cada un dos seus membros deberá cumprir os requisitos establecidos no número 1 deste artigo.
b) Deberán indicar os compromisos asumidos por cada un dos seus membros e o importe da subvención que se aplica a cada un deles.
c) Deberán nomear unha persoa en representación con poderes bastantes para cumprir coas obrigas que, como entidade beneficiaria, corresponden á agrupación.
d) Non se poderán disolver ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 39 e 65 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
3. No caso de que algunha das entidades solicitantes sexa unha federación, confederación ou persoa xurídica similar que integre no seu seo a varias entidades, poderá propoñer de entre estas unha ou varias entidades para executar os programas, as cales actuarán no nome e por conta da entidade solicitante.
4. Non se entenderán incluídos dentro da tipoloxía destas entidades do terceiro sector de acción social os organismos ou entidades de dereito público adscritos ou vinculados a unha Administración pública, as universidades, os partidos políticos e as fundacións deles dependentes, os colexios profesionais, as cámaras oficiais de comercio, industria e navegación, as sociedades civís, as organizacións empresariais e os sindicatos, e outras entidades con análogos fins específicos e natureza que os citados anteriormente.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. O dito prazo deberá computarse de conformidade co artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.